O Centro Galego de Buenos Aires creouse o 2 de maio de 1907

Emigración ou diáspora?

Asistencialismo, retorno… son conceptos de vello asociados na política galega á hora de abordar a presenza da nosa xente no exterior. Sen embargo, non son esas as únicas posibilidades e menos aínda nos tempos actuais.

Realmente, a problemática da emigración xurdiu en demérito do país, como un drama existencial que privou a Galicia de activos capaces de alentar un desenvolvemento que se resistía non tanto por causas endóxenas como pola función que nos foi atribuída no estado do que formamos parte: éxodo de man de obra e drenaxe de divisas, abandono secular, función colonial…. Pero hoxe, a presenza dunha diáspora esparexida por todo o mundo constitúe un valor de referencia –capital relacional- que pode axudar de forma moi activa a internacionalizar o país e a xerar sinerxías de múltiple proveito. Sempre e cando, claro está, sexamos conscientes dese valor e ideemos estratexias de optimización que tanto fuxan da idealización como do anquilosamento. É por iso tamén que, por principio, o tratamento político-administrativo deste asunto hoxe debera depender máis das políticas de acción exterior que das asistenciais. Xustamente ao inverso do que temos.

Nin todos os que están fóra queren volver. É así. Moitos están cómodos onde están. E non pasa nada. Tampouco son menos galegos por iso. Debemos desenvolver políticas públicas de apoio e con (non de) retorno. Hoxe non é o drama de décadas pasadas e os vínculos, que cómpre cultivar, poden manterse de forma máis natural e sen os dramatismos doutra época. Unha diáspora convencida da idoneidade de ter un pe dentro e outro fóra, de contribuír na sociedade de acollida en virtude da orixe galega e de contribuír tamén a Galicia a partir da súa inserción no país de referencia, representa unha dinámica enriquecedora e positiva que cumpriría alentar no plano individual e social.

Pola contra, apelar á emigración para demostrar a hipotética excelencia das nosas políticas (antes terra de despedida e hoxe de acollida…) resulta controvertido á vista das escasas oportunidades de excelencia que podemos ofrecer, especialmente en certos campos.

Instalados naquela cousa da sangría, as políticas en Galicia, do goberno ou da oposición, seguen pensadas para a emigración pero obvian dramaticamente a idea da diáspora, que merece ser reivindicada e liderada. Somos unha Galicia no mundo coa vantaxe de levar internacionalizados de facto moito tempo.

Acordarnos excepcionalmente da diáspora, como acontece nestes días, en vésperas electorais é bastante patético por reiterado, sexa quen for quen protagonice os periplos viaxeiros. Non procedería que a diáspora americana e europea puideran contar con representación directa no Parlamento galego? Quen mellor ca eles mesmos para incentivar o debate e propor medidas? Non é posible reformar a lexislación electoral para que os nosos emigrantes non só voten en condicións de normalidade –como fan tantos inmigrantes de países latinoamericanos instalados en España- como tamén elixan aos seus propios representantes a través da reserva dun quiñón de escanos? Hai máis censo electoral na diáspora que nalgunha das nosas provincias, pero ese debate semella non interesar…

En corenta anos transcorridos de autonomía, compre recoñecer que Aurelio Miras Portugal, conselleiro de emigración nun goberno de Fraga Iribarne, foi o máis atrevido e innovador neste asunto. Todo o demais, antes e agora, non pasa de pura cuestión de imaxe que dilapida un recurso que moitos outros países quixeran para si. Mais nos valería aprender das ricas experiencias mundiais neste eido.

Cambiar o chip, como se di habitualmente, pode custar pero todos sairiamos gañando de ser capaces de complementar as vellas rutinas con novos enfoques, mais acaídos aos tempos do século XXI. Esa debera ser a preocupación máxima de todos, tamén dunha academia que mira moito para atrás. Tamén hai que facelo, pero sen que iso impida un impulso para ser máis ambiciosos. Como país.