Esta entrevista fai parte do Informe anual da Acción Exterior de Galicia, Informe Nós No Mundo 2021-2022: 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
Antonio Martínez Puñal é Profesor emérito da USC

Entrevista a Antón Martínez Puñal, Profesor emérito de Dereito Internacional da USC e parte do Consello Reitor do IGADI

1- O mundo cambiou moito desde o 1997. Que acontecementos ou procesos, galegos ou internacionais destacaría?

Desde a creación da Secretaría Xeral de Acción Exterior no 1997, organigrama da Xunta de Galicia, a globalización (económica, cultural, política…) non parou de tomar protagonismo na vida das persoas e as institucións, evidenciando as interdependencias e o impacto no noso modo de vida.

Se tiveramos que sacar fotografías disto que dicimos coma proceso, poderiamos sinalar a entrada do euro no 2000, a caída das Torres Xemelgas, 2001, e o xihadismo global, a crise económica do 2009, o desborde da crise climática e enerxética, e nos últimos tempos a pandemia e o confinamento global, ou a propia Guerra da Ucraína.

2- 40 anos do Estatuto, 25 da creación da SX de Acción Exterior, cal é o balance?

O balance das política públicas da acción exterior é de luces e sombras. Nas luces o sermos unha Comunidade autónoma e nacionalidade histórica, con tradición e cun consenso formal da súa importancia e transcendencia, aínda que irregular e en retroceso nos últimos anos. Na sombra, a hiperinflación do simbolismo da mesma.

Se mentres que vemos que en cada discurso de Alcalde, Conselleiro ou Presidente, podemos observar referencias as potencialidades da diáspora, da lusofonía, do mundo celta e a cultura… na práctica, nunca pasamos de actividades puntuais e descoordinadas que non acaban de xerar a masa crítica que de un salto de calidade, con capacidade de incidencia real.

O balance, ten ademais, na degradación da Secretaría Xeral en Dirección Xeral desde o 2009, un compoñente que empobrece a nosa competitividade internacional, sendo en principio un consenso, que o noso perfil internacional é un factor multiplicador de desenvolvemento.

3- E desde o balance, canta marxe queda, dentro do Estatuto, para desenvolver máis a acción exterior de Galicia?

A verdade é que a marxe é toda, aínda que sen dúbida sería positiva unha reforma do Estatuto que atendera a esta cuestión cun protagonismo central. A Lei de Acción Exterior española do 2015 e a Lei de Acción Exterior de Galicia 2021 clarifican o marco xurídico dunha maneira que, aínda podendo observar intromisións innecesarias por parte do Estado, non impide por si mesma nada, sempre que se faga desde a legalidade e con lealdade institucional. Como está todo por facer, a marxe é toda.

4- Que prioridades e desafíos inmediatos ten a política pública de acción exterior en Galicia?

No inmediato o importante é que a próxima Estratexia Galega de Acción Exterior, non sexa unha só unha reflexión estratéxica, se non un plan. Non se precisa un plan inalcanzábel, precísase un plan realista, economicamente dotado, que preste atención a coordinar e dar coherencia, así como visibilidade pública e internacional, ao conxunto de centos de accións de proxección exterior que Galicia xa está a desenvolver, desde a Xunta, desde as institucións, desde as Universidades, desde a sociedade civil… Un plan que poida ser avaliado, que marque indicadores flexíbeis, que comprometa o seguimento, a coordinación, a aprendizaxe e a mellora.

No curto prazo, especialmente reclamar para Galicia un papel protagonista na entrada de España como observador asociado na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa, da que nada sabemos desde o verán do ano pasado, na que a mesma foi oficializada.

5- Que prioridades e desafíos de medio e longo alcance ten a política pública de acción exterior en Galicia?

No medio e longo prazo recuperar unha estrutura na Xunta, que, dependendo da Presidencia, e que gañe músculo económico, técnico e prospectivo. Hai que sustentar unha moi disputada prosperidade do futuro. A nova Xunta non debera resignarse a ver a acción exterior coma unha carga secundaria ou innecesaria, se non coma un elemento tractor da internacionalización de Galicia, máis alá do fomento do turismo e as subvencións ás empresas do Instituto Galego de Promoción Económica. Hai que cohesionar toda a internacionalización que se promove, iso é a acción exterior.

Canles de relacións de calidade, coa Unión Europea, a diáspora americana, a lusofonía e Portugal ou o atlántico celta, precisan de esforzos sistemáticos de medio e de longo prazo. Espazos como os USA ou a China, continentes en si mesmos, deberan ter algo máis de atención tamén, máis aló de ocorrencias puntuais.

6- Europa, Eurorexión, Lusofonía, Diáspora, Internacionalización empresarial e académica… Mais no desenvolvemento da Lei de Acción Exterior, que papel pode xogar o Xacobeo?

O Xacobeo é un éxito, mais como monocultivo da imaxe internacional de Galicia peca un pouco de reducionismo. O éxito hai que coidalo e no 2022 pensamos que o Xacobeo pode ser unha marca, unha imaxe, que, con valores xa internacionais, vaia alén de presentar a Galicia coma un escenario de turismo. Ademais, resulta claro que a acción internacional do Xacobeo non pode ir por libre da Lei. O Xacobeo ten que aproveitar o seu potencial para multiplicar os impactos e capacidades da nosa acción exterior, debendo ser un elemento tractor e simbólico das distintas dimensións da nosa imaxe internacional.