Colombia: “desminar” a paz

No marco do peche do 33º ciclo de negociacións de paz que desde 2012 lévanse a cabo na Habana (Cuba), o goberno colombiano e a guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército Popular (FARC-EP) están acelerando toda serie de mecanismos para eventualmente acadar un acordo de paz definitivo. Neste sentido, a decisión de desminar as terras, a presenza de altos cargos do Mando militar colombiano nas reunións coa guerrilla para outear a posibilidade de alcanzar un cese ao fogo, a ampliación dos apoios internacionais ao proceso de paz colombiano e, incluso, a inédita e secreta presenza dun enviado estadounidense nas reunións na capital cubana, son acontecementos que semellan presaxiar un 2015 decisivo para alcanzar a pacificación do conflito armado mais lonxevo a nivel hemisférico. 

Apartados xeográficos Nacionalismos
Palabras chave Colombia Paz
Idiomas Galego

No marco do peche do 33º ciclo de negociacións de paz que desde 2012 lévanse a cabo na Habana (Cuba), o goberno colombiano e a guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército Popular (FARC-EP) están acelerando toda serie de mecanismos para eventualmente acadar un acordo de paz definitivo. Neste sentido, a decisión de desminar as terras, a presenza de altos cargos do Mando militar colombiano nas reunións coa guerrilla para outear a posibilidade de alcanzar un cese ao fogo, a ampliación dos apoios internacionais ao proceso de paz colombiano e, incluso, a inédita e secreta presenza dun enviado estadounidense nas reunións na capital cubana, son acontecementos que semellan presaxiar un 2015 decisivo para alcanzar a pacificación do conflito armado mais lonxevo a nivel hemisférico. 

Este acordo de desminado de terras comezará a aplicarse por parte dos organismos públicos colombianos e a guerrilla de cara á reanudación das conversacións de paz na Habana previstas para o próximo 17 de marzo, e contará coa verificación dun actor internacional, a organización Axuda Popular Noruega. Esta organización xa ten experiencia no terreo, a través da súa participación no desminado de terras en Chile e Perú. Tras Afganistán e Camboxa, Colombia é o terceiro país a nivel mundial en presenza de campos de minas, un aspecto que ten causado mais de 11.000 vítimas mortais nos derradeiros anos.

As expectativas de alcanzar un punto culminante ao acordo e paz increméntanse tras verificarse un 2014 progresivamente benévolo neste sentido(1). Mentres o presidente Juan Manuel Santos alcanzaba unha fortemente contestada reelección presidencial en segunda rolda, o seu goberno e as FARC deron pasos significativos en temas álxidos como a reforma agraria, o combate aos cultivos ilícitos e o narcotráfico, a adopción de compromisos políticos e de reconciliación e, finalmente, o histórico anuncio da guerrilla de “suspensión indefinida da loita armada” desde o pasado 20 de decembro, anuncio do que se espera poda ampliarse cara a outra guerrilla, o Exército de Liberación Nacional (ELN).

A xeopolítica da paz

Neste sentido, as negociacións na Habana gravitan dentro dun estratéxico caudal de intereses xeopolíticos entre os que se poden intuír o momento de distensión entre EUA e Cuba, anunciado e acelerado nos derradeiros dous meses, coincidindo co anuncio de suspensión da loita armada por parte das FARC e de recomezo das negociacións co goberno de Santos na Habana.

Así, Washington e A Habana, co presumible aval de Bogotá, semellan estar deseñando unha estratexia a diversas bandas, orientada a selar os pasos decisivos deste acordo histórico. Para o presidente estadounidense Barack Obama, a distensión con Cuba e a paz en Colombia lle permitirían dalgún xeito recuperar a súa imaxe e credibilidade hemisférica, toda vez que ao goberno de Raúl Castro lle serviría para alcanzar un dobre e histórico triunfo diplomático (apertura con Washington e pacificación en Colombia), que lle permita certificar o final do prolongado illamento exterior cubano e a súa progresiva e inevitable reinserción hemisférica. A atención, por tanto, está enfocada na celebración do Cumio das Américas, previsto para o próximo 11 de abril en Panamá, e que intúese como o marco exterior de maior relevancia para consolidar este proceso de pacificación en Colombia e de apertura e reinserción hemisférica cubana.

A implicación estadounidense no proceso de paz colombiano estaría certificada pola secreta participación do seu enviado especial Bernard Aronson na reunión por separado na capital cubana coa delegación do goberno de Santos, os altos mandos militares colombianos e as autoridades guerrilleiras(2), encabezadas por “Iván Márquez”, considerado durante anos como o voceiro en política exterior das FARC.

Neste sentido, a inédita reunión de Aronson coa delegación guerrilleira suporía igualmente un histórico acontecemento, xa que eventualmente abriría as posibilidades dun hipotético recoñecemento por parte de Washington de cara á lexitimidade política de cara ás autoridades guerrilleiras, a fin de posibilitar a progresiva entrega de armamentos e unha eventual reinserción civil das FARC a través dun movemento político.

Solución con “afán electoral”?

Resta por tanto observar cales serán os avances en canto á finalización do conflito armado, das amnistías en curso e da reparación de danos ás vítimas, así como da eventual legalización das FARC-EP como movemento político con capacidade para competir no terreo electoral. Con todo, abórdanse posibles friccións entre o goberno de Santos e a guerrilla.

En febreiro pasado, a delegación das FARC nas negociacións na Habana considerou a proposta de Santos de celebrar un referendo popular sobre os acordos de paz como unha “solución postiza” realizada “con sabor y afán electoral que escapa ao xa acordado(3). O próximo 25 de outubro, Colombia volverá ás urnas para celebrar comicios de gobernadores, alcaldes, deputados rexionais e concelleiros, ocasión aparentemente propicia para que Santos dera curso a este referendo.

Esta perspectiva repercute nas consecuencias políticas derivadas do proceso de pacificación, tomando en conta que a solución do conflito armado coa guerrilla constitúese practicamente como a prioridade política esencial para a consolidación do goberno de Santos, en particular trala súa axustada reelección presidencial de maio de 2014. Así e todo, para Santos e as Forzas Armadas colombianas, a solución militar segue a ser unha medida case inalterable, enfocada na perspectiva de “gañar a paz” a través da certificación da debilidade militar das guerrillas e da asunción dun proceso de negociación enfocado en  propiciar a inserción das FARC e do ELN na area política. Obviamente, previa amnistía xeral.

Este panorama aborda unha diversidade de expectativas políticas post-conflito. Unha delas ten que ver coa constatación de cal será a influencia política dunhas guerrillas eventualmente desarmadas e reconvertidas nun movemento político competitivo, cun papel chave dentro do espazo político e electoral a través da reconfiguración dunha esquerda colombiana historicamente atomizada, polarizada e preventivamente “domesticada” polo establishment.

Paralelamente, está o proceso de amnistías e da reinserción cidadá dos guerrilleiros, un proceso que se presume prolongado e que pode levantar polémicas e agudos conflitos civís e xudiciais, principalmente de cara ás vítimas civís e dos desprazados polo conflito(4). En no horizonte asómase outro conflito político latente, tomando en conta as posicións contraproducentes en diversos sectores da sociedade colombiana, especialmente daqueles controlados polo “uribismo” e dunha dereita radicalizada e contraria aos acordos de paz.

Obviamente, o obxectivo de Santos tradúcese en alcanzar un acordo global de paz coas guerrillas que lle permita, simultaneamente, fortalecer a súa imaxe política e histórica como o presidente que puxo fin a mais de cinco décadas de conflito armado. Pero é precisamente o tema da negociación coa guerrilla o que intensificou a ruptura entre Santos e o seu ex aliado, o ex presidente Álvaro Uribe Vélez, traducindo unha confrontación con preocupantes síntomas personalistas que poden complicar o panorama político colombiano. En todo caso, e se ben a prudencia é un elemento primordial, existen razóns para celebrar os avances das negociacións de paz na Habana.

 



(1) Este nivel de prudente optimismo, incluso anterior ao anuncio das FARC de “suspensión indefinida da loita armada”, pode igualmente observarse no informe: “The Day After Tomorrow: Colombia´s FARC and the End of the Conflict”, International Crisis Group, Latin American Report Nº 153, 11 de decembro de 2014. Ver en: http://www.crisisgroup.org/~/media/Files/latin-america/colombia/053-the-day-after-tomorrow-colombia-s-farc-and-the-end-of-the-conflict.pdf

(2) “Gobierno y FARC dan un paso decisivo hacia la paz con acuerdo de desminado”, Agencia EFE e Infolatam (España), 8 de marzo de 2015. Ver en: http://www.infolatam.com/2015/03/08/gobierno-y-farc-dan-un-paso-decisivo-hacia-la-paz-con-acuerdo-de-desminado/

(3) “Farc dicen que referendo de acuerdos de paz tiene afán electoral”, Corporación Nuevo Arco Iris  (Colombia), 2 de febreiro de 2015. Ver en: http://www.arcoiris.com.co/2015/02/farc-dicen-que-referendo-de-acuerdos-de-paz-tiene-afan-electoral/

(4) Neste sentido, debe tomarse como referencia o proceso de desarme dos paramilitares colombianos iniciado en 2006, en tempos do goberno de Álvaro Uribe Vélez con Santos como ministro de Defensa. Algunhas unidades paramilitares desarmadas convertéronse en grupos criminais con forte presenza en zonas como a rexión de Urabá, as planicies orientais e os departamentos do suroeste da costa caribe. No cometido das actuais negociacións de paz co guerrilla, un punto chave terá que ver coa lexitimidade que o mesmo terá nas filas guerrilleiras, e se o proceso de paulatino e progresivo desarme e de reinserción cidadá dos guerrilleiros eventualmente reproduza un exemplo similar ao da desmilitarización paramilitar e a formación de grupos criminais. Para maior información, consultar:  “The Day After Tomorrow: Colombia´s FARC and the End of the Conflict”, op.cit. pp. 5-10.