Con Marrocos todo ben, gracias

De inédita pódese cualificar a visita do rei Juan Carlos a Marrocos. Inédita polo número de ministros que o acompañaron, até cinco: Exteriores, Xustiza, Interior, Fomento e Industria, Enerxía e Turismo. Inédita pola presencia de todos os ex xefes da diplomacia española en democracia, querendo poñer de relevo o estratéxico da relación, máis aló de intereses partisanos. Inédita polo foro de negocios no que participaron 130 patronos das principais empresas públicas e privadas españolas e marroquís. E inédita pola presenza de máis dunha ducia de rectores e responsables universitarios, que acudiron a Rabat para facer do educativo e cultural un novo eixo de colaboración e negocio, capaz reforzar a relación.

Apartados xeográficos África
Palabras chave Marrocos España Mohamed VI
Idiomas Galego

De inédita pódese cualificar a visita do rei Juan Carlos a Marrocos. Inédita polo número de ministros que o acompañaron, até cinco: Exteriores, Xustiza, Interior, Fomento e Industria, Enerxía e Turismo. Inédita pola presencia de todos os ex xefes da diplomacia española en democracia, querendo poñer de relevo o estratéxico da relación, máis aló de intereses partisanos. Inédita polo foro de negocios no que participaron 130 patronos das principais empresas públicas e privadas españolas e marroquís. E inédita pola presenza de máis dunha ducia de rectores e responsables universitarios, que acudiron a Rabat para facer do educativo e cultural un novo eixo de colaboración e negocio, capaz reforzar a relación.

Unha viaxe de traballo con marcado acento económico e cultural, que obviou toda cuestión susceptible de xenerar tensión. "Non toca", dixo García-Margallo. A primeira viaxe ao estranxeiro do rei en moitos meses. Meses de operacións e recaídas, de revelacións e peripecias xudiciais. Inédito o esforzo de don Xoan Carlos para manter o tipo, con mobilidade reducida, apoiado en muletas, temeroso de dar un mal paso. Pero contento, feliz de estar no veciño país, como confesou. Tampouco é habitual ver a Mohamed VI tan relaxado. Inédita foi a calidade e cantidade de xestos do soberano alauí cara o rei español. En pleno ramadán, sendo o Borbón o primeiro xefe de Estado que acode a Marrocos durante o mes sagrado do islam.

Inédito o balance xeral positivo da visita, constatando todas as partes a boa dinámica bilateral. Inédito o momento histórico, nunha conxuntura económicamente adversa, que obriga a redefinir o carácter estratéxico da relación, facendo imperativo traballar xuntos para a prosperidade e estabilidade. Tan bó foi todo que até quedou en segundo plano Bárcenas, omnipresente nas cuestións dos xornalistas en Rabat. Tampouco se subliñou o pobre da axenda dos nosos ministros, desentonando a presenza dun Ruíz-Gallardón cuxo homólogo nin tan sequera estaba no país. A crise de goberno que atravesa Marrocos tamén quedou de lado. Nin a debilidade do actual executivo nin os riscos dun adianto electoral mereceron comentario. Como tampouco o impacto limitado da viaxe nos medios locais... Inéditos lapsos.