A influencia do modelo europeo é indiscutible e opera con éxito en dous escenarios principais. Por unha banda, en rexións cunha forte tradición constitucional e de dereitos fundamentais, como América Latina. Brasil converteuse no exemplo paradigmático deste efecto, non só importando a clasificación baseada no risco do RIA, senón intensificándoa cun enfoque aínda máis garante e preventivo. Por outra banda, o efecto Bruxelas actúa como unha forza gravitatoria de facto sobre países veciños fóra da UE. O Reino Unido, a pesar de promover formalmente un “enfoque pro-innovación” flexíbel e diverxente para atraer investimento, vese abocado a un aliñamento normativo práctico, xa que a interoperabilidade global e o desexo das súas empresas de operar no mercado europeo obríganas a cumprir cos estándares do RIA. Así mesmo, en Asia, o peso da necesidade de limitar riscos sistémicos levou a países como a India a abandonar o seu laissez-faire histórico para inspirarse na clasificación de riscos europea.
Non obstante, os límites do efecto Bruxelas fanse evidentes nas potencias hexemónicas e nos modelos alternativos asiáticos. Nos Estados Unidos, a concepción da IA como unha arma de competición global fronte a China derivou nunha resistencia explícita á harmonización baseada en dereitos; a administración Trump apostou por unha deregulamentación competitiva e a eliminación de barreiras que preveñan a discriminación, rexeitando calquera influencia do modelo garante europeo. No continente asiático, China construíu un modelo propio, híbrido e de control centralizado enfocado na seguridade nacional, independente dos estándares occidentais. Outros actores relevantes, como Xapón e Singapur, afástanse da rixidez prohibitiva de Europa e apostan por unha “gobernanza áxil” mediante soft law e colaboración coa industria.
A nivel interno, a propia solidez do estándar europeo enfróntase a desafíos. Aínda que o RIA estableceu un chan normativo uniforme que Estados membros como Italia ou España (especialmente coa pioneira lexislación de Galicia para o sector público) xa están a desenvolver, as presións industriais para simplificar a norma e evitar os estritos controis dos anexos de alto risco ameazan con desvirtuar a ambición orixinal do regulamento.
En definitiva, aínda que a Unión Europea non logrou unha hexemonía regulamentaria absoluta, si conseguiu fixar os termos do debate global. O efecto Bruxelas funciona como catalizador para aqueles países que buscan equilibrar tecnoloxía e dereitos civís –e, sobre todo, participar no mercado tecnolóxico europeo– pero topa cun muro inexpugnable alí onde a IA é concibida, antes que nada, como un instrumento de dominio xeopolítico e supremacía de mercado nacional.

