As tres claves da xira de Joe Biden por Asia

Tres asuntos teñen primado na primeira xira do presidente dos EUA, Joe Biden, pola rexión asiática. Mais aló da cuestión de Corea do Norte, o asunto de maior alcance foi Taiwán. O “si” como resposta á pregunta sobre o compromiso de defender militarmente a Taiwán en caso dunha invasión chinesa, marcou un novo punto de inflexión no posicionamento da Casa Branca, xerando dúbidas razoables sobre a pervivencia da “ambigüidade estratéxica” que tradicionalmente caracterizou a actitude estadounidense neste delicado aspecto. Tanto é así que unha vez mais, funcionarios da Casa Branca matizaron despois esas palabras para asegurar que aquela política “non mudara”.
Apartados xeográficos China e o mundo chinês
Palabras chave China Taiwán Biden Quad IPEF
Idiomas Galego

Tres asuntos teñen primado na primeira xira do presidente dos EUA, Joe Biden, pola rexión asiática. Mais aló da cuestión de Corea do Norte, o asunto de maior alcance foi Taiwán. O “si” como resposta á pregunta sobre o compromiso de defender militarmente a Taiwán en caso dunha invasión chinesa, marcou un novo punto de inflexión no posicionamento da Casa Branca, xerando dúbidas razoables sobre a pervivencia da “ambigüidade estratéxica” que tradicionalmente caracterizou a actitude estadounidense neste delicado aspecto. Tanto é así que unha vez mais, funcionarios da Casa Branca matizaron despois esas palabras para asegurar que aquela política “non mudara”.

O caso é que esta é a terceira vez que Biden se pronuncia deste xeito, enviando con ese “si” unha dobre mensaxe: a Taipéi, no sentido de que van ben por onde van (afastándose progresivamente de China ata desembocar irremediablemente na independencia) e que poden contar co apoio dos EUA nese proceso; e a Beijing, que non tente impedilo pola forza. E se algo ten avisado China é que recorrerá á forza se Taiwán avanza cara a independencia, tal como pretende o seu actual goberno e alentan os EUA. Taiwán convertese así no vértice que pode facer decantar non só a definición última da hexemonía rexional senón tamén global ameazando cun desenlace fatal. A disposición de Biden a enviar tropas para defender Taiwán non foi un lapsus involuntario.

Como é sabido, o asunto de Taiwán é o máis delicado das relacións bilaterais sino-estadounidenses. E a clave é o principio de unha soa China, é dicir, a idea de que só existe unha China no mundo e Taiwán forma parte dela, de xeito que o goberno de Beijing é o único legal que representa a toda China. Isto é o que asumen os 181 países, incluídos os EUA, cando establecen relacións diplomáticas coa China. Agora, Washington quer diferenciar entre a súa política de unha soa China e o principio que defende China, alterando de facto aquel compromiso.

Os cambios introducidos a principios deste mes de Maio na folla informativa do Departamento de Estado a propósito de Taiwán, matizando de forma conveniente ese principio de unha soa China e suprimindo as mencións ao rexeitamento da independencia, indican que “a orde internacional baseada en normas” que defende é unha forma de descualificar a actual legalidade internacional. Neste contexto, só cabe agardar un incremento substancial do compromiso político e militar de Washington con Taipei nunha dinámica ascendente de tensión, evolucionando cara a substitución fáctica e progresiva da política de unha soa China pola de “un só Taiwán”, iso si, sempre acusando a outros de alterar o statu quo.

O segundo dato desta xira é a reunión do QUAD, a alianza establecida entre os EUA, Xapón, India e Australia. Washington conta coa incondicionalidade de Xapón, non tanto de India, que renega de participar dunha coalición se esta é marcadamente anti-chinesa, anque teña diferenzas sólidas con Beijing. No caso de Canberra, veremos que modificacións introduce na política exterior o novo primeiro ministro laborista Anthony Albanese e a súa ministra de exteriores de ascendencia chinesa Penny Wong. O futuro desta mini-OTAN, complementada co AUKUS (Australia, Reino Unido, EUA), responde ao compromiso común de conter o ascenso xeopolítico de China. Pero ningún dos catro quer recoñecer abertamente que o grupo ten ese obxectivo.

O terceiro é a presentación do Marco Económico Indo-Pacífico (IPEF, siglas en inglés). China é o principal socio comercial da maioría dos países da zona. A Iniciativa da Franxa e a Ruta ou a Asociación Económica Rexional Integral (RCEP, siglas en inglés) da conta do vigor da súa economía. Tamén o Acordo global e progresivo para a Asociación Transpacífico (CPTPP, siglas en inglés) que lidera Xapón, ao que solicitou a integración. Washington non está en ningunha destas plataformas e promove agora unha propia que ben pouco ofrece aos seus hipotéticos socios: reclámalles apertura pero non abre o seu mercado sobre unha base recíproca, pois os produtos asiáticos son moi competitivos e a Casa Branca teme o impacto na súa economía e, sobre todo, no emprego. Deste xeito, seralle difícil convencer aos doce países que polo momento consideraron sumarse (Taiwán, por certo, de entrada quedou fóra).

Os tres elementos descritos responden a un trazo común, a estratexia do Indo-Pacífico, que conta cunha premisa esencial: cómpre apurar o paso para conter a China impedindo que afiance a súa hexemonía natural na rexión. O mecanismo é coñecido: alentar a división e a confrontación. En Europa, os EUA nos enfronta con Rusia; en Asia, coa China. Tan vello como dividir para reinar. Irá en aumento a dinámica de presión sobre os seus socios na rexión para que elixan bando e se sumen á confrontación coa China na confianza de que a política de cerco abarque todas as frontes, dende a económica á política e militar.

Diferentes autoridades militares estadounidenses teñen alertado sobre a urxencia de Beijing respecto a Taiwán; non obstante, observando os pronunciamentos provocadores de Biden nesta xira semella que a presa está do lado dos EUA quizais confiando en que unha precipitación pode xogar ao seu favor e que o paso do tempo simplemente xoga na súa contra.