Cancún, punto e á parte

O fracaso das negociacións de Cancún é un sinal mais, dos moitos que xa está habendo, de que a ideoloxía do libre mercado e do sistema multilateral que desde hai duas décadas impera no mundo se está deslustrando. Tan forte foi a pegada desa ideoloxía que semellaba case imposíbel que non durase para sempre. Agora que xa vai moi deslucida é interesante ver até qué ponto se xogou, para impola, con conceitos que soan democráticos e atraíntes, como son o da liberdade, sempre apetecíbel, e o da actividade multilateral, que semellaba mais civilizada en principio porque incluía a todos. A actividade bilateral parecía cousa de tempos pasados, absurda e mesmo egoísta. Esa ideoloxía soubo apresentar como libertarios, civilizados e altruistas motivos que eran todo o contrario e aí está unha das chaves da aceitación que tivo.

Nesa ideoloxía utilizouse unha idea da globalización estreita e tendenciosa para impor unha uniformidade que, ao estar manexada polos ricos, só podía favorecelos a eles, e que rematou prendendo na miseria mais completa a metade do mundo. O libre mercado funcionou moi ao gusto dos países poderosos mentres iso significou que eles entraban imunes nos mercados dos países mais pobres para invadilos cós seus productos e ao mesmo tempo pechaban na práctica os deles con subvencións e aranceis que protexían eses mesmos productos da única competencia que podían ter feito os outros. E o sistema multilateral tamén funcionou ao gusto dos países poderosos mentres estaba manexado por eles e os outros quedaban calados e consentían, ou porque non sabían ou non querían ou non se atrevían a disentir.

Os problemas e os fracasos do libre mercado e do sistema multilateral xurden cando xa non abonda có consenso entre os grupos dos ricos e hai que tratar de verdade cós menos poderosos. As negociacións de Cancún fracasaron porque os ricos querían levar adiante os chamados "temas de Singapura" e ampliar o sistema multilateral con tratados sobre as inversións, por exemplo, no que están interesadísimos. Non quixeron para nada tocar o tema de agricultura e dos productos básicos, que é o fundamental para os países en desenvolvimento e para os menos adiantados, é dicer, para os países pobres e cada vez mais empobrecidos que dependen por completo dos productos agrícolas.

Hai algúns anos, moi poucos, as negociacións terían trunfado, porque aos países pobres teríanlles dito que a globalización era inevitábel e que coa globalización tiña que vir por forza todo o outro. O trunfo desa ideoloxía conseguiuse apresentándoa como indiscutíbel e inevitábel. E esa ideoloxía está fracasando porque o que se está vendo é que a inevitabilidade se creou artificialmente e que as consecuencias desastrosas que tivo se podían ter evitado. O libre mercado seguirá existindo seguramente, pero sen exixir sacrificios absurdos, e o sistema multilateral tamén, pero sin invadilo todo e deixando sitio a outras maneiras de facer as cousas.