20060106paris abdul halim khaddam

Caerá Siria no 2006?

Apartados xeográficos Oriente Médio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Abdul Halim Khaddam, clic para aumentar
Este acoso exterior provocou a estraña fuxida a París do "nº 2" do Ba’ath e vicepresidente, Abdul Halim Khaddam. Desde a capital francesa, Khaddam, acusado polo seu goberno de traizón, acusou ao presidente Bashar de planear o asasinato de Hariri. Afondando a crise, a ONU enviou a Damasco unha misiva pedindo interrogar ao presidente Bashar e ao ministro de Exteriores, Farouk al Shara, para completar o informe final das súas conclusións. (Foto: Abdul Halim Khaddam nunha rolda de prensa en París o 6 de xaneiro de 2006).
 

A constante presión de EEUU, Francia e a ONU cara o réxime de Bashar al Asad, simultánea á tensión xerada entre Occidente e Irán pola crise nuclear, afonda a delicada situación xeopolítica de Siria e a sensación de desorde e convulsión en Oriente Medio. Incluso, existen voces apresuradas que realizan idénticos paralelismos entre a situación iraquí e o que pode agardar a Siria, a única herdeira na rexión do sistema político socialista e arabista instaurado polo partido Ba’ath na década dos sesenta.

As tensións sobre Siria non son recentes. Trala caída do réxime de Saddam Hussein no 2003 e a incerta transición iraquí, a rama ba’athista gobernante en Damasco dende 1970 comezou a amosar presións exteriores e fisuras internas. Unha delas, sen probas contundentes, viña desde Washington, onde os "falcóns" da administración Bush apuntaban ao réxime de Bashar al Asad como facilitador de armas e militantes á insurxencia sunnita na veciña Iraq.

Se ben non se planificaron accións militares inmediatas, semellaba evidente unha estratexia de "acoso e derribo" coa finalidade de provocar a caída do goberno de Bashar e un cambio político en Damasco, en consonancia coa estratexia de Bush de reacomodar Oriente Medio.

Apuntando a Bashar

O illamento sirio é tamén unha consecuencia do ríxido e autoritario sistema de poder interno e a súa absorbente e, aparentemente, impopular influencia política no veciño Líbano. O asasinato do ex primeiro ministro libanés e opositor sirio, Rafik Hariri, en febreiro de 2005, abriu unha "caixa de Pandora" inmanexable para Damasco. O fervor antisirio no Líbano levou á vitoria electoral da fórmula política de Hariri e á retirada militar sirio do país, tras 31 anos de presenza.

Esta evidente derrota política para Bashar e o seu sistema, herdanza do seu pai Hafez, foi completado por escuros e misteriosos acontecementos posteriores, como o suicidio do ministro de Interior sirio, Ghazi Kanaan, e o asasinato do deputado libanés, Rafik Tueni, outro célebre político, opositor á presenza siria. Ao mesmo tempo, as conclusións da comisión da ONU encargada de investigar o "caso Hariri" inculpou aos servizos secretos sirios e libaneses.

Este acoso exterior provocou a estraña fuxida a París do "nº 2" do Ba’ath e vicepresidente, Abdul Halim Khaddam. Desde a capital francesa, Khaddam, acusado polo seu goberno de traizón, acusou ao presidente Bashar de planear o asasinato de Hariri. Afondando a crise, a ONU enviou a Damasco unha misiva pedindo interrogar ao presidente Bashar e ao ministro de Exteriores, Farouk al Shara, para completar o informe final das súas conclusións.

O cambio nas alianzas occidentais

Coa crise nuclear iraniana no seu punto máis álxido e cun Iraq inmerso nun panorama incerto de transición, a eventual caída do réxime de Bashar en Damasco complicaría aínda mais o panorama rexional.

A diferenza da crise de Iraq no 2003, o actual escenario conflitivo con Irán e Siria, dous tradicionais aliados, acerca as posicións conxuntas de EEUU, Francia, a Unión Europea, a Axencia Internacional de Enerxía Atómica, AIEA e, incluso, unha Rusia que no pasado, durante a etapa soviética, serviu de eficaz aliado político e militar para Damasco. Neste sentido, resulta evidente un cambio político e diplomático no escenario de 2006.

A resposta de Bashar foi unha reacción aínda mais conservadora. En xuño pasado realizou unha manobra política e militar nos órganos decisorios do seu réxime, para garantir a lealdade á súa autoridade e proxectar unha imaxe de fortaleza interna. Acusando de traizón a Khaddam, Bashar persigue fomentar o nacionalismo sirio, afogar unha posible oposición interna e "pechar filas" en torno ao seu goberno. Pero con Irán ocupado na súa propia crise con Occidente, o réxime de Damasco non atopa aliados externos e o seu progresivo illamento acurta a marxe de actuación de Bashar.

A configuración étnica e relixiosa de Siria evidencia tamén o mosaico de identidades e a ficción histórica das actuais entidades políticas nacionais configuradas polas potencias europeas trala desintegración do Imperio otomán en 1918. Siria é un país cunha poboación sunnita maioritaria, en torno ao 70% da poboación. Sen embargo, a minoría alauita, un 10% da poboación, vinculada ao xiísmo e con fortes lazos coas comunidades xiítas de Iraq e Irán, constitúe a elite gobernante desde tempos de Hafez al Assad. Tamén existen comunidades kurdas, drusas, asirias e turcomanas. O cóctel explosivo estaría así servido.

A pesar de constituír un réxime autoritario e sen apertura política, a preponderancia do partido Ba’ath e a elite alauita permitiron consolidar unha estabilización que podería explotar no caso de que Siria siga o mesmo exemplo de Iraq.

Resistir, morrer ou sobrevivir?

Unha caída do réxime sirio podería provocar unha desintegración territorial con inmediatos cambios na percepción xeopolítica dos seus veciños. A pesar do acoso occidental, semella incluso mais estable para a rexión un réxime de Bashar debilitado e neutralizado ca un novo goberno, posiblemente controlado polo ascendente islamismo sunnita, con posibles conexións cos seus "irmáns" iraquís.

Turquía, tradicional rival sirio e o país coa maior comunidade kurda no mundo, tampouco avalaría unha desintegración do réxime de Bashar pola forte presenza dos kurdos sirios e a eventual influencia que terían nun posible Curdistán iraquí independente. Para Israel, o principal rival sirio, a caída deste réxime eliminaría un histórico inimigo pero provocaría un futuro incerto, ante as conexións sirias co movemento islamita libanés Hezbollah, o palestino Hamas e a propia Irán. E, por suposto, en Teherán non permitirían a perda de influencia nun tradicional aliado.

Entón, qué escenario futuro agarda a Siria? Para salvagardar o seu réxime, Bashar podería iniciar contactos coa ONU e depurar a prominentes figuras dos servizos de seguridade, presuntamente implicados nos asasinatos políticos no Líbano, coa finalidade de afastar a presión externa, manterse no poder e asegurar a súa reelección nas presidenciais de 2007. Un cálculo político baseado en resistir pero con negociación, ceder tacticamente mais non estratexicamente. Aínda así, semella pouco probable unha apertura democrática nin unha estabilización prolongada.