Duelo no Mercosur

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego

O choque dialéctico entre as dúas locomotoras do sur, Brasil e Arxentina, mantén en vía morta o futuro deste Mercado Común. De novo, foi Domingo Cavallo quen exerceu de irresponsable gardaagullas ao encamiñar o desbocado tren da economía arxentina contra do Brasil. Pouco despois de anunciar o oitavo plano de axuste para recortar o orzamento entre 700 e 1600 millóns de dólares arremeteu contra de Brasil por ter desvalorizado a súa moeda nun 38%, só durante este ano. " Está esgotado o modelo de relación comercial con países que se dan o luxo de facer o que lles peta coa súa moeda". Curiosamente Arxentina só ten un balanzo positivo, no seu comercio exterior co Brasil, calculado nun superavit 843 millóns de dólares para o período de xaneiro a setembro do 2001. O indigando presidente Fernando Henrique Cardoso ordenou interromper, "sine die", as negociacións económicas con Arxentina.

Domingo Cavallo nunca demostrou excesivo interese polo Mercosur e sempre dirixiu a súa mirada cara ao norte, cegado pola estrela do ALCA (Asociación do Libre Comercio das Américas) que lidera EEUU. As súas frases despectivas teñen feito ronchas nos responsables de exteriores de Uruguai, Paraguai e Brasil en diferentes ocasións. Ronchas tratadas e sandadas pola vontade decidida dos presidentes en considerar o Mercosur como unha aposta estratéxica.

Arrastrándose polos niveis máis baixos na popularidade da clase política arxentina, Domingo Cavallo ocupa o segundo posto ao ser rexeitado polo 77% da poboación, só superado polo Ex-presidente Menem que acada o 86%.

O terceiro posto nesta negra escala de desprestixio, ocúpao o Presidente De la Rúa cun 65%, quen nos últimos dous anos ten perdido cinco votos en cada minuto dos que leva morado na Casa Rosada.

Por tanto non é de estrañar que un manobreiro impredecible, como Cavallo busque un inimigo exterior como Brasil, que aglutine o patriotismo local, xusto no momento en que está a facer público un novo recorte orzamentario e o país posúe o nivel no índice de risco máis alto da súa historia, que xa supera os 2000 puntos, e coa economía ao borde da quebra técnica.

Á Alianza que resultou tocada nas eleccións do 14 de outubro cando a oposición pasou a controlar as dúas cámaras do congreso, chóvenlle as malas noticias cada día: ocupa o último lugar na confianza da súa economía do índice da Standard&Poors, non atopa acordo cos poderosos gobernos provinciais para consensuar a meta do "déficit cero", o 71% dos arxentinos enquisados por la prestixiosa Gallup Arxentina, consideran que a súa situación económica e social empeorou no último ano e só o 17% ten esperanza de que mude para mellor no próximo ano, dende 1999 teñen desaparecido 3000 empresas e delas 1000 no último ano, o sector dos electrodomésticos reduciu a súa actividade nun 50%, a lista de pobres xa supera os 14 millóns …

Por tanto puidera comprenderse o histerismo do mutante político Domingo Cavallo. Pero este home que serviu a gobernos de todas as cores, intenta xogar unha última baza demagóxica, coñecedor da rivalidade histórica e os roxelos alimentados dende a dictadura entre os xigantes do cono sur.

Paseando pola rúas de Buenos Aires é moi frecuente escoitar duras palabras que lindan coa xenofobia, en xentes de calquera extracción social, que culpan da caótica situación Arxentina, ás facilidades para importar productos máis baratos do Brasil ou á chegada de man de obra ilegal e moi barata dende Perú, Ecuador e Bolivia.

Curiosamente, Arxentina só mantén superávit no saldo comercial cun único país: O Brasil. Este considera a súa relación económica con Arxentina como prioritaria para a supervivencia do Mercosur, a pesares de que observa como seguen a medar as exportacións Arxentina a Brasil, un 5,6% máis no último trimestre en relación ao ano pasado e, a pesares, de que moitos empresarios brasileiros manifestan estar fartos de socorrer aos veciños do sur co risco de seren arrastrados ao pozo da crise.

Nun área tan aberta como a que integran conxuntamente con Paraguai, Uruguai e os asociados Bolivia e Chile prodúcense certos desaxustes no comercio interno debido a falta dunha política monetaria común. Mentres Arxentina mantense atada ao dólar, Brasil deixou caer a súa moeda que se depreciou ata perto dun 40%, durante o 2001.

A crise non é nova pero xa estaba en vías de ser reconducida, a pesares de que moitos empresarios arxentinos coidan que a fluctuación do real lles prexudica,. O 9 de outubro os ministros de economía de ambos países, un deles o propio Cavallo, sentaron na mesa negociadora, un día despois dunha declaración política conxunta dos presidentes De la Rúa e Cardoso na que se comprometeron a reforzar o Mercosur. Mesmo tiñan esbozado un sistema de salvagardas para preservar o comercio bilateral das fluctuacións monetarias e lanzaran a idea da necesidade de avanzar axiña cara a unha moeda común.

As discrepancias técnico-económicas subiron un chanzo para situarse no plano político. O Goberno Brasileiro manifesta estar diante da peor crise do Mercosur, cando hai menos dun mes tiñan bosquexado un sistema de salvagardas que permitise amortecer o impacto dunha hipótetica volatilidade cambiaria. Aínda non existía acordo definitivo , xa que Brasil non parecía disposta a aceptar un sistema de compensación automática para os sectores afectados no caso duna nova deprezación do real superior ao 7%, pero demostaba unha boa disposición para impedir que a súa moeda seguise caendo. Ambos países tiñan encargado aos respectivos técnicos a redacción de propostas de resolución para esta crise nun prazo máximo de 15 días.

Agora Domingo Cavallo botou todo por terra, xusto no momento máis crítico de ambas economías dende o nacemento do Mercosur. ¡Cousas de Mingos!