Algúns especialistas, como Liu Tieiliang, da Universidade Normal de Beijing, explican o auxe da astroloxía na sociedade chinesa actual pola rapidez dos cambios das últimas décadas, que obrigan ás persoas a tomar numerosas e importantes decisións que implican mudanzas substanciais e reaxustes nas súas formas de vida, con riscos elevados que tentan rebaixar buscando confirmacións externas, de moi dubidoso rigor, claro está, pero que calman a ansiedade subxectiva de quen precisa “garantías” de que todo se vai desenvolver sen problemas.
Pero a astroloxía en China é unha parte máis das súas tradicións milenarias. Incluso os antigos emperadores recorrían á astroloxía para predicir acontecementos ou decidir as estratexias a adoptar en caso de guerra ou catástrofe. Na vida da xente común, tamén estivo sempre moi arraigado o costume de consultar o zodíaco, por exemplo, para o casamento, ter familia ou aventurarse nun negocio. O elevado número de nacementos no ano do dragón ou a súa redución no ano da cabra explícanse en última instancia por esta fixación co horóscopo. O mono, o dragón e o porco gozan de boa fortuna e dan boa sorte. O ano do galo, que ven de rematar, din que é un ano “viúvo” e adverso para a celebración de vodas.
O ano do Can, que se iniciou a pasada fin de semana, será longo e durará 385 días (ata o 17 de febreiro de 2007), algo que soamente aconteceu 12 veces nos últimos 2.300 anos. Será un ano importante para Hu Jintao, o presidente chinés, quen deberá lidar non coa economía, senón cos problemas sociais, cada vez máis graves. Segundo fontes do ministerio de seguridade pública, en 2005 rexistráronse 87.000 conflitos (74.000 en 2004, 58.000 en 2003), cunha tendencia á alza considerable. Os principais protagonistas da crise social son os traballadores migrantes, entre 100 e 140 millóns de persoas; e os campesiños, revirados contra os impostos, a política de confiscación de terras por parte das autoridades locais e os abusos de poder.
Pero emerxen mais problemas que complicarán o futuro chinés. O envellecemento da poboación é un deles. China conta xa actualmente con 143 millóns de persoas de idade avanzada, é dicir, o 11 % da poboación, segundo informa o viceprimeiro ministro Hui Liangyu. Polo momento, o goberno insiste en manter a política do fillo único ata o 2010, co obxecto de limitar o crecemento demográfico nesa data a 1.370 millóns de habitantes. O que xa non pode agardar tanto é o problema do desequilibrio de sexos (119 homes por cada 100 mulleres por termo medio).
A mestura de tendencias naturais, pero non espontáneas, e os efectos das desigualdades marcarán a axenda de Hu Jintao neste ano, que debe ser tamén o da súa confirmación política. Se a lealdade é un dos signos do can, Hu abordará un alargamento da súa base de poder coa vista posta na renovación da lealdade social co sistema e do inmenso aparato estatal-partidario cun discurso que sitúa o logro da harmonía como referente principal. No exterior, se asumimos que o can é digno de confianza, será un bo ano para achegar acordos co xigante oriental e o crecente protagonismo internacional de China dará conta da conveniencia de impulsar esa dimensión.
Claro que non sempre a astroloxía e a política van da mesma man ou nin sequera se miran de esguello, pero, parafraseando a Teresa Barro, probablemente en ambas haberá o seu tanto de superstición, de ciencia e mesmo de arte.