20030924havana cuba04

¿Cuba no camiño dun cambio?

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Desde que Fidel Castro enviara ó cárcere a máis de 75 disidentes acusados de "espionaxe e conspiración con EEUU", e fusilara aos secuestradores dunha embarcación, Washington e incluso Bruxelas comezaron a pechar a única saída económica para os 11 millóns de cubanos: o turismo e os investimentos comerciais. (Foto: La Habana, Cuba, setembro de 2003).
 

Algo olvidada polos medios informativos, Cuba está a piques de deparar interesantes escenarios a consecuencia das eleccións presidenciais norteamericanas de novembro próximo. Unha posíbel reelección de George W. Bush radicalizará aínda máis as presións e o embargo sobre o goberno de Fidel Castro, mentres algúns cambios internos entre a comunidade cubana en Florida e os disidentes na illa, poderían deixar novos escenarios nunha Cuba post-Fidel. Aínda non se coñece con exactitude cales serían as prioridades con respecto a Cuba por parte do demócrata John Kerry. Ao mesmo tempo, Fidel logra esquivar con éxito o illamento propiciado desde Washington e unha xanela ao seu réxime estase presentando no eixo con Hugo Chávez, Lula e Néstor Kirchner. En Europa, a posibilidade de iniciarse unha transición pacífica na illa vai collendo ritmo, a tenor dos seus intereses comerciais.

Para a administración Bush, Cuba é un problema que só parece poder resolverse polos medios tradicionais da "guerra fría". Embargo, intimidación e conxecturas políticas internas. Desde que Fidel Castro enviara ó cárcere a máis de 75 disidentes acusados de "espionaxe e conspiración con EEUU", e fusilara aos secuestradores dunha embarcación, Washington e incluso Bruxelas comezaron a pechar a única saída económica para os 11 millóns de cubanos: o turismo e os investimentos comerciais. Bush foi aínda máis radical: maior hostilidade, obstáculos para o turismo desde EEUU, reducción das remesas dos inmigrantes cubanos e restricción das visitas dos familiares, permitindo só viaxes de duas semáns, cada tres anos. Xa que as viaxes a Cuba son aprobadas polo Departamento de Estado e do Tesouro, as recentes restriccións aumentaron a ilegalidade das viaxes de particulares con desexos de facer negocios na illa. Un 40% dos 85.000 estadounidenses que visitaron Cuba o ano pasado fixéronno dun xeito ilegal.

Boa parte da estratexia norteamericana ven deseñada por Otto Reich, político republicano de orixe cubana-americana, ex embaixador en Caracas e ex asesor de Bush en materia hemisférica. Un recente documento de 423 páxinas elaborado polo goberno estadounidense revela detalladamente de qué maneira pensan acabar co réxime cubano. É de agardar que esta sexa a política de Washington en caso de que Bush sexa reelixido para os próximos catro anos.

Por outra banda, non todo son malas novas para Fidel. A comunidade cubano-americana de Florida atópase dividida en torno ás políticas futuras cara Cuba. Os que escaparon da revolución non teñen reparos en apoiar calquera medida contra o réxime, mentres as novas xeracións son máis partidarias de tender pontes para alentar unha transición pacífica. Os cubanos de Miami perderon a súa influencia en Washington desde o famoso caso no neno Elián González, pero agora (e por razóns electorais) recobraron un tanto a súa antiga posición, predominante entre os republicanos.

Fidel sabe que o seu réxime non lle sobrevivirá moito de seguir a actual situación. Por iso mantén contactos baixo corda con algúns líderes disidentes como o seu ex aliado Eloy Gutiérrez Menoyo, quen aos seus 69 anos e case cego, regresou a Cuba para liderar a "transición" co seu movemento político "Cambio Cubano". Gutiérrez Menoyo rompeu con Fidel cando este aceptou a orientación soviética, polo que pasou 22 anos no cárcere. Tras un longo exilio, agora loita por unha oposición independente, que busca a reconciliación nacional, en apariencia sen o apoio directo estadounidense. Dende EEUU, varias figuras fan o seu traballo. O lexislador James Cason, apoia as retransmisións ata Cuba a través de Radio Martí, con propaganda norteamericana. Pero moitos outros intentan abrir canles para facer negocios nunha "nova Cuba", deslastrada ou non do seu sistema revolucionario.

Para manter a supervivencia e aplacar os efectos do illamento, Castro logrou concertar un eixo co presidente venezuelano Hugo Chávez, quen lle envía "gratuitamente" 53.000 barrís diarios de crú a cambio de cooperación educativa e sanitaria. Os problemas de electricidade seguen a ser notorios en Cuba. Tamén, as victorias de Lula da Silva en Brasil e de Néstor Kirchner na Arxentina permitiron a La Habana unha xanela importante no escenario hemisférico. Incluso, Lula xa pediu á OEA a reinserción de Cuba na organización, expulsada por instigación de Washington en 1962.

Pero aínda é unha incógnita o que está a pasar en Cuba. Nada parece afectar ao poder de Fidel no seo do partido e do sistema político cubano. ¿Haberá cambios cun maior endurecemento da política de Washington e unha definición da política europea?. Está por realizarse un novo Congreso do Partido, que non se celebra desde 1997, onde Fidel pode implementar unha nova orientación política, ben sexa ideolóxica ou xeracional.