Concluiu a consulta popular impulsada por Fidel para declarar intocable o socialismo cubano. É o terceiro paso dunha serie de respostas auspiciadas pola Habana ao discurso de George W. Bush do pasado 20 de maio no que o presidente estadounidense esixía dende Miami e en presencia das poderosas organizacións anticastristas, a introducción de cambios políticos para acceder á retirada do embargo económico imposto á illa hai máis de 40 anos.
Dende entón, Cuba vive en permanente estado de mobilización e climax: a gran manifestación dun millón de persoas na capital e outras marchas e mítines ao longo de todo o país no que se estima unha participación de ata nove millóns de persoas, recollida de firmas en máis de 130 mil puntos distribuídos por toda a xeografía da illa, multitudinarias Tribunas Abertas de Fidel e, finalmente, a Iniciativa de Modificación Constitucional presentada ante o Parlamento polas direccións das dez organizacións de masas máis representativas para declarar intocable o sistema socialista vixente dende 1961. Segundo datos oficiais, ata un 98,97 por cento dos electores deron o seu apoio á iniciativa nun referendo inédito na illa. O próximo cinco de xullo, os 601 deputados da Asemblea Nacional do Poder Popular ratificarán a iniciativa.
A dirixencia cubana pretende asi non soamente respostar a Bush, senón, sobre todo, descalificar o chamado Proxecto Varela, presentado recentemente co aval de máis de 11 mil firmas solicitando ó Parlamento que impulse unha consulta á poboación sobre o futuro político do país, e demandando un posicionamento claro a propósito de cuestións elementais como a liberdade de expresión ou a amnistía para os presos políticos.
Durante máis dunha década, a Cuba socialista se viu sumida nunha das situacións económicas máis críticas da súa historia, á vez que se debatía, e aínda se debate, entre a vontade de preservar logros sociais ameazados pola actual conxuntura internacional, e a necesidade impostergable de adoptar reformas que lle permitan sobrevivir nun mundo cambiante.Agora todo indica que estamos ante un novo parón político.
Por riba das inquinas de Washington e as declaracións de fe da dirixencia cubana avanza inexorable ese tempo post-Fidel no que todos os problemas que hoxe semellan solapados por inmensas unanimidades acabarán por aflorar de xeito crítico. En marzo de 1991, Gorbachov gañaba un difícil referendo sobre o mantemento da Unión que non foi quen de impedir que aos nove meses tivera que comparecer ante a opinión pública para anunciar a disolución da URSS.
Nas condicións actuais, non é facil explorar camiños novos para establecer esa nova síntese entre xustiza e liberdade a que aspiran os cidadáns progresistas de calquera parte do mundo, pero a insistencia no inmobilismo abre unha inmensa interrogante sobre o futuro de Cuba, unha vez máis situada ante a delicada tesitura de elixir entre o todo ou a nada, entre socialismo ou morte, entre Patria ou Imperio, tensión permanente que favorece unha dogmatización especialmente cómoda para ambos adversarios pero difícilmente sostible a medio prazo.