“Castelao vive e está presente ao igual que moitos daqueles que nos ensinaron cal é o camiño”, dixo Adolfo Pérez Esquivel na tarde do 15 de novembro na descoberta do busto do rianxeiro na Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina. “Alégrome de estar aquí, na Federación, porque tamén é a nosa casa. Como todos os descendentes de galegos temos mamado, aprendido, que temos que recrearnos a través da memoria. A memoria non é para quedarnos no pasado. A memoria nos axuda a iluminar o presente e construír un novo amencer para os nosos pobos”, remarcou na súa intervención na que gabou a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: “ese artista, comprometido coa liberación de Galicia, a súa autodeterminación e soberanía. É un exemplo”.
O Nobel celebrou a posibilidade de reunirse para “pensar e edificar xuntos” nunha época con “grandes desafíos”. Antes do acto de descuberta do busto creado polo artista Gabriel Hernán, celebrouse nos salóns da Federación unha xuntanza con membros de organismos de Dereitos Humanos e da chamada “Querela arxentina contra os crimes do franquismo” que impulsa o enxuizamento dos responsables dos asasinatos de familiares de cidadáns residentes no sudamericano. Neste contexto, nos vindeiros días será citado a declarar o exministro Rodolfo Martín Villa e o expolicía Daniel Aroca del Rey como imputados na investigación polo asasinato de Teófilo del Valle en 1976. Neste contexto, Pérez Esquivel defendeu o uso da palabra para “construír” unha nova humanidade seguindo “as pegadas” de figuras como as de Castelao, “que nos ilumina os camiños” para a Patria Grande.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG foi a encargada de descobrir o busto de Castelao no día do 81° aniversario da constitución do Consello de Galiza, que cualificou como “o acto político máis importante” e que motivou este ano a que promoveran o recoñecemento como o “primeiro presidente” de Galicia. Así mesmo, remarcou que cobra especial relevancia a “importancia da participación política no debate democrático na defensa das ideas e na defensa dos valores” e que esa construción debe facerse “sobre a esperanza” porque “o verdadeiro heroísmo consiste en converter as ideas en feitos e os soños en realidades”.
Pontón coincidiu coas ideas dos discursos do presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Luis Fernández Ageitos, e a secretaria da entidade, Lorena Lores, que fixeron fincapé no carácter político e reivindicativo desta homenaxe ao rianxeiro. “É certo que quixeron descafeinar a Castelao”, apuntou Ana Pontón. “Porque Castelao é perigoso para os que queren que haxa desigualdade, para os que pretenden que a nosa lingua desapareza e para os que pretenden que cada vez teñamos menos dereitos”, dixo. “Castelao representa o mellor que pode representar un ser humano: lealdade, valores, integridade, loitar polos seus ideais e ser capaz de imaxinar e construír un mundo moito mellor no que vivir”, remarcou antes de concluír o seu discurso cun chamamento a manter “en pé” a “bandeira de Galicia, a bandeira de Castelao” e, “sobre todo, a bandeira da esperanza de que outro mundo non só é posible, que é necesario e que imos facer realidade”.
A eurodeputada galega Ana Miranda, o presidente da xestora do PSOE-Arxentina, Óscar González, o exembaixador arxentino en Bolivia, Ariel Basteiro, así como varios presidentes de entidades da colectividade como o Centro Galego de Buenos Aires, o Centro Galicia de Buenos Aires, o Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar tamén participaron na homenaxe de peche das celebracións programadas pola Federación con motivo do Ano Castelao. A orchestra de cámara, o coro e o grupo de cantareiras da entidade interpretaron varias pezas de música galega.


