O movemento bolivariano está diante do seu día D(ez), no que a oposición conxectura un novo pulso de forza contra do presidente. Será o día 10 do 10 ás 10 e 10. Unha xigantesca marcha recorrerá as rúas de Caracas demandando eleccións anticipadas e a saída do goberno de Hugo Chávez. Pero nas filas do oficialismo non temen ter que pasar polas urnas por novena vez. Só contemplan dous escenarios de cambio inmediato: o magnicidio ou un novo golpe militar.
No dez máis redundante da historia venezolana, a oposición medirá se ten as forzas suficientes como para convocar unha nova folga indefinida como aquela que levara a Venezuela ao golpe do 11-A.
Nas rúas da capital percíbese a tensión das posturas irreconciliables. Por máis un queira pescudar na percura de espacios de encontro, por marcos institucionais, escenarios de respecto ideolóxico-político ou de distensión… os feitos só semellan camiñar cara un escenario de confrontación.
Os acontecementos precipítanse sen dar tempo á repousada análise. Nas redaccións dos medios de comunicación, recíbense continuos avisos, que din ter acreditada solvencia, sobre a eminencia dun golpe definitivo. Os teléfonos móbiles son un fervedoiro de ruxerruxes que avisan de supostas promulgacións do estado de excepción, de controles militares asfixiantes, de carros do exército na rúa… poucos lle dan grande credibilidade, pero ninguén deixa de tomar certas precaucións.
Nos últimos días desbordáronse as noticias sobre os pormenores dun suposto novo golpe de estado de execución a curto prazo.
Os servicios de intelixencia afirman contar con probas que inculpan ao ancián ex-chanceller Tejera como cabeza. Entre os documentos requisados atoparíase toda unha fundamentación xurídica da ilexitimidade do Goberno Chávez, que lle daría cobertura legal a un goberno golpista. O ancián político, culto e enxeñoso, que dispón de horas e horas nos cuestionados medios de comunicación venezolanos, non nega a existencia dos mencionados documentos, pero, coa fina ironía que o caracteriza, deixa caer que foron postos polos servicios de intelixencia.
Venezuela vive unha auténtica esquizofrenia democrática. Logo do golpe de estado, os únicos detidos son os chavistas que dispararon contra a marcha opositora dende a ponte Llaguna. Por máis que poida semellar subrealista, non existe nin un só detido entre toda a maraña de protagonistas do golpe, ningún encausado polo resto dos mortos. O fugaz presidente Carmona e o empresario Pérez Recao emprenderon rumbo cara ao exterior. A maioría dos medios de comunicación que tan activamente participaron na axitación dos meses previos ao 11 de abril, continúan a emitir nas mesmas coordenadas de confrontación.
O presidente Hugo Chávez, desprovisto de organización partidaria que o sustente, foi deixando perder activos entre as filas do movemento bolivariano. A esmagante superioridade parlamentaria que conseguiu nas urnas, quedou reducida a unha feble maioría parlamentaria de 4 deputados. Tamén entre a súa base social foi perdendo activos nas clases medias que o apoiaron, entre elas moitos comerciantes galegos. A pesares das debilidades gobernamentais nos medios de comunicación, na economía, no sistema xudicial… no movemento bolivariano so están en alerta permanente diante de dúas situacións hipotéticas. A máis probable das dúas, un novo golpe de estado, con permanencia de militares no poder durante varios meses, antes do retorno a eleccións partidarias. Sen ir más lonxe, o pasado venres a o persoal administrativo da alcaldía de Caracas foi desaloxada por orde do alcalde Fredy Bernal, que tiña accedido a informacións que apuntaban a toma do concello capitalino.
Tamén manexan outras dúas hipóteses de perda do poder a medio ou longo prazo. A primeira, coa xeración consciente dun clima de crispación e violencia permanente que faga prioritario para o electorado o retorno da convivencia pacífica. A segunda que a oposición consiga unha modificación constitucional para que exista unha segunda volta nas eleccións presidenciais con so dous candidatos. No improbable suposto de que a oposición conseguise arremuiñarse ao redor dun candidato de consenso, si podería vencer a Chávez.
Pero existe demasiada presa por sacar a Chávez da presidencia sen buscar demasiado encaixe democrático. O 10 do 10, ás 10 e 10, Venezuela estará en vilo, para saber se está diante dun novo foguete de artificio ou se estoupan os cimentos nos que se sustenta Chávez.