Desinchados

Con menor éxito do agardado, culminou a longa carreira concibida pola oposición para obrigar a Milosevic a presentar a súa dimisión e urxir a formación dun goberno técnico ata a celebración de novas eleccións. As sempiternas diferencias no seo da coalición opositora e a volta ó curral do Partido Radical de Seselj altera substancialmente aquela percepción dun Milosevic ás portas do abismo, acurralado dentro e fora do país dende que as tropas da Kfor e os milicianos da UCK asentaran en Prístina. Esta oposición, feble na súa coherencia, controvertida na súa traxectoria, fragmentada na súa organización e, sobre todo, dividida fronte ó poder, non é quen de gañarse a confianza dunha sociedade desmoralizada e escéptica. Sen unha nova estratexia, a etapa que agora se abre para Djindjic non será de maior presión senón de maior declive. É previsible que as diferencias cos demáis líderes da oposición vaian a máis. Como xa aconteceu no pasado sen que Occidente o puidera evitar, afondarán nas mutuas discrepancias e tomarán distancias os uns dos outros e todo o proceso voltará a empantanarse. Neste contexto, o anuncio de eleccións inmediatas é unha argucia intelixente do Presidente serbio que ademais de contribuir á desmobilización e desautorizar algúns dos argumentos máis reiterados da oposición, evidencia a súa recuperación da iniciativa política. A este paso, como aquel outro dictador, Milosevic morrerá na cama.