Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC

Eleccións francesas: “Make La France Great Again”

O próximo 23 de abril, Francia celebrará unhas eleccións presidenciais, con segunda volta prevista para o 7 de maio, que se presentan cruciais no panorama político europeo. As enquisas sitúan a candidata da extrema dereita e euroescéptica Marine Le Pen, con serias opcións de vitoria na primeira volta, o que resulta un claro reflexo da crise institucional e da hecatombe do “establishment” político tradicional. Pese a que as mesmas enquisas sinalan unha derrota máis ou menos clara ante o “centrista” Emmanuel Macron, o escenario non resulta nada claro ante o contexto actual e dende logo dista moito da experiencia vivida no 2002, cando Jacques Chirac arrollou na segunda volta ao noutrora líder da Fronte Nacional (82% fronte ao 18%) e pai da actual candidata, Jean Marie Le Pen.

O próximo 23 de abril, Francia celebrará unhas eleccións presidenciais, con segunda volta prevista para o 7 de maio, que se presentan cruciais no panorama político europeo. As enquisas sitúan a candidata da extrema dereita e euroescéptica Marine Le Pen, con serias opcións de vitoria na primeira volta, o que resulta un claro reflexo da crise institucional e da hecatombe do “establishment” político tradicional. Pese a que as mesmas enquisas sinalan unha derrota máis ou menos clara ante o “centrista” Emmanuel Macron, o escenario non resulta nada claro ante o contexto actual e dende logo dista moito da experiencia vivida no 2002, cando Jacques Chirac arrollou na segunda volta ao noutrora líder da Fronte Nacional (82% fronte ao 18%) e pai da actual candidata, Jean Marie Le Pen.

A consolidación de Marine Le Pen e do seu partido como referentes políticos de primeiro nivel explícase pola capacidade de aglutinar e redirixir o descontento popular ante os procesos que se veñen desenvolvendo dende fai décadas en Francia. Semellou unha estratexia de éxito, a vista da forza electoral obtida, pois logrou captar ata colectivos tradicionalmente illados da ultradereita, como por exemplo traballadores historicamente vinculados aos movementos comunistas.

Conseguiuno a través dunha retórica nacionalista excluínte, de enarborar os principios patrios e, como elemento clásico na construción deste tipo de discursos, da identificación dos males socioeconómicos do país cos “inimigos externos” (identificados coa Unión Europea e a inmigración), reformulando e rebaixando timidamente as bases tradicionais máis radicais do partido (antisemitismo, homofobia etc.).

Esta táctica, nun contexto de crecente preocupación no ámbito da seguridade, facilitaba a polarización social e terminaba por fragmentar e desgastar o restante espectro político(1). Cun papel preponderante da crise migratoria de 2015 e dos recentes atentados de corte xihadista en territorio francés, axitando os pantasmas da “islamización” e da perda da identidade “nacional” aproveitouse, cun discurso xenófobo simplificador, dun nicho electoral en auxe desencantado e que se considera excluído por parte das institucións.

Sen embargo as raíces da crise social francesa afondan en espazos ben diferentes e o salto á palestra do debate político sobre a “problemática migratoria” parece responder a unha instrumentalización claramente partidista, o cal non deixa de resultar unha ferramenta habitual (Austria, Holanda, Brexit, EUA etc.), de fácil recurso e nada novedosa.

O inimigo externo coma reflexo de crise interna

A asunción e progresiva aceptación deste tipo de discursos, a busca dun inimigo alleo, soe mostrar unha inequívoca correlación con fenómenos de índole socioeconómica negativos no seo da comunidade onde se sitúan. Non resulta casual visualizalos en diversos períodos e escenarios asoballados por profundas crises, como é o caso da Alemaña de Weimar no período de “entre guerras” entre 1919 e 1939.

Isto non quere dicir que non poidan existir pretextos mais ou menos reais sobre unha determinada problemática. Por exemplo, no tema migratorio francés si existe certo grao de fricción e tensións, onde os erros inherentes ao modelo asimilacionista derivaron na “creación de guetos nas aforas das grandes cidades [...] a altos índices de paro e marxinalidade nestas comunidades de inmigrantes(2). Estas zonas deprimidas, comunmente denominadas “banlieues”, soen rexistrar uns índices de criminalidade por enriba da media, mais sería simplista e irreal asocialo cuns orixes étnicos determinados (atopamos numerosos exemplos de escenarios similares ao redor de todo o mundo, con comunidades étnicas totalmente dispares).

Sen embargo, proxéctase unha imaxe magnificada e deformada da realidade e das súas causas, sinalándoas coma epicentro da crise vixente co fin de aglutinar ao espectro social desencantado, nunha sorte de “casus foederis”. De igual xeito, posiciónase habilmente á clase política tradicional (tanto interna como da UE) coma cómplice desta deriva, mentres xorde a figura do “outsider” erixido como garante da vontade social e sen ataduras nin impedimentos para contrarrestar as políticas desenvolvidas polo “establishment”.

En Francia, a crecente relevancia deste fenómeno parece denotar ampla vinculación cos procesos derivados da progresiva globalización e coa crise económica, pois tiveron un especial impacto negativo en estratos sociais ata o momento relativamente asentados e acomodados (redución de salarios, prexubilacións, Expedientes de Regulación de Emprego, etc.). Coma exemplo, os procesos de desindustrialización da década de 1990 (en favor de destinos asiáticos ou de Europa do Leste), que supuxeron un duro golpe para a clase media das cidades cimentadas ao redor dos enclaves industriais, tanto de forma directa coma indirecta, non sendo capaces de adaptarse ao novo paradigma e perdendo progresivamente unha capacidade adquisitiva e un estatus conservado durante décadas.

Finalmente, na actual conxuntura, coa crise de refuxiados sirios e os recentes atentados de corte xihadista de París e Niza, termina por configurarse unha resposta reaccionaria que tende a identificar como ameaza ao colectivo inmigrante (estigmatizando especialmente ao musulmán) e sinalara Unión Europea e ao espectro político tradicional francés coma causante e cómplice da actual situación crise socioeconómica, de identidade cultural e de seguridade do país. Os inimigos quedan claramente definidos e os “salvadores” presentados.

Segunda volta, fin do proceso?

O próximos comicios medirán a fortaleza do discurso da ultradereita e, se Marine Le Pen e a Fronte Nacional pasan a segunda volta, como todo parece indicar, comprobaremos a vixencia daquela premisa que dicía que na segunda volta “os franceses votan tapándose o nariz” (evitando o mal maior).

Independentemente do que suceda o 7 de maio, de se as eleccións francesas continúan a senda que abriron o Brexit e o triunfo de Donald Trump ou pola contra conforman un balón de osíxeno como os comicios holandeses ou austríacos, as repercusións do proceso electoral poden modificar o paradigma sociopolítico francés e europeo.

De igual xeito, a posta en marcha de certos procesos pode non ter unha volta atrás sinxela, a polarización social e o calado da retórica excluínte pódense sentir con claridade nos escenarios resultantes. No Reino Unido, tralo Brexit, os reportes sobre delitos de odio contra a poboación inmigrante e as minorías sufriu un preocupante aumento(3); nos Estados Unidos, os enfrontamentos violentos entre simpatizantes e detractores do actual goberno tornáronse habituais; en Austria, os delitos relacionados coa xenofobia, odio e antisemitismo continúan en aumento(4).

Quedará pendente dilucidar se este fenómeno resulta de carácter efémero ou se, pola contra, representa o arraigo dunha preocupante tendencia. O tempo dirá. 

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

(1) Distanciamento entre candidatos da esquerda afondando a división en Hâmmon e Mélenchon sobre a continuidade na Unión Europea, François Fillon aproximándose as teses anti-inmigración de Le Pen e distanciándose da postura conxunta do restante espectro político, etc. 

(2) RETORTILLO OSUNA, A. ; OVEJERO BERNAL, A. ; CRUZ SOUSA, F. ; LUCAS MANGAS, S. ; ARIAS MARTINEZ, B. “Inmigración y Modelos de Integración: entre la asimilación y el multiculturalismo”, Revista Universitaria de Ciencias del Trabajo, Universidad de Valladolid nº 7, 2006, pp. 131

(3) http://www.elmundo.es/internacional/2017/02/15/58a446f2e5fdea0a458b4579.html

(4) http://www.lavanguardia.com/internacional/20160502/401513049651/delitos-ultraderechistas-austria-dispararon-2015-extrema-derecha.html