sofia 5

Entre potencias e alianzas: a UE na transformación da orde internacional (V) Cara un mundo multipolar: propostas para unha visión estratéxica europea

Esta serie de artigos constitúe unha traducción e aproximación ao estudo The European Union as a Moderating Factor in the Strategic Competition between the United States and China, publicado por Sofía Gómez González no repositorio da Universidade Pontificia Comillas. Nel, a autora analiza como, nun momento no que a competencia entre os Estados Unidos e China acada niveis de enorme tensión, e tras a recente chegada de Donald Trump á presidencia estadounidense, a Unión Europea pode desempeñar un papel moderador dentro dunha orde internacional en transformación. O traballo céntrase nos factores estratéxicos —económicos, tecnolóxicos e de defensa— que condicionan este escenario, subliñando a relevancia que ten para Europa. A cuestión resulta especialmente significativa, xa que da súa resolución dependerán tanto a supervivencia do chamado modo de vida europeo como a posición da UE no sistema internacional.
Liñas de investigación União Europeia
Apartados xeográficos Europa

A Unión Europea enfróntase hoxe a un escenario internacional de transición e crecente inestabilidade, no que a súa capacidade de acción dependerá, en primeiro lugar, da cohesión interna. Sen unha vontade colectiva firme, os Estados membros corren o risco de caer en dinámicas individualistas que minan o seu poder real. A cooperación constitúe a principal vantaxe competitiva da UE; porén, a dependencia de terceiros actores ou a falta de asunción da guerra en Ucraína como unha cuestión propia reducen o seu peso estratéxico. A fragmentación interna tradúcese nunha perda de forza negociadora fronte ás grandes potencias. Así, só a través dunha unidade efectiva e da proxección dunha autonomía estratéxica en defensa, economía e política poderá a Unión reforzar a súa posición no sistema internacional.

En paralelo, resulta ineludíbel asumir que a autonomía ten custos: mellorar a produtividade, reforzar as capacidades de seguridade e defensa, e investir en ámbitos chave como a investigación, a defensa ou a dixitalización. Isto implicará, nalgúns casos, relegar prioridades nacionais e afrontar reformas institucionais complexas, como o recurso á maioría cualificada para superar bloqueos en política exterior. Sen vontade política dos Estados membros, este camiño será difícil, mais o custo da inacción sería aínda maior.

No plano externo, malia o deterioro das relacións transatlánticas —acentuado pola etapa de Donald Trump—, a cooperación cos Estados Unidos segue a ser esencial, sobre todo ante ameazas inmediatas como Rusia. Trátase de manter a cooperación sen caer en subordinación, avanzando cara a unha reestruturación equilibrada e progresiva da relación. En canto a China, o xigante asiático preséntase como unha oportunidade e un risco á vez: ofrece beneficios tecnolóxicos e económicos, mais tamén implica tensións derivadas do seu afastamento dos valores europeos e do seu apoio a Rusia. A negociación, polo tanto, debe ser estratéxica, con posición común da UE, buscando transferencia tecnolóxica mais deixando claro que se trata dun rival sistémico.

Nun contexto de bipolaridade crecente entre Washington e Pequín, a Unión dispón tamén da oportunidade de liderar un proxecto multilateral baseado en normas, aliándose con potencias intermedias que comparten valores democráticos, como Canadá. Estas alianzas permiten avanzar nunha orde internacional máis equilibrada, reforzando a autonomía estratéxica mediante políticas concretas en innovación, seguridade e economía.

Por último, fronte ao avance do proteccionismo e ás tentacións de reverter a globalización, a UE debe asumir un papel central na reforma e defensa do comercio libre e da cooperación global. A súa función como estabilizador do sistema internacional pasa por propoñer unha globalización regulada e xusta, que mitigue desigualdades e sente as bases dun modelo multipolar e democrático. Só unha UE unida, autónoma e estratéxica poderá actuar como actor central da gobernanza global, capaz de tender pontes e defender unha orde internacional baseada en normas.

Podes descarregar o estudo “The European Union as a Moderating Factor in the Strategic Competition between the United States and China”, publicado por Sofía Gómez González no repositorio da Universidade Pontificia Comillas.