20050811beirut sheikh omar bakri mohammed

Blair: primeiro seguridade, despois dereitos

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Sheikh Omar Bakri Mohammed, clic para aumentar
O último é o sirio Omar Bakri Mohammed, predicador e xefe do grupo extremista Al Mouhadjiroun. Nestes días, Mohammed saíu do país rumbo ao Líbano. Hamza, Qutada e Mohammed semellan representar a idea de "Londonistán", o centro de ensinanza e recrutamento de simpatizantes de Al Qaeda na capital británica. As súas orixes remóntanse aos anos oitenta e constituiu a principal canle de expansión do "jihadismo" cara Europa, EEUU e Oriente Medio. (Foto: Sheikh Omar Bakri Mohammed, en Beirut o 11 de agosto de 2005).
 

Tony Blair estudia a creación de "tribunais de excepción" con poder para determinar o período de detención de sospeitosos (de 14 días ata tres meses) sen antes ter sido imputados de cargo algún. A iniciativa forma parte do paquete de 12 medidas anunciadas polo goberno británico para endurecer a loita antiterrorista. Neste sentido, Blair explicou que as disposicións na Convención Europea de Dereitos Humanos obstaculizaban a súa lexislación antiterrorista.

A creación dos "tribunais de excepción" non semella ser nova en Gran Bretaña. En 1973, nos anos da maior violencia terrorista do IRA en Irlanda do Norte, xa se implementara este ordenamento "de facto", coa finalidade de conter aos paramilitares, tanto católicos coma protestantes. Curiosamente, máis de 30 anos despois, e co IRA aparentemente en proceso de desarme, o goberno británico volve a estudar esta fórmula, a raíz dos atentados de xullo e as nova ameazas enviadas por Al Qaeda.

Estas medidas non foron ben recibidas polos partidos políticos británicos. Os liberais-demócratas, que alcanzaron grandes cotas parlamentarias nas eleccións de abril, opóñense ao paquete por considerar que existe unha "americanización" do gabinete Blair e por fomentarse un clima similar ao post-11/S en EEUU. Tanto na esquerda como na dereita política e na opinión pública, critícase a Blair por utilizar medidas populistas, coaccionado pola necesidade da sociedade británica de atopar solucións contundentes contra o terrorismo.

Nos derradeiros días, o fiscal xeral do Reino Unido, Peter Goldsmith, anunciou outra medida en estudo: acusar a tres predicadores radicais islámicos de "delictos de traizón". Esta formalidade xurídica tampouco é nova: data dunha lexislación aprobada ¡no ano 1351, en plena guerra dos Cen Días entre franceses e ingleses! A última vez que se aplicou foi en 1946, contra un acusado de colaboración cos nazis.

Os tres predicadores son o exipcio Mustafá Kamel Mustafá, mellor coñecido como Abu Hamza, no cárcere dende 2004 acusado de "instigación ao odio racial e o terrorismo". Abu Hamza era imán na mesquita de Finsbury Park. Tras el está Abu Qutada, sinalado como "embaixador de Al Qaeda en Europa", e acusado de instigar o atentado do 11/M en Madrid. Qutada está baixo arresto domiciliario.

O último é o sirio Omar Bakri Mohammed, predicador e xefe do grupo extremista Al Mouhadjiroun. Nestes días, Mohammed saíu do país rumbo ao Líbano. Hamza, Qutada e Mohammed semellan representar a idea de "Londonistán", o centro de ensinanza e recrutamento de simpatizantes de Al Qaeda na capital británica. As súas orixes remóntanse aos anos oitenta e constituiu a principal canle de expansión do "jihadismo" cara Europa, EEUU e Oriente Medio.

Se as propostas de Blair son aprobadas no Parlamento, Gran Bretaña converteríase, despois de EEUU, no primeiro país en rematar unha lexislación antiterrorista tan completa como severa. O seu exemplo podería seguirse nos demais países europeos. O goberno de Silvio Berlusconi, tomando en conta que Italia é un aparente obxectivo para Al Qaeda, xa anunciou a intención de seguir o exemplo británico.

Caso similar podería presentarse en Francia e Alemaña se Nicolás Sarkozy e Ánxela Merkel chegasen ao poder nas próximas eleccións, pois son abertos defensores da política de "tolerancia cero". Nestes países, a inmigración musulmana é numerosa e aplicar unha lexislación deste tipo seguramente afectaría á necesaria integración social destas comunidades. A finais deste mes, o goberno francés espera rematar unha lexislación contra o terrorismo.

A "jihad" salafista lanzada por Al Qaeda en 1996 ten a Europa como centro de operacións. As células británicas e alemanas foron especialmente activas nos atentados do 11-S en EEUU e do 11-M en Madrid. A "conexión paquistaní" cos atentados de Londres do pasado 7-X ten complemento nas células alxerinas, marroquís e tunecinas, presentes en diversas comunidades en Francia e España. Se ben Al Qaeda como organización pode verse minguada polas medidas antiterroristas, Al Qaeda como a "idea" fortalécese e expándese.

A guerra de Iraq é o catalizador destas accións, aínda que Blair o negara incluso cando os servizos de intelixencia británicos vinculan a política británica no país árabe cos atentados de xullo. Pero tamén é certo que a presenza destas células e o sentido da súa guerra veñen condicionados por unha simboloxía vinculada a razóns históricas, culturais e relixiosas. Son Palestina, Afganistán e a dominación occidental en Oriente Medio, conectada coas elites locais.

Pero a lexislación de Blair pode enfrontarse con maiores problemas sociais, a pesar do aparente consenso da sociedade británica e da lexítima disposición gobernamental para aumentar a seguridade. A morte por erro do inmigrante brasileiro a mans da policía británica tralos errados atentados do 21-X é un exemplo de que o endurecemento non corrixe as deficiencias. Scotland Yard e os servizos policiais británicos están dispostos a continuar coa orde de "disparar a matar" a calquera sospeitoso. Neste sentido, non é esaxerado falar de "americanización" da xustiza británica.