¿Cuba, bloqueada? Si, pero menos

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

Foi preciso que pasase por Cuba o furacán Michelle, a máis destructivo dós últimos 50 anos, para que o inimigo americano tendese a man da a axuda humanitaria. Alimentos e menciñas abrirán unha histórica paréntese no férreo e inhumano bloqueo comercial ao que EEUU somete ao Caimán do Caribe. Philip Reeker, voceiro do Departamento de Estado Norteamericano, asegurou que se están a axilizar os trámites que posibiliten a venda humanitaria de medicamentos e alimentos a Cuba. Dende a illa caribeña prefiren por o acento na presión que empresarios do sector agroalimentario están exercendo para abrir as portas a exportación á illa proscrita. O certo é que Cuba vai seguir bloqueada, pero menos.

O 4 de novembro, A furia do Michelle varreu, cos seu ventos de 250 km/h, case a metade da illa cun ronsel de destrucción que os 42 anos de revolución xa non lembraban. Cen mil vivendas afectadas, 700.000 persoas tiveron que desprazarse dos seus lugares de residencia e 5 mortos foi o balanzo oficial.

As veces, da negrura das catástrofes, emerxen novos escenarios que permiten ensaiar, en campos experimentais, as novas políticas. As dificultades para desengraxar a oxidada maquinaria diplomática das relacións cubano-americanas son enormes, mais todo semella que por unha vez non van ser o obstáculo.

Contra do reiteradamente habitual, foron os EEUU os primeiros en dar o paso para ofertar axuda humanitaria. Este ofrecemento provocou roxelos na Habana, tras de máis de 40 anos de inhumano bloqueo. Entre as interpretacións sobre tan novidoso xesto, houbo quen quixo ver unha calculada estratexia do poderoso veciño do norte para mellorar a imaxe pública na sociedade cubana. Mais oficialmente, dende La Habana, so houbo parabéns para o americanos. O presidente Fidel Castro, fixo unha pausa no Encontro Hemisférico contra da ALCA (Area de Libre Comercio das Américas) onde arremetía contra esta unión económica que, segundo el, significaría a anexión de América Latina aos EEUU, para manifestar que apreciaba o xesto norteamericano, "lo cortes no quita lo valiente".

A presidencia da República axiña reaccionou e tomou a man, do reconvertido amigo americano, para revirar o seu ofrecemento e sacarlle o seu compoñente altruísta. A illa solicitaría que EEUU lles vendese medicamentos e alimentos, "estamos en disposición de forma excepcional e por unha soa vez, de adquirir determinadas cantidades de alimentos e menciñas en EEUU, pero pagándoas en cartos e en efectivo". ¿Axuda humanitaria? Si, pero pagando.

No último día hábil da semana pasada a secretaria de agricultura dos EEUU, confirmou que Cuba mercaría alimentos e menciñas por un valor de 550. 000 millóns de pesetas. Os productos que demanda a illa son: Trigo, soia, fariña, millo, arroz, alimentos infantís, leite en po, aceite para cociñar, xudías… Tamén antibióticos e menciñas.

As dificultades a canear aínda son moitas. Os barcos cubanos non poden, legalmente, achegarse ao veciño para recoller os productos. As transacción financeiras entre os países son moi ríxidas… pero semella que desta volta serán vencidas.

A dúbida que agora permanece é se dous estados tan próximos xeograficamente e tan enfrontados ideoloxicamente, quererán e poderán repetir esta experiencia no futuro. Fidel Castro aproveitou a ocasión para demandar, por enésima vez, que desaparezan os obstáculos para o comercio e o bloqueo.

En EEUU existen empresarios que desexan promover o comercio coa illa, para non chegar máis tarde a un país onde canadianos e europeos xa levan a dianteira. Pamela Falk , de City Universiy de Nueva Iorque , cre que esta primeira relación comercial, desperta os intereses do sector agrícola norteamericano e senta un precedente no sector banqueiro e portuario que tamén deben participar nesta operación.

Quen non están tan felices son os integrantes da Fundación Cubano-Americana no seu exilio de Miami. O lobby cubano tiña ata agora un grande peso na política exterior norteamericana, especialmente coas administracións republicanas. As noticias de distensión son de dificil asimilación por quen manteñen posicíon tan herméticas e revanchistas.