bernardo rey retrato

Especial Ano Castelao (XX) “Aínda que non é a Galicia ideal, creo que Castelao estaría contento de ver como a Galicia Universal medra”, afirma Bernardo Rey, presidente do Fogar Galego para anciáns de Domselaar

Cando o Ano Castelao se asoma á meta logo de relatorios, actividades, reivindicacións e homenaxes, estes días vén de anunciarse que a obra pictórica máis icónica do rianxeiro “A derradeira leición do mestre”, que ilustra a barbarie fascista que asasinou a Alexandre Bóveda, exporase no verán do norte en Pontevedra. Segundo a Directora do Museo de Pontaevedra, Ángeles Tilve, trátase dunha colaboración institucional entre a Deputación de Pontevedra e o Centro Galicia de Buenos Aires “que suma” para abrir unha vía de cooperación que en beneficio de todos os galegos e que servirá para difundir a obra e o seu contexto da creación, que denuncia e homenaxe a Bóveda cando rematan os 12 meses dedicados á figura de Castelao e se cumpren 80 anos do golpe de Estado do 36.
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Palabras chave Arxentina Ano Castelao

Neste contexto, entrevistamos ao Presidente do Fogar Galego para Anciáns de Domselaar, Bernardo Rey González, un pontevedrés que leva desde os 17 anos na Arxentina. Fai sete anos que Rey González preside esta residencia creada hai xustamente 82 anos pola solidariedade das achegas privadas dun grupo de intelectuais e dirixentes galegos para que os maiores da colectividade que non dispuxeran de medios económicos ou familia tivesen un sitio onde rematar os seus días, logo de que no ano 1944 un grupo de persoas morrese de frío por atoparse en situación de rúa e sen asistencia. Situado nunha finca a uns cen quilómetros da cidade de Buenos Aires, viven no fogar uns 120 maiores, algúns deles da colectividade galega, pero xa en grande parte nacidos en Arxentina. Na actualidade, funciona mediante acordos con Administracións galegas, do Estado español e con institucións arxentinas como a seguridade social dos xubilados do país (PAMI) e busca incrementar as súas prestacións e servizos para continuar unha obra solidaria e de socorros mutuos.

Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?

Un ten que ser respectuoso dos fundadores das institucións. E esta obra tan magnífica que é o Fogar Galego para Anciáns de Domselaar foi fundado por paisanos galegos que pertencían a rama progresista da colectividade, apoiaban as ideas de Castelao. Hai que ser honestos e apoiar que Castelao fose recoñecido como primeiro presidente galego.

Que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?

Paréceme ben. Todo o que sexa difundir e homenaxear a figura de Castelao paréceme excelente. Castelao tivo varias facetas na súa carreira e a máis importante, para nós, foi a política e cremos que non foi recoñecida en toda a dimensión do que foi para os galegos.

Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao por parte da Xunta de Galicia?

Todos os galegos, independentemente de como pense, non debería deixar de recoñecer a figura de Castelao e esperamos que teña un apoio total. Paréceme excelente. Que se reivindique a figura de quen foi e é o noso guieiro.

Por que cree que os grupos parlamentarios da Cámara galega non apoiaron en xaneiro o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia, presentado polo bloque en base a iniciativa do Partido Galeguista e das entidades de emigración do Rio da Plata?

Todos sabemos que en Galicia goberna un partido de dereita que é o PP e ás veces non comparte as ideas progresistas que tiña Castelao e por iso non está moi de acordo con iso.

Vai a súa entidade facer algunha programación especial con motivo deste ano Castelao?

Participamos nos actos do Centro Galego. A institución que teño a honra de presidir non organiza esa clase de actos, pero participamos, apoiamos, por suposto, en todo o que teña que ver coa figura do noso querido Castelao.

Que pensa que diría Castelao se estivese hoxe aquí?

Creo que estaría contento. A pesar de que Galicia que el soñaba non é aínda a Galicia ideal, pero sen dúbida creo que estaría contento en ver como a Galicia Universal medra. Algúns din que en Arxentina pode haber arredor dun millón de galegos. O feito é que seguimos a ser a quinta provincia. E como era un loitador, seguramente, seguiría loitando para unha Galicia máis autónoma e, seguro, máis solidaria.

Un desexo para esta Galicia universal?

Desexo dun mellor benestar para todos os paisanos, para todos os galegos, tanto de Galicia como os que estamos na diáspora. Desexar un mellor nivel de vida e, por sobre todas as cousas, con moita saúde para todos.

Bernardo Rey Fede Castelao
Bernardo Rey, no centro, no descubrimento do busto de Castelao na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina no mes de novembro.