OGALUS

Editorial Tempo Exterior nº47: A percepción de Galicia en Portugal e os países lusófonos

No mundo globalizado que nos toca vivir, non chega con ser dun territorio, dun país, identificarse co mesmo e sentilo como propio. O territorio, o país, é unha realidade en si, pero ao mesmo tempo é o que outros ollan e perciben del. Polo tanto, Galiza é algo máis que unha nación, unha sociedade e unha lingua, tamén é o resultado da imaxe que proxecta no exterior. Nesta imaxe procuramos centrarnos nunha comunidade cultural e idiomática moi parella á nosa, irmá, como é a conformada polas nacións de lingua oficial portuguesa.
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Palabras chave Lusofonía Portugal

De feito, en Galiza contamos cunha indubidable vantaxe ao situarnos entre dous sistemas lingüístico-comunicativos importantes na escala mundial, o español e o portugués. Sen entrar en debates filolóxicos de se o galego é unha variante do portugués ou un idioma independente, o que resulta evidente é que os nenos e nenas do país desde ben pequenos coñecen dous sistemas de expresión non moi alonxados que cultivan case 1.000 millóns de persoas. Non só iso, poden comprender ao mesmo tempo a forma e organización do espazo digamos hispana, co Estado Español e unha maioría de Estados-nación da América Latina, sen esquecer unha forte presenza en Estados Unidos, e a característica da lusofonía con Portugal, Brasil, os PALOPs e algúns territorios asiáticos. Quizás a primeira preséntasenos como máis próxima, polo efecto dun sistema educativo españolízante. Para a segunda debemos ter máis sensibilidade, aprender por fora e aproveitar calquera ocasión como a presente que nos ofrece este número especial de Tempo Exterior para coñecela mellor e sentirnos do mesmo xeito integrantes da mesma.

Neste número 47 da revista decidimos centrarnos na visión que desde o mundo de fala portuguesa se ten de Galiza. Ademais, procuramos manter unha relativa diversidade territorial e temática nas olladas dos cinco artigos que conforman o número. Tres deles proveñen do Norte de Portugal, da contorna da cidade e da universidade do Porto. Unha institución fortemente vinculada ao noso país por Fundacións transnacionais como o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais), programas de mobilidade de investigadores como o IACOBUS e por centos de relacións bilaterais entre profesores, doutorandos e equipas conxuntas de traballo. Desde este extremo Sur da vella Gallaecia romana, o catedrático de Xeografía Jose A, Rio Fernandes escrebe sobre o Norte do Norte, Galiza concibida como o remate da fachada atlántica peninsular que Portugal non puido incluír no seu territorio Ibérico occidental. Un Norte do Norte que constitúe a prolongación xeográfica, e cada vez máis, económica da rexión metropolitana do Porto e do Minho, que tamén procuran autonomizarse un tanto do forte centralismo exercido por Lisboa.

Nun plano máis espacial, Helena Madureira, Ana Monteiro e María Pacheco, compañeiras de José A. Rio Fernandes na Xeografía do Porto, preocúpanse polos efectos do cambio climático nas cidades principais do eixo galego-portugués. Unha mudanza nas temperaturas que se acompaña dunha evidente moderación do frío invernal e, sobre todo, dos episodios extremos de calor nas cidades compactas, que son o obxectivo do seu estudo. Neste artigo, de novo a vella Gallaecia mostra a súa continuidade espacial ao Norte do Douro e até a Estaca de Bares; outra vez, nas lóxicas xeográficas as continuidades entre as terras situadas ao Norte e ao Sur do Miño son moito máis importantes que as rupturas. Pola súa banda, unha investigadora puramente transfronteiriza, sempre situada entre o Porto, Braga e Santiago de Compostela, a Inés Gusman Barbosa, ocúpase de reinterpretar o seu país orixinario, Portugal, a partir das relacións cambiantes con Galiza. No texto, comézase afirmando que o noso país sempre resultou incómodo para a cosmovisión oficial portuguesa, xa que a interrupción da continuidade da República en todo o litoral occidental ibérico e a existencia dunha lingua irmá tiñan algunhas dificultades en ser explicadas. Coa entrada dos Estados-nación ibéricos nas institucións europeas, as percepcións e a redución de Galiza a unha parte simple de España, foron mudando. Desenvolveuse unha forte cooperación transfronteiriza no plano cultural, económico e político. A existencia dunha autonomía rexional forte ao Norte do Miño tamén se analiza e a súa influencia no Norte portugués, de cara a inspirar proxectos inacabados de rexionalización de Portugal. Sen dúbida, esta consideración autónoma deixase sentir e outorga unha nova dimensión ao noso país nas iconografías territoriais do veciño do Sur.

Un país de fala portuguesa con importancia na escala mundial é Brasil. Sobre as tradicionais relacións Galiza-Brasil, construídas a partir do nexo migratorio, escrebe Eulalia Negrelos, profesora de urbanismo da Universidade de Sâo Paulo. A pesar da súa indubidable memoria de identidade galega, a autora adopta a perspectiva do seu país, Brasil. Olla a tradición migratoria de Galiza desde o século XIX, que logo personaliza nunhas páxinas de enorme atractivo coa súa familia. A partir da ollada dos pais interpreta o territorio galego, un territorio que logo pasa a analizar como experta en urbanismo nunha universidade. O xogo da interpretación xeográfica dobre permanece nun texto, que implica reflexión académica e vivencia ao mesmo tempo. Por último, Luzia Oca et al. sitúannos nas relacións de Cabo Verde con Galiza tamén a través da emigración. Fano a través dun traballo etnográfico de base audiovisual admirable, no que as mulleres contan a súa experiencia entre os dous países, dous continentes e no fondo entre dous mundos. Para Cabo Verde o territorio galego está preto grazas á colonia de orixinarios da illa que vive en Burela, pero aínda así a existencia de dúas realidades contrastadas e complementarias mantén a súa vixencia. Isto é o que se mostra no traballo a través dun método de investigación académica admirable.

Para concluír unha última reflexión. Galiza é próxima ao mundo de fala portuguesa. É distinta segundo o lugar e o país desde onde se olle. Desta diversidade de lecturas, construímos este número especial que, agardamos, sexa do seu interese.

Podes descarregar o Tempo Exterior 47 nesta desde aquí.