ucraina

EE.UU.-Ucraína: Inventándose culpables da guerra sen facer nada para acabar con ela

Toda a semana pasada, os medios de comunicación de todo o mundo debateron activamente sobre a crise que tivo lugar no Despacho Oval da Casa Branca entre o presidente Zelenskyi, como representante de Ucraína que se defende da agresión rusa, e o presidente Trump, quen encabeza o país que o líder ucraíno considera o principal e único piar decisivo para a defensa da soberanía do seu país. Tratábase dunha visita de traballo para asinar o chamado acordo sobre minerais de terras raras, pero non se chegou a iso por un altercado indecoroso que se produciu xa durante a reunión protocolaria, na xuntanza coa prensa.
Apartados xeográficos Europa

Nos medios de comunicación apareceron diferentes valoracións sobre quen tivo a culpa de truncar a firma do acordo, pero o certo é que a parte estadounidense provocou o altercado ao romper absurdamente o protocolo cunha observación inapropiada, segundo a cal a parte ucraína estaba a faltar ao respecto aos anfitrións ao non levar un traxe formal e gravata. É difícil dicir se a parte estadounidense de antemán tiña a intención de entorpecer a firma do acordo, pero en calquera caso existía o desexo de humillar a V. Zelenskyi, por quen D. Trump sente abertamente unha seria aversión. A verdade é que foi a primeira vez que os representantes ucraínos vestiron con traxes formais, excepto V. Zelenskyi, que tamén renunciou á súa vestimenta pseudomilitar, pero vestiu roupa negra sen chaqueta nin gravata, xa que prometera non levalas ata o final da guerra. O que si representou unha ruptura do protocolo foi a interposición do vicepresidente J.D. Vance, na que, polo demais, fixo unha hipócrita reprimenda sobre as gravatas despois de que, na mesma sala, diante das cámaras, I. Musk xunto co seu fillo pequeno mostrase un total desprezo polo código de vestimenta, o protocolo e o propio presidente.

Todo o que se dixo durante o altercado, incluídos os ineptos intentos de V. Zelenskyi de xustificar que se estaba defendendo dunha agresión (por certo, a ausencia de intérpretes é tamén unha grave violación do protocolo), causa unha profunda molestia, porque a actuación pouco profesional dos políticos, subordinada ás súas ambicións persoais, distrae ao máximo a atención dunha ameaza verdadeiramente fatal para o destino do mundo.

En primeiro lugar, esta reunión nunca debería celebrarse, porque este estraño acordo sobre minerais raros non tiña nada que ver co fin da guerra e a instauración da paz. Consideralo como unha compensación pola axuda e como unha contribución á reconstrución é inapropiado e deshonesto porque, polo menos antes dun rescate, non se pode esixir o pago á vítima, sen obviar o feito de que se está inflando o prezo (Trump falou duns míticos 500.000 millóns e asegurou ao seu público que, co acordo, faríanse aínda máis ricos, isto sen referirse dalgunha maneira a paz nin as garantías de seguridade) e non compartilo con outros doantes, que axudaron máis. Convén lembrar que EEUU tiña un acordo similar sobre minerais con Afganistán e non o salvou.

O intento de concluír este acordo non só inútil, senón prexudicial, é inescusable no caso de Zelenskyi. Xa fixera demasiados erros nocivos dende a sua mesma elección, que seguiron acumulándose incluso despois de que fracasase tráxicamente a política de reducir o propio potencial de defensa, coma se puidésese deter a guerra, que xa comezara «en forma híbrida», cunha demostración de falta de vontade para loitar e a negación das aspiracións sanguinarias do agresor.

Tras a invasión aberta tampouco se produciu ningún cambio radical na formulación da defensa, deuse unha importancia decisiva á axuda do «tío americano», que non se atrevía a proporcionar armas letais, permitir o seu uso en territorio ruso, etc. No mesmo sentido, Zelenskyi lanzouse a apoiar a enigmática fórmula de Trump «Paz a través da forza», sen exporse a pregunta «Paz para quen?», «A forza de quen?».

Mesmo antes de que D. Trump asumise o cargo, era obvio que Ucraína non lle importaba, só sabía respectar a forza; o que lle interesaba era obter beneficios. Nesta guerra, o poder veo en Putin e axudar a Ucraína considérao unha perda neta, sen ningún beneficio. O acordo sobre minerais cun hipotético beneficio era dificilmente viable. Pero atribuíndo a Zelenskyi a culpa do fracaso do acordo, a Trump, fíxoselle máis fácil deter a axuda militar e de intelixencia proporcionada baixo as decisións do «estúpido presidente» (palabras de Trump), D. Biden.

Os militares ucraínos en primeira liña considéranse agora traizoados, pero en realidade D. Trump non prometeu apoiar a Ucraína. Durante a súa actual presidencia só falou de forma crítica e hostil sobre Ucraína, afirmando que Zelenskyi é o culpable da guerra, e prefire non falar con el, senón con Putin, quen, segundo o presidente estadounidense, desexa sinceramente a paz.

O peor é que para o «rei dos tratos», D. Trump, non hai vergoña en conseguir a paz dando ao agresor o que quere, persuadíndolle que lle convén quedar co que xa conseguiu e deixar de disparar. Non hai condena nas súas palabras ao que fixo o agresor, nin a como o fixo. El ten o poder, por tanto ten razón. E ás palabras de Zelenskyi de que foi agredido, de que ten que defenderse, Trump di «non tes as cartas» (Vance dixo «non tes recursos»). É dicir, que o xogo non é para el. Noutras palabras, Trump pretende falar só con alguén a quen recoñeza como forte.

É ben posible que prometendo facer a paz en 24 horas pretendese convencer a Putin de que era máis conveniente deixar de matar e destruír, que todo se podía conseguir sen guerra. Reclamar Grenlandia e Canadá, que son aliados da OTAN e dependen de EE UU como garante de seguridade, parécese exactamente a isto: pódese presionar e ameazar pacientemente sen molestarse con rebuscadas xustificacións de «dereito histórico», como fixo Putin con Crimea e «Novorossia», e sen incorrer nos demenciais custos dunha acción militar.

A simpatía de Trump por Putin como home forte é incuestionable e bríndalle a súa comprensión. Para entrever unha tácita confabulación entre eles nin sequera é necesario investigar os feitos relacionados coa penetración de D. Trump en 1988 na URSS, xusto cando comezou a redistribución da riqueza nacional en conivencia cos líderes corruptos do partido, a KGB e as estruturas criminais. Polo demais, calquera acordo da época incluía en gran medida un compoñente penal.

Tras décadas de vas esperanzas de que a Federación Rusa, considerada falsamente como unha continuación do Imperio Ruso -a URSS-, abandonase o expansionismo inherente á súa natureza, non queda ningunha posibilidade de deter a guerra sen unha derrota militar do agresor ruso. Confiar en que o agresor non se atreverá a atacar é van, mentres a súa natureza non cambie. Sen a forza militar, poderíase tentar detelo no principio mesmo, illándoo por completo política e economicamente. Pero iso non se fixo en 2008, nin en 2014, nin en 2014. Trump non o fará por ninguén: nin pola OTAN, nin pola UE, nin por Ucraína. Poñerase ao lado do forte se con isto pode facer alarde da súa propia forza.

Tras o fracaso do acordo sobre os minerais, Zelenskyi reuniuse en Europa cos líderes dos países que realmente apoian a Ucraína. O cume resultou ser un cume tradicional da coalición informal, que se formou co obxecto de repeler a agresión, só que sen incluír agora aos EE.UU. A OTAN sen Estados Unidos e a UE co Reino Unido. Tomouse a decisión de aumentar os fondos destinados a defensa.

A situación lembra á reconfiguración das alianzas en vésperas de grandes guerras. Tamén entón a maioría esperaba que as reivindicacións e agresións localizadas non lles afectasen. Igual que agora, que a guerra de Putin quérese ver só como unha operación militar especial contra alguén en Ucraína. Con todo, está a intensificarse a medida que D. Trump esfórzase por facer realidade o suposto desexo de paz visto en Putin. Igual como V. Zelenskyi, que unha vez viu a paz nos ollos de Putin. Só que agora a escala da espellismo é máis grande.