Dúas décadas

“A ese país que non tira a toalla”

Como facer Galicia? Con sentido de país, xenerosidade e perspectiva, pensando en nós como suxeito colectivo. Se iso é realmente o que se precisa, da a impresión de que estamos a tirar pedras contra o noso propio tellado. O problema somos nós. Galicia é un país marabilloso, pero ten un gran hándicap: está habitado por galegos. Precisamos un workshop que estimule esa dúbida creativa da que falaba Plácido Castro e asegure un cambio de cultura, creando espazos para o entendemento, pondo ideas sobre números e viceversa. É un exercicio de nutrición e de capacidade de integración indispensable para gañar amor propio e evitar que por desleixo ou simple abominación se estraguen os nosos recursos de todo tipo restándonos posibilidades de actuación no complexo mundo actual.

Fronte a tanta inercia desesperante, cómpre reivindicar a enerxía desa sociedade civil que cre en si mesma, nun bulir constante de ideas e proxectos, con galegos dotados de relevancia nas mais diversas áreas, en todas as esferas. Esa sociedade está lista para marcar o rumbo, tomar as rendas, pero carece de conexión efectiva cunha clase política extraviada. Uns pasan as mañás contando fabas e as tardes botando balóns fóra. Outros realizan invocacións de signo case apostólico totalmente fóra da realidade. Os últimos, ante o espello, dubidan entre a cosmética e a cirurxía. A bifurcación poder-sociedade é expresión dunha desconfianza que non fixo outra cousa que medrar nos últimos tempos. É produto, entre outros, dese afán subalternizador do poder institucionalizado, gobernamental ou non, habitualmente só xeneroso en estupidez, onde prolifera a perda de respecto cara a independencia dos demais, a quen quixeran ver subsumido nunha dependencia negadora e destrutiva.

Velaí os poderosos obstáculos estruturais que debemos vencer os que apostamos en diferentes frontes por tirar do país configurando as bases doutro poder que non aspira a disputar os liderados políticos pero demandando comprensión e complicidade cara os outros liderados posibles. Non é un problema de recursos económicos. Ou só. Senón de actitudes, de cultura, de mentalidade, tan obtusa que semella reducir o noso ADN a unha marca limitadora. Enerxías hainas. Non se explica doutro xeito a persistencia de vontades pese a tanta hostilidade “natural”. Procedería estarmos orgullosos deses outros emprendedores nacidos antes da “Administración” que con disciplina, abnegación e entusiasmo, sen buscar o beneficio persoal, son creadores de “outra” riqueza, fondamente social, moito mais pública que a administrativa.

Puidera ser este un outro balance de dúas décadas de IGADI, inmerso nunha sociedade que reclama unha fonda revolución nas maneiras de conducirse, outro espírito para progresar ou, simplemente, ser.