A visión global estatal fronte á proxección rexional
A estratexia española parte dunha diagnose sistémica dun “mundo en transición” no que identifica tres grandes desprazamentos: Primeiro, da orde baseada en regras a unha dominada por lóxicas de poder e autoritarismo como consecuencia dun multilateralismo debilitado; Segundo, da eficiencia económica á resiliencia, nun contexto proteccionista que impulsa a relocalización de cadeas de valor e a procura de autonomía estratéxica. E terceiro, do optimismo ao desencanto, froito de desigualdades crecentes e das potenciadas pola dixitalización, das tensións democrática e da desconfianza.
Pola súa banda, Galicia articula a súa estratexia exterior desde un prisma funcional e territorial, coa fin de posicionar á comunidade. A Egaex céntrase en atraer investimento produtivo e capital humano, diversificar mercados, xestionar eficazmente os fondos europeos e reducir brechas sociais e económicas coa zona euro, para aproximar Galicia a estándares europeos en PIB, calidade de vida ou sustentabilidade.
Resiliencia macro fronte a dinamismo micro
No terreo económico, España pon o foco na relocalización de cadeas de subministración, a xestión de materias críticas ou a carreira polo liderado tecnolóxico son eixos da súa acción exterior. Galicia, en cambio, centra os seus esforzos en ámbitos máis concretos: fortalecer a súa presenza no mercado interior europeo, potenciar sectores estratéxicos como o turismo ou o pesqueiro e atraer capital estranxeiro. Ambos os enfoques poden ser complementarios: mentres España aborda as grandes transformacións da economía global, Galicia busca inserirse nelas aproveitando as súas vantaxes comparativas.
Demografía, talento e cultura: unha axenda galega máis social?
Un dos principais aspectos que caracteriza a Egaex é o peso que outorga ao reto demográfico. A atracción de poboación nova, talento investigador e estudantes estranxeiros -especialmente iberoamericanos e lusófonos- é un obxectivo central. Así mesmo, a Egaex outorga un papel estratéxico á cultura, a educación e a diáspora, promovendo alianzas coa lusofonía e mecanismos como o Estatuto de investidor da diáspora. Iso si, falta ver como se concretarían aspectos clave con atraso en Galicia como o desenvolvemento das relacións con Brasil e o mundo asiático, especialmente con China. Os desafíos figuran menos visibles na estratexia española, máis orientada á estabilidade macro e ao posicionamento xeopolítico, aínda que España tamén recoñece o valor da proxección cultural, pero intégrao nun marco máis amplo de diplomacia global. Sen embargo, no nivel estatal si se observa unha maior intencionalidade de apertura cara o mundo asiático.
Cooperación e desenvolvemento
En materia de cooperación, ambas as estratexias coinciden en concibila como instrumento de proxección exterior. Pero mentres España salienta o seu papel na loita contra o cambio climático e na prevención de crises globais, Galicia presenta un enfoque máis centrado en proxectos concretos.
Escala diferente, obxectivos compatibles?
En definitiva, a Estratexia española e a galega non se opoñen, senón que poden ser complementarias. España aborda o cambio estrutural da orde internacional cun enfoque xeopolítico, económico e tecnolóxico de gran escala, consciente dos riscos e tensións globais. Galicia, pola súa banda, adapta a súa acción exterior á súa realidade territorial, priorizando a competitividade económica, a atracción de talento, a proxección cultural e a cohesión social. Con todo, a clave será o desenvolvemento das estratexias, a dotación orzamentario real para os retos e a concreción das actuacións, e aí existen aínda deberes pendentes herdados.

