Falar de unificación coa China continental en Taiwán é un asunto que conleva certo perigo. Ao pouco de comezar a nosa entrevista, un seismo de 6,2 na escala Richter abanea o moderno edificio de oficinas sito na Pei-Ping East Road de Taipei. No seu decimocuarto piso conversamos con Jiann-fa Yan, director do Departamento de Asuntos Chineses do Partido Democrático Progresista, formación gobernante no país dende hai dous anos, cando a inesperada victoria de Chen Shui-bian puso fin a varias décadas de goberno ininterrompido do vello Kuomintang, a formación derrotada polo Exército Vermello de Mao nos anos coarenta. Mentres, en Pingtung, o exército taiwanés proba con éxito un mísil Tien Kung-II, xustamente cando as presións chinesas amosan toda a súa efectividade contra os intentos de Taiwán de emerxer como un socio de pleno dereito da comunidade internacional.
Como valora a decisión de non incluír na axenda da reunión que a OMS celebra en Suiza a petición de Taiwán de integrarse na mesma como observador?
Antes da Asemblea xa sabiamos que esta demanda non iba a abrirse camiño fácilmente. Imos seguir loitando por acceder a esa condición de observadores na OMS. Coidamos que non é unha cuestión exclusiva de Taiwán. Debía ser unha cuestión de principio para todos os países preocupados pola saúde da humanidade. Nós somos parte dela. Se á nosa xente enferma gravemente, as repercusións poden afectar a todo o mundo. Podemos chegar a comprender que China continental faga todo o posible por impedir o noso regreso á ONU, pero non á OMS.
Empioraron as relacions de Taiwán coa China dende que Chen Shui-bian é presidente de Taiwán?
Cando Chen accedeu á presidencia de Taiwán, empioraron un pouco; pero despois, gradualmente, foise volvendo á normalidade. A elección de Chen Shui-bian é unha expresión soberana da elección que fai a nosa sociedade e en Beijing se comprende esa realidade, aínda que non guste moito. Por outra banda, a diplomacia presidencial gañou moito en realismo e foi quen de adptarse ás circunstancias. China sabe que non ten outra opción que lidar co PDP porque é o partido gobernamental. Certo que pode volver á oposición, pero unhas relacións normalizadas podían permitirlle aspirar a reducir a influencia independentista existente neste partido e na sociedade. A idea da independencia de Taiwán provoca numerosos medos en China, e por iso difícilmente abandonará as intimidacións e ameazas a Taiwán. Eles creen que soamente existe unha China e nós xa non cremos niso porque consideramos que a República Popular China non é de ambos lados, non é aceptable por todos.
Porque se opoñen ao principio dunha China?
Non o aceptamos porque na sociedade internacional a maior parte dos países pensan que China é o país co que establecen relacións diplomáticas. Pero a República Popular non é a República de China; hai dúas e son diferentes. Beijing impón a aceptación de que Taiwán é parte de China e non aceptamos esa premisa. Dende o noso punto de vista, esa vertebración non é algo que se poida impoñer e debe ser un tema de futuro, non inmediato e moito menos cuestión previa para adentrarse no tratamento doutros asuntos. Para Taipei, a República de China naceu en 1912 e trasladouse a Taiwán en 1949. Existe unha continuidade legal. Aquela República non desapareceu co nacemento da República Popular, expresión que nós si recoñecemos porque é tan real coma nós. Sendo posterior á República de China, ¿cómo pode reclamar a soberanía sobre Taiwán? Despois da ocupación de Xapón, Formosa pasou a mans da dinastía Qing, pero non á China Popular. É un problema político que debe resolverse políticamente.
Coida que existen oportunidades para retomar o diálogo sobre a unificación con China?
Cada un polas súas razóns, Estados Unidos e Xapón apoian a Taiwán e por iso pensamos que para a República Popular é importante manter relacións amistosas con Taipei que do contrario poderían afectar ás súas relacións con socios tan importantes. Por outra banda, a influencia da integración económica entre os dous lados é moi forte. E por último, o goberno de Beijing non pode ignorar a necesidade de gañarse o apoio da poboación da illa e para iso terán que mellorar as súas relacións cos seus representantes.
Rexistrouse algún cambio na posición do PDP a propósito da independencia?
Despois do Congreso que celebramos en 1999 afirmamos que somos un país soberano e independente e que polo tanto non precisamos declarar formalmente ningunha independencia. O noso país chámase República de China e conta cun goberno plenamente lexítimo, elixido por sufraxio universal e directo dos seus habitantes. Difícilmente podemos renunciar a algo que xa conseguimos. ¿Non pensamos en referendo de autodeterminación? A nosa é unha autodeterminación pola vía de feito.
É optimista respecto á reanudación do diálogo con China?
A finais de ano, haberá novas eleccións. Antes non van a dialogar porque podía interpretarse como un apoio ao PDP que non van dar. A República Popular non ten presa. Polo de agora, a circulación económica se orienta na súa dirección, non lles preocupa. O ano pasado, cando a crise golpeaba a nosa economía, alguén dixo que non a soportaríamos e que acabaríamos pedindo a unificación para sair dela. Non foi asi. Para Beijing é moi fácil dialogar cos nosos empresarios, sen contactos políticos. É a fórmula que privilexian, a pesar de que compartimos presencia na OMC.
Influiu dalgún xeito nas relacións bilaterais a apertura dos tres minienlaces que unen algunhas localidades de Taiwán con outras tantas da parte continental?
Ata agora a influencia non é evidente, pero pareceme que é positiva. Os tres minienlaces son un test temporal que nos vai permitir medir as nosas reaccións e salvar moitos obstáculos cando chegue o momento dun contacto bilateral normal. Daquela estaremos mais preparados. Levamos máis de cincuenta anos sen relacións e debemos ser cautos nas viraxes. No continente están moi interesados nesta forma de contacto. E a situación actual tamén é boa para nós.
En que se diferencia a posición do PDP dos demáis partidos en relación a China?
Hai dous grandes espacios. Dunha banda, o Kuomintang e o Partido Pobo Primeiro de James Song e o Partido Novo. Son os que chamamos azúis. Aceptan a existencia dunha China expresada de diferente maneira nos dous lados do estreito. Conectan mellor coas teses de Beijing. Para os verdes, PDP e a Unión Solidaria de Lee Teng-hui, debemos falar de dous países, dúas realidades políticas diferentes. China trata a cada segmento do escenario político de moi diferente xeito, naturalmente.
Cree que pode cambiar algo nas relacións con China cando se confirme a Hu Jintao como sucesor de Jiang Zemin?
Sinceramente, non. Vai precisar un mínimo de sete anos para consolidarse e edificar un discurso propio, se algún día chega a telo. A China política das últimas décadas non admite grandes mudanzas e menos en materias tan sensibles como esta.