20060730 matanza de cana 01

Europa, non ten nada que dicir?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Matanza de Caná, clic para aumentar
Matanza de Caná, clic para aumentar
Os dirixentes europeos, parecen ter medo a ofender a alguén, ou ben atenden ás premisas doutros intereses. Por pouco se impón o fin das matanzas "tan pronto como sexa posible", tal e como proclamaban o sempre presente Tony Blair e a alemana Angela Merkel, a pesares das atropelías inxustificables como as do ataque da Caná, o 30 de xullo. A presidencia finesa, tampouco foi quen de levar adiante nada máis que a retórica. Británicos, alemáns, holandeses, checos e polacos, bloquearon os borradores de resolución da presidencia. Así as cousas, a falla dunha resposta conxunta representa por tanto unha chuvieira de vergoña común, e a inexistencia de firmeza é bochorno para todos de cara á propia opinión publica, de cara ó mundo e a historia. (Foto: Membros da Cruz Vermella sosteñen o cadáver cuberto de po dun neno falecido nos bombardeos israelís sobre Caná o 30 de xullo de 2006. ©20minutos).
  

Haberá que ir pensando, para proseguir coa construcción europea, na expulsión dalgúns membros que se opoñen sistematicamente a todo. Dende que as decisións da UE se toman a 25, xa parece recorrente que nunca se chegue a ningún lugar nin se tome ningunha decisión práctica. A reunión extraordinaria de ministros de asuntos exteriores do primeiro de agosto foi o fiel reflexo da impotencia europea. A Unión Europea con todo o seu mercado interno e poderío económico, con toda a propaganda da promoción dos dereitos humanos e da cooperación, e con toda a presencia diplomática que lle corresponde, non foi quen de esixir, o que non significa impoñer, o cese do fogo inmediato.

Os dirixentes europeos, parecen ter medo a ofender a alguén, ou ben atenden ás premisas doutros intereses. Por pouco se impón o fin das matanzas "tan pronto como sexa posible", tal e como proclamaban o sempre presente Tony Blair e a alemana Angela Merkel, a pesares das atropelías inxustificables como as do ataque da Caná, o 30 de xullo.

A presidencia finesa, tampouco foi quen de levar adiante nada máis que a retórica. Británicos, alemáns, holandeses, checos e polacos, bloquearon os borradores de resolución da presidencia. Así as cousas, a falla dunha resposta conxunta representa por tanto unha chuvieira de vergoña común, e a inexistencia de firmeza é bochorno para todos de cara á propia opinión publica, de cara ó mundo e a historia. Tan só as tímidas iniciativas de varios países (entre eles España, Francia e Portugal), disimulaban saltala barreira da impotencia xeneralizada.

A fin de contas, parece incomprensible a omisión premeditada dos nosos gobernos. Xa estamos habituados a ver aldeas sometidas á fame e ó terror coa conivencia dos gobernos europeos e o silencio culpable de tódolos países do mundo, unha poboación emparedada por un muro que divide familias e territorios sempre en beneficio dos israelís, ou a anulación das axudas por parte da Unión Europea simplemente porque non gañaron as eleccións os que á Unión Europea lles conviña. Os mandatarios da vella Europa condenan non obstante, á víctima e non ó verdugo: un Estado consentido e caprichoso, que en función da propia seguridade ataca e extermina sen ningún freo.

A indiferencia europea non é propia da ignorancia. Todos son conscientes do problema e existen medidas máis que suficientes para atopar unha solución. A prohibición da importación de productos israelís, a fin dos seus privilexios comerciais e dos acordos nos campos da investigación e do desenvolvemento, o bloqueo das contas e bancos europeos, a limitación dos vos israelís no espacio aéreo europeo ou a exclusión dos seus equipos das competicións artísticas e deportivas son tan só algunhas das medidas que se poderían adoptar, pero que non interesan.

En troques, a Unión Europea decepciónanos unha vez máis, polo servilismo cara o emperador do mundo, que protexe a aqueles que consideran meros animais ós palestinos, matándoos a vontade co pretexto de que defenden a súa seguridade. Os palestinos son terroristas que loitan contra o que eles ven como o invasor, e ninguén quere ser o portavoz que denuncie o terrorismo de Estado israelí, que se perde nas tebras dos números da morte.

Este é un equilibrio de poder complexo. Uns contan con armas, diñeiro, apoio dos gobernantes internacionais, e os outros tan só coa solidariedade dos pobos e coa razón que nos fala da inxustiza. Os que son apoiados pola comunidade internacional, non só non se retiran dos territorios ocupados, non destrúen o muro condenado pola xustiza internacional, non facilitan o retorno dos refuxiados senón que promoven aínda un maior número de refuxiados noutros países, e a maiores, proseguen coa limpeza étnica e a ocupación de terras por medio dos asentamentos, de tal maneira que os palestinos xa só controlan o 12% da Palestina histórica, restrinxindo a capacidade de movemento dos palestinos.

Pero se algo nos quedou claro en todo este tempo é que xa sabemos que é de inxenuos pesar que alguén os vai axudar. Os gobernos árabes, sen contar coa opinión da súa poboación, prefiren as boas relacións con EEUU á solidariedade cos seus veciños palestinos ou libaneses. E os poderosos europeos, parece que teñen moitas débedas que saldar, e non teñen tempo para pórse de acordo e intervir.