20060504 lituania javier solana e dick cheney

Cheney e a guerra fría

 Javier Solana e Dick Cheney, clic para aumentar
Dende Lituania, o vicepresidente estadounidense Dick Cheney acusou a Rusia de utilizar a "arma enerxética" como medida de presión e "chantaxe político" para fortalecer ás súas ambicións globais. (…) Pode que o polémico vicepresidente estadounidense non estivese totalmenteequivocado. (…) Pero a afirmación de Cheney reviste outros caracteres, principalmente enfocados na política interna do actual goberno de George W. Bush e de cómo Washington posúe dificultades para afrontar esta conxuntura internacional, sexa ou non de guerra fría. (Foto: O responsable da UE para Política Exterior e de Seguridade, Javier Solana (esquerda) e Dick Cheney, durante o acto celebrado en Lituania o 4 de maio de 2006).
 

Dende Lituania, o vicepresidente estadounidense Dick Cheney acusou a Rusia de utilizar a "arma enerxética" como medida de presión e "chantaxe político" para fortalecer ás súas ambicións globais. Tamén acusou a Moscova de falta de liberdades políticas e relixiosas. Probablemente, ningunha declaración anterior dun alto representante do goberno estadounidense tiña feito acusacións tan dura contra do actual poder na Rusia post-soviética, concentrado nas mans de Vladímir Putin.

A linguaxe de Cheney semellaba rescatada dos momentos máis álxidos da confrontación entre EEUU e a ex URSS. Os diarios rusos correron a cualificar as súas palabras como unha repetición do célebre discurso de Winston Churchill en 1947 sobre a "Cortina de Ferro" e o mundo bipolar.

Pode que o polémico vicepresidente estadounidense non estivese totalmente equivocado. Moscova dinamiza unha política global baseada, principalmente, en imperativos xeopolíticos e enerxéticos. As crises de xaneiro pasado sobre o subministro a Ucraína, Xeorxia e Europa alertaron sobre esta situación. Rusia xa é o segundo produtor mundial trás de Arabia Saudita e as súas reservas naturais están entre as máis elevadas do planeta. China, a outra potencia global, é a principal consumidora mundial. Todo isto dentro dun mercado petroleiro en alza, sensible aos pasos dados por países produtores como Rusia, Irán ou Venezuela.

Pero a afirmación de Cheney reviste outros caracteres, principalmente enfocados na política interna do actual goberno de George W. Bush. A renuncia do xefe da CIA, Porter Goss, e a súa substitución polo xeneral da Mariña, Charles Hayden, semella outro intento por reordenar un gabinete acosado polas críticas. Congresistas demócratas e republicanos xa amosaron a súa contrariedade polo nomeamento de Hayden, a quen consideran o cerebro da operación de espionaxe a cidadáns norteamericanos tras do 11-S e un elemento máis da "liña dura" neoconservadora.

A crise na CIA revela cómo Washington posúe dificultades para afrontar esta conxuntura internacional, sexa ou non de guerra fría. A paranoia enerxética tamén entra no cálculo mentres na Casa Branca amosan confusión en torno a cál política enerxética e qué aliados contar. Rusia semella un aliado nalgúns puntos e rival noutros, pero Bush precisa da cooperación rusa en diversas materias, especialmente relativas ao terrorismo global.

Irán, foco da atención mundial nestes momentos, semella outro labirinto para Washington. O presidente Mahmud Ahmadíneyad enviou unha inédita carta a Bush avanzando pasos para resolver a crise nuclear. Simultaneamente, a Secretaria de Estado, Condoleeza Rice realizaba unha xuntanza urxente no Consello de Seguridade para coñecer os alcances das posibles sancións a Irán. O silencio posterior diante da curiosa carta de Ahmadíneyad revela estes dilemas do goberno estadounidense.

Atacar unilateralmente un país que aínda non posúe programa nuclear supón un acto de guerra directa non declarada, con consecuencias imprevisibles. Nin contando coa axuda israelí, país que por boca do ministro de Defensa, Saul Mofaz, identificou ao programa nuclear iraniano como a "maior ameaza contra o pobo xudeu desde o Holocausto", ou a aceptación británica, cun Tony Blair en fase terminal da súa era política.

Rusia e China xa impulsan a súa propia estratexia para resolver un affaire nuclear iraniano que segue a negociarse nos corredores da ONU e a AIEA. Aliñados en torno a un socio enerxético como Irán, constitúe un pulso máis do binomio Rusia-China cara Bush. Velaí que non semella sensato para Washington impulsar unha nova guerra con tantos obstáculos iniciais.

Bush semella esperar algún acontecemento internacional favorable lle permita remontar o espazo político de cara ás eleccións lexislativas do próximo novembro e as presidenciais do 2008. Mais se agarda ganancias electorais, isto non será necesariamente posible cunha retórica propia da guerra fría. Rusia, Irán, China, Oriente Medio, o terrorismo global… demasiados frontes simultáneos para un Bush cada vez mais debilitado politicamente. Nin o propio Cheney semella axudalo.