En Arxentina residen 1.200.000 cidadáns con nacionalidade italiana. En todo o mundo, son preto de 5 millóns de persoas de orixe italiana que elixen representantes por una circunscrición exterior para que defendan os seus intereses no Parlamento.
Logo das entrevistas que fixemos para o 3° Maratón de Galeguidades (entre as 8h 29 mins e as 9h e 26 mins) co Cónsul xeral de España en Buenos Aires, José María Ridao Domínguez, coa Presidenta do Consello da cidadanía española no exterior, Violeta Alonso Peláez, e con membros do Consello de residentes españoles no exterior (CRE) María del Pilar Díaz, Juan Manuel de Hoz, Francisco López e Gastón Torres, para coñecer o sistema de representación dos nosos cidadáns no mundo, miramos cara a Italia. España conta con este órgano consultivo que está a piques de aprobar un Estatuto para protexer os dereitos dos cidadáns no exterior, pero en Italia, ademais, contan con 12 representantes no Parlamento en Roma.
Para coñecer os datos e o sistema de organización desa representación, falamos con Darío Signiorini, Presidente do Cómites de Buenos Aires, organismo que representa a máis de 400.000 homes e mulleres que teñen pasaporte italiano. En total, Arxentina conta cun total de 12 demarcacións nas que hai 1.200.000 persoas con nacionalidade italiana. Os Cómites dan servizo para as relacións coa Embaixada, co consulado e co resto das institucións locais para favorecer a integración e a colaboración entre ambas nacións. Signiorini é avogado, Presidente da Asociación Lombarda, Coordinador do Movemento Asociativo de Italianos no Exterior e presidente da Asociación Cultural e Biblioteca Popular “Tinta vermella”. Desde fai unha década se desenvolve nesta tarefa de preservar a memoria histórica da emigración italiana e de poñer en valor a contribución italiana nas sociedades nas que operan.
Podes ver esta entrevista en vídeo na IGADI TV.
Pregunta: Cantos italianos hai hoxe en Arxentina?
Resposta: En Arxentina estamos por riba dun millón douscentos mil. Na circunscrición consular de Buenos Aires estamos en 400 mil, máis ou menos. A Arxentina está dividida en nove circunscricións consulares: Buenos Aires, La Plata, Mar del Plata, Lomas de Zamora, Morón, Bahía Blanca, Córdoba, Rosario e Cuio. E en cada unha delas existe o Cómites, que é o pequeno parlamento dos italianos no exterior. Este organismo, que está feito por unha lei italiana, está presente en 108 países. O Cómites traballa sobre os dereitos dos italianos no exterior e interatúa ante o Consulado xeral e perante as autoridades municipais, provinciais e nacionais do país que nos acolle, neste caso, Arxentina. Entre outras tarefas, temos tamén a preservación da lingua, da cultura italiana, o deporte, a gastronomía, a literatura. É amplo o espectro de traballo. É fundamentalmente colaborar co cidadán ante as dificultades que poda ter para obter un pasaporte, estar ao día coa documentación, pedir a cidadanía italiana. Traballamos deste xeito por un período de cinco anos ad honorem.
Esa é a representación que temos en cada país, organizadas por circunscricións como son América do Norte, Centroamérica, América do Sur, Australia, Oceanía, Europa, e hai unha representación parlamentaria. A representación parlamentaria que temos, por exemplo, no distrito de Sudamérica, que comeza en Venezuela e remata en Tierra del fuego, a extensión é moi ampla, temos un senador e dous deputados que integran o Parlamento italiano, obviamente, que son elixidos de xeito directo polo pobo e teñen un período tamén de cinco anos.
No caso particular meu, entrei cunha figura que se chama Coptado. A circunscrición é a máis grande do mundo en cantidade de cidadáns e se elixen 18 membros titulares e despois se elixen os coptados que se elixen de xeito indirecto por eses 18 membros. Teñen que cumprir unha serie de requisitos como ser maiores de idade, ter unha preminencia na sociedade para que faga unha relevancia e permita mellorar a relación de integración, por iso foi destinada esta figura e ao igual que o membro electo, unha vez que é elixido por estes 18, de xeito indirecto, vai ter todos os dereitos e obrigas que ten un conselleiro. Na primeira seduta, na primeira xuntanza que se fai, faise a distribución de cargos e o sistema é parlamentario, onde tes que formar goberno e tamén, ao igual que no sistema parlamentario italiano, existen os votos de confianza para ser removido nalgunha situación que amerite. O voto de confianza en italiano é a fiducia.
A representación é esa. Tamén hai outro organismo que é o Consello Xeral dos Italianos no exterior, que é un organismo consultivo. Que vai traballar sobre a problemática dos italianos no exterior. Son elixidos de xeito directo, a través de unha asemblea nacional, na que están representados todos os nove Cómites de Arxentina e se elixen 7 membros de cada asemblea. Eses van ser os representantes de Arxentina ante o consello. Ten unha figura máis consultiva que executiva.
Estes días están a debate os dereitos dos españois no exterior. Como solucionaron en Italia este tema?
O tema depende do dereito. Nós, desde o Imperio romano traballamos con el dereito de sangre. Se un italiano nace noutro país, manéxase polo ius sanguinis. Hai situacións de restricións á cidadanía por unha lei que saíu o ano pasado, recortando a fillos e netos, cando en realidade había un corte xeracional. Particularmente, eu non estou de acordo con iso porque creo que o dereito non se pode alterar dese xeito e considero que hai que buscar que o cidadán coñeza os seus dereitos e obrigas, que estude a historia do país, o idioma.
Entón, xera unha proximidade e unha correspondencia moito máis próxima, como se fai por exemplo cando se adquire a cidadanía por matrimonio, onde se esixe una nivel de italiano para que non só se acceda polo matrimonio ou a permanencia senón por esa ligazón idiomática e eu engadiría o coñecemento da constitución. Que é moi moderna, que entrou en vixencia en 198 pola guerra e que garante dereitos que antes non podían transmitir a cidadanía e fala dun equilibrio de poderes, dun sistema republicano baseado no parlamento e establece as bases democráticas moi importantes. Paréceme moi importante a opinión dun cidadán fóra do país porque nestes países temos pasado diásporas, exilios, marchar do teu país non é algo de balde de boa aventura, hai situacións de fame, de guerra, moi complexas e tanto que contribuíu o italiano que vivía noutro país para levantar a posguerra enviando diñeiro, alimentos e todo tipo de cuestións para as que hai que desenvolver un criterio humanista e solidario. E traballar para que podan ser representados por as vivencias que estaban acontecendo fóra do país que é movementos turísticos, un pasaporte, unha visa, que xera recursos a carta de identidade. En primeiro lugar é unha integración e tamén unha globalización. Eu véxoo como algo positivo, non con especulación política electoral, porque en definitiva remata reducindo algo tan importante como son as propias raíces a unha política electoral. Eu creo que a loita política ten que estar enraizada noutros temas, en modelos de construción, en que modelo de vida queremos, de que maneira a desenvolvemos pero con garantías, con democracia, con sentido de pertenza e, sobre todo, en lugares como Italia ou como España, nos que houbo divisións moi fortes no plano ideolóxico que non construíron cidadanías, por así dicilo, ou calidade de cidadanía.

