Cachemira e os terrorismos

O problema de Cachemira non é o dunha improbable guerra entre Paquistán e India, senón que pón a proba unha vez máis a credibilidade da estratexia e o discurso antiterrorista universal do señor Bush. Se no verán de 1999 Clinton conseguiu que Nawaz Sharif, o entón primeiro ministro paquistaní, retirara as súas unidades de élite da cidade -fortaleza de Kargil, na Cachemira hindú, feito que precipitou o golpe militar de setembro e o ascenso de Musharraf, que non conseguirá hoxe Bush!… A Washington non lle interesa outra guerra, sempre imprevisible, que provocaría distracción. Outra cousa é que a India de Atal Vajpajee intente tirar o máximo proveito do atentado do pasado 13 de Decembro contra o Parlamento federal executado por organizacións armadas de filiación paquistaní mantendo certo nivel de tensión na zona ata forzar un cambio de rumbo en Islamabad. ¿Guerrilleiros, extremistas, terroristas? ¿Que é terrorismo? Conforme se alonxan os sucesos do 11S medra certa sensación de indefensión: terrorismo é todo aquelo que Washington diga que o é. É o paradigma da nova legalidade internacional. A India, como Europa, tamén dispón dunha lista propia.

É de dominio público a complicidade de Paquistán con ese terrorismo que a Administración Bush pretende erradicar do planeta a golpe de bombardeiros. Na revista de temas militares Jane’s se afirma que en territorio paquistaní existen máis de 90 campos de entrenamento de guerrilleiros (¿terroristas?) cachemires que fustigan ao exército hindú. Antes mesmo do 11S, o propio Departamento de Estado calificaba de terrorista a algunha destas organizacións. Tamén a China denunciou en numerosas ocasións a presencia no seu territorio de militantes independentistas uigures que foron entrenados en Paquistán. Agora que a comunidade internacional está tan sensibilizada con este problema, todos agardan un minimo de coherencia do xendarme universal, comezando polos máis inmediatos aliados. De non ser asi, poderiamos chegar á perigosa conclusión de que Estados Unidos, en Paquistán como en Arabia Saudí, países aliados, non se combate o terrorismo senón que se protexe e ampara a dictaduras oscurantistas e siniestras que o financian e promoven xenerosamente.

A naturaleza do problema de Cachemira é moi diferente ao do poder talibán en Afganistán. Musharraf pode dar as costas ao mulá Omar pero non á reivindicación de Cachemira, un valor sagrado no imaxinario da sociedade paquistaní. Aínda que moitos dos seus cidadáns estén máis preocupados polas dificultades da crise económica e a vida cotidiana, poucos entenderían unha renuncia a todo apoio a quen loita por unha Cachemira unida arredor de Islamabad. Pero nada pode seguir como ata agora e moito deberá modificar o goberno de Musharraf as súas formas tradicionais de implicación.¿Seguirá prestando respaldo á reivindicación e aos grupos armados que a enarbolan? ¿Como ser efectivos no discurso político distanciandose das accións terroristas? ¿Como evitar que a oposición interna interprete ese distanciamiento da violencia como unha nova mostra de debilidade? A fraxilidade do poder paquistaní é moi grande e, como na India, a sensibilidade nacionalista vive momentos de especial apoxeo.

Para calmar os ánimos, Musharraf ordenou nas últimas semanas a detención de varios militantes da guerrilla islámica, cancelou contas dalgunhas organizacións, etc. medidas insuficientes para Nova Delhi que esixe a fin de todo terrorismo transfronterizo.

Condicionado por unha realidade local adversa, Musharraf, ao igual que anteriores líderes do país, sempre considerou que na internacionalización do conflicto podería atoparse a fórmula ideal para a satisfacción dos seus intereses. Nas circunstancias actuais, incluso esta opción dificilmente podería beneficiarlle. Despois da fin da guerra fría, o papel de xendarme rexional de Paquistán viuse mermado acentuando o seu illamento no plano internacional. Dunha banda, é menor a súa proxección na estratexia petroleira da Administración americana. Washington conta con bases militares no Golfo Pérsico, a inestimable fidelidade de Turquía e agora presencia directa en Afganistán. Ademáis, cada día que pasa, as súas distancias co islamismo son cada vez máis notorias, sen importarlle o máis mínimo en transformar nunha ameaza ao aliado instrumentalizado de onte. Esa perda de valor se complica coa consolidación dunha política de aproximación a India, evidente dende 1999 cando Clinton inicia o “diálogo estratéxico” que reafirma a patria de Gandhi, habida conta do seu potencial demográfico ou económico e a rivalidade con China, como potencia dominante no sudeste de Asia.