images mapellitero

Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050

O cambio climático é unha realidade. En pleno 2020 e tras décadas erradas no referente a conseguir unha proposta de éxito para mudar o patrón enerxético –e de consumo- no sistema económico dos principais países do mundo, a necesidade de facer transformacións profundas na nosa relación con entorno é unha demanda que vai mais aló do que voces illadas de grupos ecoloxistas, e comeza a posicionarse como un principio case transversal a calquera proposta realista de futuro.

Liñas de investigación Paradiplomácia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Idiomas Galego

O cambio climático é unha realidade. En pleno 2020 e tras décadas erradas no referente a conseguir unha proposta de éxito para mudar o patrón enerxético –e de consumo- no sistema económico dos principais países do mundo, a necesidade de facer transformacións profundas na nosa relación con entorno é unha demanda que vai mais aló do que voces illadas de grupos ecoloxistas, e comeza a posicionarse como un principio case transversal a calquera proposta realista de futuro.

Neste marco, calquera dirixente político medianamente comprometido, xa non coa sustentabilidade, senón coa propia supervivencia do sistema actual, debe traballar para impulsar este cambio. Entendendo esta necesidade, o actual goberno da Xunta de Galicia no seu último ano de goberno -2019, a falta de que se celebren as eleccións programadas para o pasado 5 de abril de 2020 cando remita a pandemia causada polo Covid-19 -, puxo este tema no centro da súa axenda política coa presentación da “Estratexia Galega de Cambio Climática e Enerxía 2050” e da “Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030”.

Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas do Estado español que desenvolve un plan propio no referente á loita contra o cambio climático. Esta estratexia presenta o ambicioso obxectivo de chegar a neutralidade de emisións  de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) para mediados de este século, reducindo en ata un 80% as emisións de carbono actuais no ano 2050.

Resumindo esta axenda nas palabras do propio presidente Núñez Feijóo durante a súa presentación: “En definitiva, camiñamos cara á neutralidade climática actuando sobre a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, a través dun modelo baseado nas enerxías limpas, na mellor da eficiencia enerxética en todos os sectores e en acadar sistemas produtivos máis responsables; e potenciando a capacidade de absorción de carbono, a través da adecuada xestión de masas forestais, dos usos do solo e da conservación dos ecosistemas”.

Para o seu seguimento, a Xunta de Galicia aprobou o pasado 3 de outubro a creación dunha Comisión Interdepartamental para seu Impulso e Coordinación. A EGCC contará con revisións cada 5 anos, sendo o primeiro o vixente período 2019-2023, o cal conta con 170 iniciativas e un orzamento inicial de 1.250 millóns de euros.

Co obxectivo certo de aspirar a unha economía neutra en emisións de GEI (Emisións – Compensación ≈ 0) é necesario un equilibrio entre a redución de emisións e máxima absorción das mesmas de CO2 mediante un plan de compensación, que poña no centro a utilización e valorización do inmenso capital natural do que dispón a nosa terra; mais da metade da superficie total de Galicia son bosques cun enorme potencial para a fixación de GEI.

Esta estratexia asume os diferentes compromisos internacionais na loita contra o cambio climático e articula a actuación presentada en catro grandes áreas de actuación. Estas son: a mitigación das emisións dos gases de efecto invernadoiro, a adaptación aos seus impactos e consecuencias, a innovación e investigación e outra que abrangue a dimensión social a través do impulso da gobernanza e da sensibilización da cidadanía.

 

images mapellitero


Os catro grandes bloques nos que se articula a EGCCE.
Fonte: Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, Xunta de Galicia.

Con respecto á descarbonización, os datos amosan que Galicia xa comezou o camiño dende hai algúns anos. Segundo o “Ministerio para a Transición Ecolóxica” do Goberno de España, Galicia emitiu, no ano 2016, 27.9 millóns de toneladas de CO2, o que representa un 4.7% menos que en 1990 e un 22.4% menos que no ano 2005, sendo a terceira comunidade do Estado que mais conseguiu reducir as súas emisións con respecto a 990.

Son varias as medidas que formula o documento con respecto a esa redución cuantificada no 80% das emisións actuais: incrementar a participación de enerxías renovables no mix-enerxético, fomentar a eficiencia enerxética, fomentar a mobilidade alternativa ao vehículo privado mediante un sistema de transporte público de calidade e respectuoso co medio ambiente, evolucionar os asentamentos urbanos cara un modelo mais sostible (promoción da “Agenda Urbana Española”), impulsar a I+D+i no referente ao cambio climático e a novas tecnoloxías e enerxías, mellorar a preparación, xestión e resposta ante fenómenos meteorolóxicos extremos e traballar tanto na conservación coma na restauración dos ecosistemas naturais do noso país, optimizando o seu potencial.

Unha vez presentada e coñecida esta Estratexia, falla ver como se desenvolve operativamente nos próximos meses cando se recupere a normalidade e o novo goberno (ben sexa unha reválida do actual ou un cambio tras tres lexislaturas con Núñez Feijóo a fronte). O Plan Rexional integrado de Enerxía e Clima 2019-2023 está en marcha, e será necesario un seguimento do mesmo para coñecer o seu grado de éxito e cumprimento.

Algunhas organizacións ecoloxistas como a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) foron moi críticas có programa presentado, amosando especiais reticencias en tres puntos: a falta de orzamento en puntos claves para o correcto cumprimento da mesma –ata 60% das propostas totais-, a necesidade de diversificar as especies que se reforesten, atendendo a mais servicios ecosistémicos que exclusivamente a captación de CO2 e non se sobrexplote o modelo do eucalipto-, e a necesidade de conservar e traballar sobre outros ecosistemas (zonas húmidas como turbeiras e brañas) mais aló dos bosques como único arma para a compensación de emisións.

Será a ‘Estratexia Galega contra o Cambio Climático 2050’ a base sobre a que construír unha transformación como a que demanda un cambio de modelo económico e enerxético de está índole? Aínda é cedo para dar resposta a esta pregunta, pero cando menos ter unha proposta de esta dimensión enriba da mesa e poder debater o seu alcance é, sen dúbida, un avance que hai apenas un lustro parecía inverosímil. Se se articula ben e se lle dota dos recursos necesarios, a loita contra o Cambio Climático e a aposta pola neutralidade das emisións a medio prazo é o único camiño posible.