Continuedades transatlánticas

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Durante o pasado mes, no contexto da nova resolución sobre Iraq, tiveron lugar dous encontros xermano-norteamericanos de certa significación. O máis seguido polos medios, a conversa entre o Secretario de Estado norteamericano e o chanceler Schröder foi cualificada polo primeiro como"franca e aberta", un dicir diplomático para significar que o diálogo flúe de novo e que se lle perdoa a vida. Por outra banda, algo sorprendentemente, o presidente Bush recibiu na Casa Branca a Roland Koch, primeiro ministro do land de Hesse e presumible candidato democristiá á Chancelería alemana. Koch recibiu unha dimensión en política exterior que non tiña. Bush deulle un pequeno empurrón á oposición xermana.

Os debates en torno á política exterior norteamericana, a unipolaridade e as relacións transatlánticas obvian a miúdo a realidade básica: que o mundo occidental está formado enteiramente por democracias liberais capitalistas, e que a interdependencia entre elas se asenta en factores persistentes e estructurais non "altermundistas". O primeiro é o económico: EEUU e a UE forman unha comunidade de intereses materiais. A combinación dos indicadores do comercio exterior, investimento estranxeiro e fluxo de capitais amosan que a rexión transatlántica é o bloque económico máis integrado do mundo, só por detrás, loxicamente, da propia Unión Europea. En 1999, o 45,2% do investimento estranxeiro total estadounidense foi a Europa, namentres o 60,5% do europeo se dirixiu ós EEUU. Máis claro aínda: os investimentos europeos en Texas son amplamente maiores que o investimento xaponés no conxunto de Estados Unidos. Por iso, e polo comercio intra-firmas, ás grandes corporacións europeas non lles interesa un euro demasiado forte fronte a un dólar en deflación. EEUU e a UE non só son os primeiros socios comerciais entre si; son os dous líderes económicos mundiais. Daquela, súa é a responsabilidade do mantemento da actual orde económica neoliberal no mundo, cousa da que se aseguran por medios aparentemente pacíficos "leis comercias-, ou non "guerra-. Agora ben, esta orde, derivada da transatlántica, asentase no multilateralismo e a consulta mutua e, teoricamente, tamén no arreglo pacífico das controversias fixado pola Lei Internacional.

O desencontro transatlántico non se produce, pois, en torno ós principios liberais e os "valores comúns"; nin sequera en canto ó uso da forza; ambos están ben dispostos a usala. O desencontro atinxe ó principio básico: unilateralimo-multilateralismo. O unilateralismo e as tendencias imperiais da actual Administración estadounidense, representados na Estratexia de Seguridade Nacional, violan a norma fundamental da comunidade transatlántica, o multilateralismo. Por iso para Europa, e para o mundo, sería desastroso deixa-la visión-principio liberal nas mans únicas do grupo neoconservador de extrema dereita que rexe, hoxe, a política exterior norteamericana. Significaría admitir, prospectivamente, que ese Goberno vai ser eterno. Tamén que, na oposición, existe un Partido Demócrata, que co seu "multilateralismo" fai máis doado que Europa salve a cara perante a propia opinión pública. Ó remate, a opinión pública, a ambas beiras do Atlántico, comunga maioritariamente coa orde multilateral establecida por máis que lle preman as torcas.

O Secretario de Estado norteamericano, Colin Powell, que é un ministro, un representante dun partido e dun goberno, ten viaxado a varios países europeos para amosa-lo apoio do seu Goberno a unhas opcións políticas, as conservadoras, no poder ou na oposición. Pero a embrionaria, e polo de agora frustrada, Política Exterior Común da Unión Europea, formada nos ministerios de Exteriores dos gobernos e nos departamentos de Exterior das oposicións, obvian a primeira opción, o acceso ás oportunidades das políticas interiores de EEUU, porque, entre outras moitas premisas, a PESC da UE falla na posibilidade doméstica, a pequena diplomacia.

Na resposta europea ó unilateralismo norteamericano o obxectivo é consolidar, afortalar ou lle dar pulo ás voces semellantes dentro do sistema político interior norteamericano. Esa é a carta que, ata o de agora, só está sendo aproveitada pola parte máis forte.