20060702 villa 14 setiembre evo morales

As dúas Bolivias de Evo

 Evo Morales, clic para aumentar
Evo e o seu goberno navegan entre dúas augas: a do reformismo constitucional para garantir os dereitos sociais e a da descentralización territorial. É por iso que, na súa lexítima intención de "refundar Bolivia", Evo pode confrontarse cun escenario de consecuenciasimprevistas. (Foto: Evo Morales acude a votar á cidade Villa 14 de Setiembre, na rexión de Chapareé, o 2 de xullo de 2006, día do referendo para a formación dunha Asemblea Constituínte).
 

A maioría dos bolivianos, en total tres millóns e medio de habitantes, apoiaron o pasado domingo, vía referendo, o proxecto do seu presidente Evo Morales para a formación dunha Asemblea Constituínte que permita reformar a estrutura política, lexislativa e administrativa boliviana.

Simultaneamente, mentres se celebraba este referendo, outra consulta popular, esta vez na rexión de Santa Cruz, formulaba a opción pola autonomía territorial, pulsada polas elites económicas dunha rexión rica en recursos petroleiros, gasíferos e hidráulicos. Nesta ocasión, a maior parte dos habitantes deste departamento votaron a favor da descentralización territorial.

Este escenario reflicte dúas vías dentro da Bolivia de Evo Morales. Por unha banda, o presidente indixenista consolida a súa proposta política e o seu liderazgo nacional, a traveso da contundente maioría popular outorgada para a reforma do Estado boliviano.

Cos ecos aínda frescos pola medida de nacionalización dos recursos enerxéticos bolivianos, Morales e o seu partido Movemento ao Socialismo, MAS, conservan o apoio popular a súa afirmación na defensa dos dereitos laborais e indixenistas na conformación dunha eventual nova Constitución nacional.

Pero o reto presentado polo referendo en Santa Cruz obrigará a unha posible puxa entre a capital, A Paz, e este departamento territorial, sobre as competencias de soberanía nunha rexión clave para o desenvolvemento económico nacional. Esta puxa xa tivo a súa primeira baixa política: o comisario de Policía de Santa Cruz, destituído a consecuencia dunha agresión provocada por diversos grupos afíns ao movemento autonomista contra a central obreira local.

Esta destitución pode encerrar as claves dunha forte presión política e a loita polas competencias entre o goberno e os departamentos que votaron polo SÍ. En Santa Cruz, a derrota de Evo tamén obrigará a unha reformulación política entre o partido gobernante, o movemento autonomista Comité Pro Santa Cruz, liderado por Germán Antelo, e outros movementos e grupos sociais.

Todo isto conforma un escenario turbulento para Evo Morales nos próximos meses e que terá no Congreso Nacional e a futura Asemblea Constituínte aos seus dos principais centros de discusión. Polo tanto, Evo e o seu goberno navegan entre dúas augas: a do reformismo constitucional para garantir os dereitos sociais e a da descentralización territorial.

Obviamente, a situación boliviana reflicte de gran interese rexional e hemisférico, tomando en conta os intereses económicos e políticos de países involucrados como Brasil, Venezuela, EEUU, Arxentina e Cuba. Aínda está presente a fricción entre Evo e o mandatario brasileiro Lula da Silva polo recente decreto de nacionalización. É por iso que, na súa lexítima intención de "refundar Bolivia", Evo pode confrontarse cun escenario de consecuencias imprevistas.