As outras crises nacionalistas na China

A reiteración de ataques, a finais de xuño, no Xinjiang cun balance de 24 mortos e varios feridos, asaltos a comisarías de policía e edificios gobernamentais, evidencia a persistencia de graves contradicións e fallas na política chinesa en materia de nacionalidades. Varias ducias de persoas foron tamén detidas acusadas de propagar rumores falsos a través de Internet e SMS. É o cuarto incidente destas características desde abril último.

Apartados xeográficos China e o mundo chinês
Idiomas Galego

A reiteración de ataques, a finais de xuño, no Xinjiang cun balance de 24 mortos e varios feridos, asaltos a comisarías de policía e edificios gobernamentais, evidencia a persistencia de graves contradicións e fallas na política chinesa en materia de nacionalidades. Varias ducias de persoas foron tamén detidas acusadas de propagar rumores falsos a través de Internet e SMS. É o cuarto incidente destas características desde abril último.

Fronte aos movementos irredentistas de Xinjiang e Tíbet e, en menor medida, Mongolia Interior, a resposta do goberno central vén consistindo na promoción, a partes iguais, dun maior investimento e unha maior presenza policial. Lonxe de acalar as tensións, a reiteración de graves alteracións da orde sinalan que sen medidas políticas de alcance resultará moi complexo incorporar a certas minorías ao soño chinés, reducido a un soño da maioría Han.

A criminalización de toda oposición e a asociación entre defensa da identidade cívica ou relixiosa con terrorismo, a denuncia do intrusismo exterior que ambiciona desestabilizar áreas de importancia estratéxica para o país (como é o caso de Tíbet e Xinjiang) tenta simplificar o problema reducíndoo a unha cuestión de seguridade cando, en realidade, vai moito máis aló.  

Os sucesos de agora de Xinjiang lembran os acontecidos hai catro anos polas mesmas datas. Entón, preto de 200 persoas faleceron e máis de mil resultaron feridas na capital Urumqi. No veciño Tíbet máis dun cento longo de monxes lévase inmolado nos últimos anos. O dramatismo destes episodios revela o nivel de desesperanza que se respira nestes territorios, remotos para o goberno central pero claves para a estabilidade da organización político-territorial do país.

Beijing reitera que nos últimos tempos ten destinado capitais, tecnoloxías e recursos humanos para promover o rápido desenvolvemento das zonas mais afastadas do Oeste elevando considerablemente o seu nivel de vida, antes naufragado nunha fonda pobreza. Sen deixar de ser certo, tamén o é que esta política está lonxe de calmar os ánimos. O aumento da presenza da maioría Han para soster o impulso do desenvolvemento a marchas forzadas e seguindo un modelo que pivota claramente cara as necesidades do goberno central, o reforzamento progresivo dos aparatos de seguridade, a persistencia das discriminacións (os postos de dirección son reservados maioritariamente para os Han e os salarios dos uigures, por exemplo, son inferiores), e ata as ambigüidades da política relixiosa (o respecto formal contrasta con ofertas de xenerosas subvencións a cambio, por exemplo, de non respectar a observancia do Ramadán), aumentan os riscos de desestabilización facendo que calquera incidente prenda a mecha dun pavoroso incendio. Este temor, o do contaxio a outras zonas, é a primeira preocupación das autoridades centrais.

O recurso cada vez mais frecuente á violencia por parte do movemento uigur e tibetano brinda ás autoridades un argumento para xustificar a represión nunha espiral que exacerba a desesperación. Esta radicalización tende a agravarse nun contexto de ausencia de diálogo e de cambio xeracional nos movementos irredentistas. A tese de que todo é froito do subdesenvolvemento e da pobreza só recolle parte da realidade pois o incremento do PIB per cápita non diluirá as demandas dun autentico autogoberno.

O entorno rexional, desde Paquistán a Asia central, engade máis motivos de preocupación e conecta o irrendentismo destes movementos coa miríade de grupellos fanático-relixiosos que proliferan na zona. O Diario do Pobo acusaba recentemente a EUA de intrigar e de incitar á violencia ao aplicaren unha dobre vara de medir ao evitar condenar estes episodios. Non obstante, a raíz do problema está dentro e a transcendencia do simbolismo relixioso só pode lograrse de xeito efectivo a través da promoción de iniciativas políticas que desencallen unha estrutura vixente dende o maoísmo, nunhas circunstancias notoriamente diferente ás actuais. A obsolescencia marca a política chinesa neste asunto.

É evidente que poden converxer poderosos intereses externos na cuestión, pero tamén que grandes sombras planean sobre unha política de nacionalidades baseada nun paternalismo desconfiado que dispensa “privilexios” e funcións representativas ás pequenas nacionalidades a cambio de que os maioritarios Han conserven na totalidade as rendas do poder. Esa ecuación é insostible.