Desenvolver o desenvolvemento

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Educación primaria, obxectivo número dous, clic para aumentar
O Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, facéndose eco das experiencias anteriores, enriquece o concepto de desenvolvemento co adxectivo "humano", e acompaña ao crecemento económico con acceso á educación e aumento da esperanza de vida. A capacitación das persoas e a transferencia tecnolóxica se alza como a clave coa que reconstruír o modelo para contrabalancear os desequilibrios do libre mercado. Deste molde saen os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que marcan a axenda internacional de desenvolvemento coa meta posta no 2015. (Ilustración: Lograr a ensinanza primaria universal, obxectivo número dous dos Obxectivos do Milenio/UNDP).
 

Dende o Foro Social Mundial ao G-8, dende a ONU ao Banco Mundial, dende os movementos sociais ata os consorcios empresariais e financeiros que se dan cita no FMI, a proclama do desenvolvemento recorre bocas, discursos, papeis, acordos… Pero significa sempre o mesmo? Tras o proclamado "fin da Historia" ou a caducidade das grandes ideoloxías, é o desenvolvemento un esquema común co que afrontar o mundo?

Para moitos, o desenvolvemento segue equivalendo a crecemento económico, e os seus avances ou retrocesos son medidos en función do incremento ou non do PIB dun país ou da súa capacidade de atraer capital estranxeiro e de competir no mercado internacional. Os costos sociais provocados polas estratexias levadas a cabo nesta liña, que protagonizan as décadas 80 e 90 do século pasado, son tales que se erixiron como elementos de primeira orde no panorama internacional do novo milenio, e puxeron en cuestión o suposto carácter redistribuidor do mercado e a necesidade de afrontar os seus efectos perversos.

O Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, facéndose eco das experiencias anteriores, enriquece o concepto de desenvolvemento co adxectivo "humano", e acompaña ao crecemento económico con acceso á educación e aumento da esperanza de vida. A capacitación das persoas e a transferencia tecnolóxica se alza como a clave coa que reconstruír o modelo para contrabalancear os desequilibrios do libre mercado. Deste molde saen os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que marcan a axenda internacional de desenvolvemento coa meta posta no 2015.

Dende outros foros, nos que as sociedades civís son as protagonistas, responsabilízase directamente ao modelo de desenvolvemento hexemónico do grave empobrecemento no que se sumen estados e incluso continentes (África sería o espello máis nítido das súas contradicións). Loitar contra a mercantilización do mundo e construír alternativas ao neoliberalismo, e non a súa simple matización, son as pontes que tenden cara un desenvolvemento maioritariamente compartido.

Para enredar máis se cabe a madeixa, o ecoloxismo aporta a necesidade de que o desenvolvemento sexa ambientalmente sostible, o feminismo que se contemple a equidade de xénero, as comunidades do sur reivindican a súa soberanía para deseñar un desenvolvemento endóxeno, para os movementos campesiños trátase de facer fronte ao espolio dos recursos produtivos, e para organizacións das sociedades tanto do norte como do sur, a democracia participativa é o seu principal vehículo de desenvolvemento.

O desenvolvemento, polo tanto, non parece un concepto homoxéneo e ideoloxicamente neutro, senón que, máis ben ao contrario, resulta unha palabra camaleónica capaz de adaptarse a distintas formas de ver e entender o mundo. O político, a pesar das aparencias, ten nela un peso fundamental.

Acompañar a economía de mercado para contrarrestar os seus efectos ou cuestionala frontalmente? É o noso desenvolvemento un modelo exemplar e, por iso, susceptible de ser exportado ao resto do mundo, ou son outros os intereses de fondo? Que é o que hai que desenvolver?

Ben se sabe que para problemas complexos non existen solucións nin simples nin rápidas, pero, cando menos, convén facerse as preguntas para ir desenleando o desenvolvemento e tirar dos fíos que máis se acheguen ás respostas.