As rexións do Arco Atlántico: Highland

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

As Highlands, Terras Altas Do Norte, ocupan unha das tres áreas naturais que forman Escocia. Rodeadas dun mar ingrato, e cun clima espartano, son, tamén, un dos escenarios salvaxes máis abraiantes de Europa. Prolongadas ata latitudes 55º a 60º, abranguen as montañas máis altas e as augas máis fondas de Gran Bretaña: a glaciación cuaternaria furou nelas vales profundos en canle (glens), fiordos, e lagos glaciares (lochs). As augas destes lagos corren, na depresión do Glen More, na xigantesca Canle Caledoniana (do nome latino de Escocia) que curta os Highlands comunicando o Mar do Norte co Océano Atlántico. As violentas treboadas e as longas invernías baten nunha paisaxe insólita, que atrae no verán hordas de turistas. O turismo, que é o primeiro empregador, supón xa 1/5 da economía da área.

Loxicamente a aspereza da xeografía e o clima configuran a vida nos Highlands, e resulta na densidade de poboación máis baixa da Europa comunitaria: 8 hab/km2. De feito, representando 1/3 do territorio escocés, acollen tan só o 4% da poboación.

Gran dispersión da poboación, despoboamento do rural e avellentamento son problemas da xeografía humana de Highland mais, en cuestión de poucos anos, estanse a producir inesperados cambios, ata o punto de converterse nun fenómeno capaz de inverter unha tendencia de declinio que dura máis dun século.

Os highlanders emigraron masivamente da terra, ata chegaren a mínimos de poboación en 1961: .000 habitantes. Dende entón, a poboación non fixo senón medrar, e hoxe, con 373.000 habitantes, é unha das áreas que amosa un crecemento máis rápido en Escocia, gracias ó pulo dado por Inverness e a atracción dunha nova inmigración inglesa. A diferencia dos invasores ingleses dos s. XVIII e XIX, esta nova onda está a vigorizar enormemente a economía local.

O motor económico segue a ser Inverness, que concentra nela, ou no seu hinterland, 1/3 dos habitantes de Highland, medrando rapidamente gracias ós inmigrantes do rural e os foráneos. O fenómeno inglés é tal que mesmo o distrito illeiro de Skye & Lochalsh rexistra un 20% de crecemento na última década.

A Highland&Islands Enterprise (HIE), que é o organismo público máis importante e actúa coma Axencia Rexional de Desenvolvemento Económico, sinala a alta calidade de vida e ambiental, xunto ós cambios no propio estilo de vida, coma o factor principal na atracción de novos residentes e novas empresas. Noutro plano, o establecemento da longamente esperada Universidade das Highland&Islands (UHI) tería xogado un enorme papel para o prestixio e a economía rexional.

As actividades económicas de Highland están tamén estreitamente adaptadas á súa particular configuración: plantacións forestais (crofts); traballo da madeira; gandería ovina; producción de la e tecidos de alta calidade (tweed); fabricación de whisky (que supón 1/3 das exportacións e máis dun billón de libras anuais); hidroelectricidade; aluminio, e construcción de plataformas para o mar do Norte.

En anos recentes, o esforzo do Consello en prol da diversificación da economía e o traballo cualificado e mellor pagado, semella ter dado bos resultados malia ser aínda os salarios medios un 20% inferiores á media comunitaria. Moitos e importantes investimentos estranxeiros están chegando a Highland, especialmente no sector químico-farmaceútico, do que tira a Selfcare International of Boston (USA), establecida en Inverness dende 1996. Por outra banda, a H&I Iniciative, un proxecto de 20 millóns de libras entre a British Telecom e a HIE, instalou na área o que se considera a rede de telecomunicacións máis avanzada de Europa, dándolles emprego directo a 600 traballadores.

Highland beneficiarase ata o 2002 do programa comunitario H&I Partnership, desenvolvido por asociacións e o propio Executivo escocés, co obxectivo principal da consecución dun mellor balance Highland-Illas, por unha banda, e entre todo o conxunto e o resto da Gran Bretaña, por outro.