Imaxínanse o eixo franco-alemán dirixido por dúas mulleres? Pois iso pode deixar de ser un soño en breve. Angela Merkel xa é unha realidade en Alemaña, e no socialismo francés hai tempo que andan á busca de novas emocións que revolucionen o mapa dos dirixentes locais. O PS francés, pragado de desencantos e desencontros dende que perdeu a Presidencia que anteriormente ostentaba François Mitterrand, busca agora un golpe de efecto que lle permita recuperar o pulo e chegar a acadalo temón do pazo do Elíseo. Calquera cousa pode acendela chama da ilusión, e de feito, que un dos candidat(o)s nas primarias fose unha muller, dáballe un aliciente máis á candidatura de Ségolène Royal. Non é de recibo esquecer tampouco, que o dato de que Ségolène fose a esposa do dirixente do partido socialista, deulle morbo adicional.
Non obstante, é agora cando as primarias xa foron gañadas onde empeza a campaña de verdade para Ségolène Royal. Chegou o momento de facer promesas, de vender proxectos e de posicionarse. Moitos han de ser os contrastes, propostas e contrapropostas, que imos atopar entre os máximos candidatos: Sarkozy, Royal e como non, Jean-Marie Le Pen. Mollarse na política social, na concepción da educación, a inmigración, a política exterior,e dende logo, á política europea, vai ser decisivo de cara á cita co electorado.
Pero Ségolène, ten pouca marxe de manobra á hora de presentar determinadas ofertas de políticas públicas referentes ó trato de Francia co exterior. A radicalización das tensións inmigratorias nas rúas francesas, as deslocalizacións de empresas máis mediática que real no seu impacto no desemprego, amais do desencanto con Europa e a concepción máis que a certeza de que Francia dirixía o proceso de construción europeo, xunto coa resurrección dun nacionalismo rancio e proteccionista dunha potencia vida a menos, son elementos que teñen unha incidencia crucial na percepción do que o electorado desexa ó respecto do futuro da acción exterior francesa.
Percíbese polo tanto, un movemento cara o conservadorismo social en materia de inmigración, respecto da ampliación da UE cara Turquía e mesmo a novos países, e asemade da identificación co proceso de construción Europea, no que ate o de agora Francia sempre estivo na vangarda. Pero agora xa non hai presa.
Agora mesmo semella que non hai apuro en ningún dos tres candidatos á presidencia por propoñer nin por progresar na integración política europea. Todo se supedita ó ritmo político interno sen ter en conta a necesidade de colaboración política en temas tan fundamentais como a autosuficiencia enerxética cos países veciños, a vontade de posicionarse respecto dos conflitos internacionais constantemente presentes na prensa (Iraq, Palestina, Afganistán…), o estudio conxunto do problema migratorio, e en definitiva a identificación cun ideario solidario de cooperación co resto da comunidade de estados europeos que conforman unha plataforma válida para atallar algúns problemas que interesan, pero sen darlle moita relevancia, non sexa que se deixen ver as deficiencias dos Estados e dos seus directores.
Europa serve de chibo expiatorio á hora de recriminarlle políticas e decisións que os mesmos xefes de estado e de goberno programaron e incentivaron a nivel continental. Un bo exemplo disto é a Política Agraria Común, ou as combinacións liberalizadoras de algúns mercados mentres se establece o proteccionismo de estado noutros, e as constantes reformas das que todos se queixan, e que responden ás necesidades egoístas e cambiantes dos Estados membros.
Se no ámbito internacional existe dende hai algún tempo unha maior introspección por parte do electorado francés e tamén, por conseguinte, na corrente de oferta de políticas públicas que se lles fai a este electorado dende os partidos, no ámbito Europeo non é menos. E entre uns e outros, a UE que se repensa para o futuro queda enmarcada nas políticas medio ambientais, o amago de coordinar a investigación nun vano intento de ser competitivos e as declaracións de intención respecto da protección social, e da protección dos traballadores, que no caso de Ségolène supón un intento de aglutinar o voto socialista descontento coa Europa neoliberal, sempre coa vista posta na cadeira presidencial.
Polo tanto hai que concluír que dende o punto de vista da oferta electoral para as vindeiras presidenciais francesas, os votantes poderán escoller entre unha política conservadora, continuista e malamente ambiciosa e innovadora en moitos aspectos, ou unha política máis conservadora aínda que tería o seu extremo no Fronte Nacional. Ségolène ten por tanto moitas papeletas para facendo ben pouco ofrecer algo distinto. O caso é que se atreva. Pero polo que se deixa caer na súa visión da UE, no que se alcumou como "un discurso pragmático", probablemente non vai escapar das declaracións de intencións e das palabras sen contido.