Carlos Ameijeiras Miñones, presidente da Asociación Benéfica e Cultural do Partido de Corcubión.

Especial Ano Castelao (XXII) ABC de Corcubión reclama a inclusión da asignatura “Historia da emigración galega” nos centros de ensino para que as novas xeracións coñezan a xesta patriótica dos galegos do exterior

O presidente da Asociación Benéfica e Cultural de Corcubión, Carlos Ameijeiras Miñones, vén de reiterar o seu pedido de que se inclúa na currícula educativa galega unha asignatura específica sobre a “historia da emigración” para que as mozas e os mozos de Galicia coñezan a xesta patriótica dos exiliados e dos emigrantes galegos. Fíxoo no marco desta entrevista sobre a iniciativa para reivindicar a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como primeiro presidente de Galicia e na que destaca o papel das entidades de emigrantes de Arxentina e Uruguai no apoio ao rianxeiro e á causa galeguista para restituír un goberno democrático.
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza

A ABC de Corcubión é unha sociedade centenaria, fundada 26 de agosto de 1922, dedicada a difundir a cultura e a historia de Galicia no país austral a través de actividades musicais e culturais como a escola de encaixe de bolillos e as escolas de zanfonas, canto e pandeiretas, nas dúas sedes que posúe en Buenos Aires. Ao longo da súa historia, ten impulsado a publicación da revista “Alborada” na que escribiron o propio Alfonso Castelao, Alonso Ríos, Eduardo Blanco Amor, Otero Pedrayo e Arturo Cuadrado, entre outros, así como numerosas accións a prol da mellora e o fortalecemento desta rexión da Costa da Morte. Desta entidade saíron o século pasado as achegas económicas necesarias para a construción de catro escolas nesa comarca coruñesa.

Carlos Ameixeiras Miñones ten unha destacada traxectoria nas entidades da emigración en Arxentina e, na actualidade, é membro da comisión delegada do Consello de comunidades galegas. É profesional das ciencias económicas e foi lexislador na Cidade de Buenos Aires.

Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?

A Asociación Benéfica e Cultural do Partido de Corcubión foi unha das institucións que integraron, no seu tempo, a Intersocietaria de Centros Galegos de Arxentina e Uruguai. Eles foron un grande apoio á causa galeguista impulsada por Castelao e viraron os seus esforzos cara a súa terra natal na loita por restituír un goberno democrático. O noso Presidente da época, Perfecto López, formou parte do grupo de mecenas que permitiu que Castelao puidese desenvolver a súa brillante tarefa política na Galicia Ideal.

Ou sexa, fomos un dos centros artífices que apoiou a creación do Consello de Galiza, presentado como o fideicomisario da vontade democrática do pobo galego expresada nas eleccións de febreiro de 1936 e como salvagarda do plebiscito do Estado da Autonomía, no que Castelao foi o primeiro Presidente.

Cando recibimos o proxecto de recoñecemento e estudiamos os seus fundamentos, tanto nós como as outras institucións de alén mar que formamos aquela Intersocietaria, non puidemos menos que apoialo, por sentirnos aínda máis os herdeiros dos que protagonizaron aquela xesta.

Que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?

Foi un acto correcto e democrático no cal cada representante dos grupos que conforman o Parlamento, máis o Presidente, puideron expresar súa posición ao respecto.

Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao por parte da Xunta de Galicia?

Foi una boa e merecida iniciativa que disparou múltiples e diversas actuacións e homenaxes ao “guieiro” ao longo do planeta no curso do ano.

Por que cree que os grupos parlamentarios da Cámara galega non apoiaron en xaneiro o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia, presentado polo bloque en base a iniciativa do Partido Galeguista e das entidades de emigración do Rio da Plata?

E o xogo da política, tanto en Galicia como no mundo enteiro. Deixemos a política aos políticos. Eles saberán o que fan.

Vai a súa entidade facer algunha programación especial con motivo deste ano Castelao?

Fixemos una actividade conxunta coas institucións que apoiamos a iniciativa, o venres 31 de outubro no Teatro Castelao de Bos Aires, cunha moi boa concorrencia de xente. Presentouse un festival artístico das institucións participantes, precedida por un moi bo discurso feito polo Profesor Carlos Rodríguez Brandeiro, que provocou o aplauso da nutrida concorrencia.

Que pensa que diría Castelao se estivese agora aquí?

Sentiríase moi feliz de ver unha Comunidade Autónoma Galega democrática e puxante.

Un desexo para este ano, para os que formamos esta Galicia Universal?

Que tanto o executivo coma o lexislativo galego recollan o desexo -expresado en diversas ocasións nos Plenos de Comunidades Galegas- de que se inclúa na currícula educativa en Galicia a asignatura “historia da emigración galega” para que as novas xeracións de galegos teñan coñecemento pleno da xesta e dos esforzos a favor da súa patria, daqueles devanceiros que tiveron que marchar da súa terra e construíron a Galicia Universal: un anaco de Galicia en cada recuncho do mundo. Daqueles que deron a súa xenerosa contribución para manter, axudar e educar aos quedaron na terra.