chiberica 2

Que é Chibérica?

No marco do Protocolo Xeral de Actuación entre Casa Asia e o IGADI-Observatorio da Política China, as Xornadas de Chibérica (9, 10 e 11 de xullo do 2024) queren ser un punto de encontro entre Portugal e España para pensar na China do século XXI.

No ano 2023 as relacións diplomáticas entre España e a República Popular da China cumpriron 50 anos. Para a conmemoración de tan importante data, distintos axentes, intitucionais, académicos ou económicos, realizaron actividades variadas ao longo de todo o ano, co obxectivo de promover o impulso destas relacións tan relevantes no mundo do 2023 e do futuro. A máis importante foi a viaxe de Pedro Sánchez a Beijing, onde foi recibido por Xi Jinping, o 30 de marzo do 2023.

Por detrás dos actos de conmemoración unha pregunta apareceu de maneira recorrente, que futuro, que expectativas para esta relación, no marco da agresividade crecente na sociedade internacional? Nese futuro céntrase a reflexión colectiva que significa Chibérica, que aspira a promover a comprensión, as aspiracións e as potencialidades da relación entre a península ibérica e China. Cómpre anticipar antes de seguir, que ao longo do ano Chibérica converteuse nunha referencia bibliográfica de referencia para pensar este futuro…

Nesta misión Xulio Ríos (Fundador e Presidente de Honra do IGADI) e Jorge Tavares da Silva (Universidade de Coimbra) coordinaron un volume onde participou un variado equipo de especialistas, españois, portugueses e tamén chineses, como Luís Tomé, Inés Arco, Fernanda Ilhéu, Enrique Fanjul, Irene Rodrigues, Anna Ferrer, José Duarte de Jesús, Manel Ollé, Carmen Amado Mendes, Ferran Pérez Mena, Carlos Rodrigues, Andrés Herrera-Feligreras, Hou Xiaoying ou Luo Huiling.

Publicado na colección Asiateca da Editorial Popular, o libro organízase por capítulos, onde cada especialista afonda nun tema, divididos nos seguinte bloques: Política, Economía, Sociedade, Cultura, Política Exterior, Relacións bilaterais e a Perspectiva china desde a península ibérica. O conxunto coral achega un esforzo de reflexión en clave ibérica, combinando distintos enfoques desde as diversas autorías, que implica a dimensión académica, investigadora, diplomática, histórica ou económica, xerando un mosaico que deixa entrever as coincidencias e as discrepancias, así como a perspectiva dunha hipotética axenda conxunta China-Portugal-España. Os coordinadores do volume, Xulio Ríos e Jorge Tavares, abren e pechan o volumes, cunha introdución e un epílogo respectivo que harmonizan o conxunto dos textos.

Agora que durante os últimos anos, especificamente desde a pandemia mais tamén coa inflación e o tope do gas, a resposta ibérica a algúns desafío europeos gañou presenza na política e nos medios, o tema central de Chibérica amosa toda a súa potencia de presente e futuro. A veciñanza ibérica, con forte pegada na historia, do pasado á actualidade, recomendaría un diálogo bilateral máis intenso para concretar unha folla de ruta no marco da Unión Europea, Latinoamérica e o mundo todo, que nos permita gañar en peso específico á hora de posicionarnos nun mundo cada vez máis pequeno e agresivo. Defender os nosos intereses, primeiramente desde posicións xeográficas, que primen a cooperación e deserten do conflito, onde nada hai a gañar no medio e longo prazo. Trátase de competir mellor nun mundo global, onde influír e gañar será máis factible desde posicións compartidas. Coidar das interdependencias.

Nesa axenda compartida de España e Portugal coa China sempre hai que pensar en Galicia e en Macau como espazos de ponte e conexión que achegan un valor engadido extraordinario ao enfoque compartido. Se necesariamente precisamos enfoques proactivos, as ligazóns culturais e linguísticas agregan valor e reforzan calquera ollada de medio-longo prazo desde o inmediato. Se unha Chibérica conectada, cooperativa, é posible, temos todo a xogar nese partido.

O libro será moi valioso para calquera persoa con curiosidade na China ou para aqueles defensores dunha península ibérica máis unida política e institucionalmente, nun mundo onde o Estado-nación amosa tantas fortalezas como debilidades e onde a Unión Europea precisa de gañar peso exterior. Chibérica proporciona esa ollada compartida así como as claves que tocar para poder desenvolvela. Un ano despois, o libro abriu un camiño que agora comeza a medrar…

IGADI Conferencias Chiberica 16x9 horzontalpt 1

Inscríbete nas Primeiras Xornadas Chibérica, 9, 10 e 11 de xullo do 2024