Comeza a reunión da OUA en Tripoli

O luns seis comezaron as sesión da Organización para a Unidade Africana (OUA) en Tripoli. A reunión coincide co trinta aniversario do nacemento da República Árabe Libia. A comezos de xullo, a OUA xuntábase en Alxeria, con motivo doutra simbólica celebración, os 37 anos da independencia.
As reunións da OUA nos países norteafricanos están relacionados, sen dúbida, cos relevantes cambios que se están a dar no área e no mundo árabe en xeral.

O nasserismo como sustento ideolóxico e os modelos revolucionarios de Alxeria e Siria, impulsaron o golpe de Estado de 1969 contra o rei Idris; ao fronte do Consello da Revolución estaba un xoven coronel, Muamar al-Gaddafi que proclamou a República Árabe.

A mestura entre nacionalismo panárabe, islamismo e socialismo conformarán as bases dunha “terceira vía” que en 1976 se recollerán no Libro Verde. A dirección que tomaba o novo réxime púxose de manifesto dende os primeiros anos setenta co peche das bases militares estranxeiras –inglesas e norteamericanas– e coa nacionalización do gas e do petróleo; coa adaptación das leis á Sura coránica e coa concentración do poder en torno a al-Gaddafi que permitiron a proclamación, en 1976, da “al Jamahiriya” ou Estado popular. A obsesión panarabista arrastrou a Libia a todo tipo de propostas de unidade: Exipto (1972), Túnez (1974), Marrocos (1984), logo fíxolle propostas a Alxeria e en 1981, intentouno co Chad coa intervención militar na sanguenta guerra civil.

O conflicto do Chad e a intervención na guerra permitiu o boicot por parte dos países africanos na orbita dos EE UU á reunión da OUA que se ía celebrar na capital libia en 1982. O fracaso do cumio africano sinala o comezo do illamento internacional de Libia que na década dos oitenta converteríase na besta negra da administración norteamericana e do presidente Reagan quen ordenou sobre ela varios bombardeos (1986). En 1992 a ONU decretou o embargo aéreo e en 1993 sancións diplomáticas pola suposta participación libia no atentado de Lockerbie.

Dende 1998 cando os países africanos decidiron non respectar o embargo decretado por Nacións Unidas, Libia comezou a saír de novo ao exterior. A ameaza da Liga Árabe de seguir os pasos dos países africanos obrigou a Londres e Washington a ceder no levantamento das sancións e admitir a solución libia para os presuntos autores do atentado de Lockerbie: que fosen xulgados en Holanda.

Nos albores do dous mil a situación no Norte de África está mudando substancialmente. O mundo árabe segue a ter como referente primordial ao pobo palestino. As posibilidades dun acordo palestino-israelí mesmo co visto bo das forzas do Fronte de Rechazo –ao que Libia nunca deixou de apoiar–; as ameazas que para moitos países –entre eles Libia– supón a extensión dun islamismo radical, tipo Hamas; as esperanzas abertas en Alxeria dende o acceso á presidencia de Buteflika e as incógnitas provocadas polo relevo xeracional nas monarquías de Marrocos e Xordania son elementos a ter en conta para comprender o interese do réxime libio en recuperar un protagonismo internacional que se veu limitado ao longo da década dos noventa.