x social media card en

Cambios de paradigma no novo mandato da UE 2024-2029 (II): Unha Comisión (cada vez) máis política

Perante as eleccións europeas, entre o 6 e o 9 de xuño, a liña de investigación de Unión Europea do IGADI elabora esta nota de análise dos principais factores que marcarán os próximos cinco anos de axenda comunitaria.
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Eleccións Unión Europea

Este foi o lema da Comisión Juncker, e se ben o dúo Juncker-Selmayr (o seu xefe de gabinete) fixeron visibles coma nunca antes a politización -no sentido no que o entendemos a nivel doméstico- a nivel comunitario, isto non é nada comparado coa Comisión Von der Leyen.   Por méritos propios – as abundan as crónicas, non sen un resquicio de  sexismo, nas que se ilustra a todo color as decisións sobrevidas da titular da Comisión, moi persoais e a miúdo sen consultar a ninguén- pero tamén pola circunstancias que lle tocou vivir. Só tres meses logo de tomar posesión a crise da COVID-19 puxo á Comisión Europea no centro dunha resposta á pandemia con iniciativas sen precedentes no eido sanitario (vacinas), resposta económica (suspensión na práctica dos controis de subvencións e Axudas de Estado) e de estímulo económico: o Plano de Recuperación de €800.000 millóns, é dicir que suma  80% adicional ao presuposto tradicional da UE,  financiados por primeira vez mediante endebedamento conxunto, o grande rubicón que se cruzou por primeira vez polos países contribuíntes netos ao orzamento da UE, e vitoria dos do sur.   

Máis a iniciativapolítica non se quedou no que foi unha situación excepcional, senón que permeou todo o mandato Von der Leyen.  Só hai que listar as principais iniciativas dos cinco anos desta  Comisión saínte, antes e despois da COVID-19: Pacto Verde Europeo, Fondo de Transición Xusta, liña de crédito SURE (pago de ERTES durante a COVID), paquetes CRII, CRII+ e REACT-EU para acelerar o gasto dos Fondos Estruturais durante a COVID, o plano de recuperación Next Generation EU, paquete CARE en resposta á guerra de Ukrania, paquete STEP de tecnoloxías emerxentes, Fondo Social Climático, Misións Europeas…..

Se ben como dicimos parte destas iniciativas tiveron a súa orixe na pandemia, realmente esta foi a miúdo unha fiestra de oportunidade para lanzar novas iniciativas de alta visibilidade política, a unha velocidade nunca vista e a miúdo sen excesiva preparativos previos (a chamada Better Regulation, revisada por certo no 2023) e sobre todo cunha crecente tendencia a empaquetar e recociñar iniciativas e fondos preexistentes, ou unha vez roto o tabú co Plano de Recuperación, recorrer ao endebedamento conxunto, se ben aínda non está claro cales serán os “impostos europeos” que que os pagarán  ata 2058.

É de agardar que a esta crecente e heteroxénea sedimentación de programas e políticas se lle dea unha consolidación no novo orzamento europeo 2028-2034, e que se presentará en maio de 2025 para ser negociado ata finais do 2027 -a grande batalla do próximo mandato-. Aínda así, resulta pouco probable que desaparezan as tentacións de sacar iniciativas e programas sobre a marcha por razóns principalmente de oportunidade política. Esta é a grande desviación crecente do tecnocrático, aburrido e predicible método comunitario tradicional.