Crise ou cambio de modelo?

Alén de problemas concretos coñecidos (débeda local, crise bursátil ou burbulla inmobiliaria), a inflexión que vive China é produto, en enorme medida, das dificultades da transición cara un novo modelo de desenvolvemento. Chegou o momento en que o trinomio salarios baixos-investimento exterior-exportacións debe deixar paso a unha sociedade de consumo máis respectuosa co ambiente e innovadora. Isto supón un desafío estrutural de grandes proporcións que debe operarse garantindo unha taxa mínima de crecemento do 7 por cento, moderada con respecto a anos anteriores pero aínda moi elevada nos tempos que corren.

En paralelo, a actual fase desta longa reforma impón unha anovada relación co exterior, marcada pola intensificación dos investimentos por todo o globo e a definición de corredores económicos, o impulso da Franxa Económica da Ruta da Seda e a súa versión marítima e a creación de novos operadores e marcos institucionais de alcance rexional e global. Estas iniciativas están dando os seus primeiros pasos e deben xerar novos mercados, absorber os excesos de capacidade produtiva e multiplicar a presenza global da China cunha nova faciana.

O goberno chinés, facendo valer as súas enormes capacidades de intervención, está a dispoñer inxentes recursos para financiar ambos os dous procesos nos que, en suma, xógase o éxito do rumbo iniciado en 1978. A medida da gloria estará detallada no XIII Plan Quinquenal, que aprobará o Partido Comunista en outubro próximo. Aí deben cifrarse as liñas de acción e as garantías para ese lustro clave no que a China converterase na primeira economía do mundo pero no que tamén deberá acreditar un marco produtivo sostible, solvente e moderno, capaz de transcender a súa condición de fábrica do mundo. Un cambio complexo e ameazado por esa inestabilidade que tamén impera fóra da Gran Muralla.