Despois de Chávez

O clima de transitoriedade política que se vive actualmente en Venezuela por mor dos problemas de saúde do seu presidente Hugo Chávez, factor que condicionou a postergación momentánea da súa toma de posesión para un novo período presidencial o pasado 10 de xaneiro, clarifica a sensación de apertura dunha nova etapa dentro do proceso de cambios que vive o país caribeño e suramericano, desta vez coa case absoluta certeza da ausencia definitiva do seu máximo líder.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Idiomas Galego

O clima de transitoriedade política que se vive actualmente en Venezuela por mor dos problemas de saúde do seu presidente Hugo Chávez, factor que condicionou a postergación momentánea da súa toma de posesión para un novo período presidencial o pasado 10 de xaneiro, clarifica a sensación de apertura dunha nova etapa dentro do proceso de cambios que vive o país caribeño e suramericano, desta vez coa case absoluta certeza da ausencia definitiva do seu máximo líder.

 

Desde que o pasado 9 de decembro de 2012, Chávez anunciara a súa ausencia temporal presidencial motivada por unha nova intervención quirúrxica en Cuba, delegando poderes limitados na figura do vicepresidente executivo Nicolás Maduro, o clima de rumores, confusión e incertezas intensificaron a vida pública venezolana. A inmediatez da toma de posesión constitucionalmente pautada para o pasado 10 de xaneiro de 2013, converteu o momento político venezolano nun auténtico labirinto de interpretacións de carácter legal e constitucional que, a todas luces, intensificaron as incertezas e inquietudes.

Evitar a inestabilidade

Todo indica que, pese a non axustarse estritamente á normativa constitucional, a decisión emanada por parte do poder lexislativo en mans do presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello, así como do poder xudicial por parte do Tribunal Supremo de Xustiza (TSX), realizada entre o 8 e 9 de xaneiro, de avaliar a postergación do acto de toma de posesión presidencial, lexitimando así a continuidade do actual goberno delegado en mans do vicepresidente Maduro, revela unha saída de carácter institucional por parte dos altos poderes nacionais en Venezuela a fin de atallar a posibilidade de intensificación dunha crise política motivada pola profusión de interpretacións legais e constitucionais e da confusión e incerteza xerada polas mesmas.

Esta situación inédita na historia contemporánea de Venezuela revela diversas lecturas e non menos inquietudes. É evidente que a saída institucional emanada da decisión dos poderes lexislativo e xudicial lle imprime un carácter de lexitimidade, por emanar de poderes públicos constituídos, a pesar de non axustarse á normativa constitucional, tal e como argumentan -con igual carácter de lexitimidade- diversos sectores dentro e fóra de Venezuela, neste último caso principalmente derivados da oposición política.

Alén das cualificacións establecidas desde diversos sectores, tanto en Venezuela como no exterior, sobre a presunta consumación dun “goberno de feito” ou dun hipotético “golpe institucional” e “político” contra a Constitución Bolivariana, a decisión dos poderes lexislativo e xudicial moi probablemente constituía unha alternativa de carácter institucional orientada a sortear un clima de incertezas que podería propiciar situacións de inestabilidade.

O artigo 233 da Constitución Bolivariana establece claramente que, en caso de ausencia do presidente electo na toma de posesión “por calquera causa sobrevenida”, a presidencia da República sería asumida polo presidente/a da Asemblea Nacional -neste caso Diosdado Cabello, reelixido neste cargo o pasado 5 de xaneiro- sendo esta a única autoridade lexitimada constitucional e popularmente para ilo. Tras asumir a presidencia, o presidente/a da Asemblea Nacional debería convocar a novas eleccións presidenciais nun prazo de 30 días, prorrogables a 180 días como máximo.

O estrito apego a esta normativa constitucional dirimiría unha situación non menos tensa: a posibilidade de que Diosdado Cabello, un auténtico poder dentro do chavismo, se encargara da presidencia ata a eventual convocatoria de novas eleccións, sendo Maduro o candidato electoral designado polo propio presidente Chávez. Desde o regreso de Chávez a Cuba en decembro pasado, as especulacións sobre unha presunta confrontación política entre Diosdado e Maduro inundaron diversas informacións e análises sobre a situación venezolana.

Paralelamente, e tras celebrarse eleccións presidenciais en outubro pasado (que fraguaron unha nova reelección para Chávez) e de gobernadores en decembro pasado (cunha abafante vitoria do chavismo gañando 20 das 23 gobernacións nacionais), a convocatoria de novas eleccións presidenciais nun prazo establecido dentro do primeiro semestre de 2013 moi probablemente intensificaría o clima de polarización e tensión política e saturarían o calendario político e electoral a curto prazo, en especial coa previsión de eleccións de alcaldes para abril próximo.

Se ben para a oposición venezolana a convocatoria destas novas eleccións suporía unha oportunidade tentativa de derrotar a un chavismo sen Chávez como candidato, liderado desta vez cun perfil menos carismático en mans de Maduro, para o chavismo o cálculo non sería exactamente inverso: reelixido Chávez en outubro, con ganancias case absolutas das gobernacións estadais e o indubidable “efecto simbólico” para o seu electorado que supuxo que o propio Chávez traspasara de forma eventual (ou transitoria) o liderado do seu movemento a Maduro, son factores que implicarían claramente que o chavismo moi seguramente gañaría con claridade esta eventual convocatoria de eleccións presidenciais.

Unha “dirección colexiada” post-Chávez?

Non obstante, a decisión de postergar a toma de posesión do 10/E canalizando a crise baixo canons institucionais sen apegarse estritamente á Constitución, revela igualmente a dinamización dunha serie de pactos políticos de alto nivel, establecidos nas derradeiras semanas a través da estratéxica relación entre os gobernos de Venezuela e Cuba co consentimento de aliados rexionais como Brasil, un aspecto que ó mesmo tempo ilustra un inquietante precedente para o futuro político venezolano, con o sen o chavismo no poder.

O temor por observar un clima de inestabilidade e confrontación política nunha Venezuela xa claramente post-Chávez supuxo unha preocupación moi evidente para diversos líderes rexionais. A mobilización case íntegra do goberno venezolano cara A Habana a finais de decembro e comezos de xaneiro, coa finalidade de acompañar a Chávez tralo post-operatorio, así como a estratéxica presenza a semana pasada do ex chanceler brasileiro Marco Aurelio García, actual asesor da presidenta Dilma Roussef e un “peso pesado” da esquerda latinoamericana, e as reiteradas visitas a Cuba de líderes rexionais amigos de Chávez como o presidente boliviano Evo Morales, son aspectos que certifican que foi mais ben na Habana onde se orquestraron os pactos políticos e os pasos institucionais que condicionan o actual momento de transitoriedade institucional en Venezuela. 

Ó mesmo tempo, e se ben é indubidable que a sociedade venezolana ten o dereito de coñecer con exactitude o estado de saúde do seu xefe de goberno e de Estado, o hermetismo oficial sobre este tema implica igualmente razóns de lóxica de poder: nun país sumamente polarizado e dividido, constantemente mobilizado por todo tipo de rumores, informar con celeridade o evidente empeoramento da saúde de Chávez implicaría intensificar unha confrontación e inestabilidade que, precisamente, tentan evitar os pactos políticos anteriormente sinalados.

Por tanto, o momento actual venezolano descifra un compartimento de poder entre Maduro e Diosdado Cabello avalado polas altas instancias do poder en Caracas e, tanxencialmente, na Habana e Brasilia, dous actores externos clave no futuro venezolano. Así e todo, esta especie de “dirección colexiada” entre Maduro e Diosdado dentro do chavismo infire un carácter de transitoriedade a pesar de que non semella factible que Chávez retorne á presidencia, aínda que sexa de forma simbólica. Aquí imponse, por tanto, cal será a capacidade de Maduro e Diosdado para dirixir e consensuar un proceso revolucionario orfo do incontestable liderado do seu fundador.

Dificilmente un liderado como o de Chávez poda ser substituído por calquera forza política en Venezuela, pero o proceso de cambios en marcha desde 1999  moi probablemente dea curso a unha etapa de menor enerxía carismática, investida dun posible pragmatismo político e da necesidade de consolidar unhas estruturas de poder política e electoralmente hexemónicas na Venezuela actual pero que precisan de inmediato dunha institucionalización máis eficiente.

Este aspecto da “institucionalización do proceso revolucionario” imponse como prioritario, en especial no relativo á capacidade gobernamental por ofrecer solucións a problemas crónicos (inseguridade cidadá, corrupción e clientelismo burocrático, vivenda, alto custe da vida, deficiencia nas infraestruturas, etc) e da convicción por continuar vertebrando un modelo de participación popular e social, de carácter horizontal, plural e democrático, identificado como o verdadeiro “corazón” do proceso, e certificando así a asunción dunha nova cultura política no país. 

A consolidación do “chavismo sen Chávez”, alén das eventuais ambicións dos seus sectores de poder, e a “institucionalización” da Revolución bolivariana e socialista, terán o seu principal reto na consecución do plan estratéxico do goberno venezolano para o período 2013-2019: a consecución do Estado comunal, focalizado na asunción dos consellos comunais e dunha cultura cidadá comunitaria e corporativa que afonde o modelo do Socialismo do Século XXI. Pero este proceso, que acometerá un marco de evidentes presións e tensións, internas e externas, e unha polarización social e política que non se albisca diminúa nos próximos tempos, porá a proba a consistencia da nova dirección oficial, actualmente identificada en mans de Maduro e Diosdado.

Pode que o futuro do chavismo implique semellanzas coa experiencia do peronismo na Arxentina ou, incluso, derive na burocratización e o monopolio do poder establecido polo PRI en México (1929-2000) O acto simbólico de toma de posesión levado a cabo o 10/E e a mobilización popular de “lealdade a Chávez” da a entender que o actual goberno venezolano amparase no carisma do seu convalecente líder como motor impulsor dunha nova etapa do proceso. Pero agora coa convicción e a certificación de que Chávez xa non estará ó fronte.