Evo freado

A primeira derrota electoral de Evo Morales na súa prolífica década na presidencia, aspecto que lle imposibilita para postularse como candidato para outra reelección en 2019, implica observar tendencias en curso en América Latina, entre as que destaca a progresiva consolidación dunha cultura cívica e política tendente a fomentar un equilibrio de poderes públicos que contemporicen o fortalecemento de hexemonías políticas aparentemente inalterables, e cuxas repercusións se transmiten na súbita alteración do péndulo político existente no actual ciclo electoral hemisférico. Así, esta derrota electoral de Evo e do seu partido, Movemento ao Socialismo (MAS), implica observar con moderación as consecuencias políticas do mesmo, inéditas por abrir a veda dun proceso de sucesión presidencial que moi probablemente dominará a axenda política boliviana no que resta da actual lexislatura. 

Apartados xeográficos Nacionalismos
Idiomas Galego

A primeira derrota electoral de Evo Morales na súa prolífica década na presidencia, aspecto que lle imposibilita para postularse como candidato para outra reelección en 2019, implica observar tendencias en curso en América Latina, entre as que destaca a progresiva consolidación dunha cultura cívica e política tendente a fomentar un equilibrio de poderes públicos que contemporicen o fortalecemento de hexemonías políticas aparentemente inalterables, e cuxas repercusións se transmiten na súbita alteración do péndulo político existente no actual ciclo electoral hemisférico. Así, esta derrota electoral de Evo e do seu partido, Movemento ao Socialismo (MAS), implica observar con moderación as consecuencias políticas do mesmo, inéditas por abrir a veda dun proceso de sucesión presidencial que moi probablemente dominará a axenda política boliviana no que resta da actual lexislatura. 

Con todo, a polarización postelectoral deu conta dun axustado resultado que espallou todo tipo de diverxencias sobre a contabilidade dos votos, dando pe a momentos de incerteza que podían modificar substancialmente o panorama. Os primeiros resultados do Tribunal Supremo Electoral (TSE) boliviano adxudicaban a vitoria do “Non” por un 56,5% dos votos, toda vez enquisadoras privadas (IPSOS-ATB e Mori-UNITEL) rexistraron este índice nun 52,3%. Mentres, fontes gobernamentais argumentaban dun “empate técnico”, tomando en conta que restaba por contabilizar o voto exterior e das provincias.

 

Finalmente, dous días despois do referendo, o TSE anunciaba un resultado definitivo e irreversible que certificaba a crecente polarización do panorama político, cun 51,3% dos votos para o “Non” co 99,49% das actas escrutadas. Se ben o vicepresidente Álvaro García Linera intuía a posibilidade dunha “radical modificación” do resultado a medida que avanzaba o escrutinio, precisamente o panorama postelectoral define un escenario político inédito para o presidente Evo Morales, imposibilitado agora de postularse para outra eventual reelección ata 2025(1), e para un MAS que deberá agora definir un proceso de sucesión de liderado, abrindo a veda da etapa post-Evo co horizonte 2019.

 

Sen reelección, urxe un sucesor

 

Paralelamente, este resultado debe observarse nun contexto de maior calado global, que considera contrariedades para as expectativas reeleccionistas así como visibiliza unha nova cultura política de contrapesos dos poderes públicos, aspecto que colateralmente explica a aparición de novos liderados e movementos políticos que gradualmente desarticulen a hexemonía das esquerdas establecida na rexión desde 1999.

 

            Se ben Evo e o MAS manteñen basicamente intacta a súa base de apoio político e electoral, comezan a aflorar os síntomas de contrariedade cidadá no relativo a unha reforma constitucional que permita ampliar a continuidade presidencial. Este escenario obrigaría ao presidente boliviano a dar curso a proceso de sucesión política dentro do MAS que permita a continuidade do proxecto de “refundar Bolivia” iniciado coa súa primeira vitoria presidencial en 2005, continuado a través dun proceso constituínte que lle deu unha nova vitoria electoral presidencial baixo a nova arquitectura constitucional, prorrogado cunha nova reelección presidencial nos comicios de 2009. Nese momento, Evo manifestou publicamente a súa intención de non volver a postularse como candidato presidencial, pero que o contexto político posterior subitamente modificou a súa postura, agora erosionada tras esta derrota no referendo de reforma constitucional.  

 

            Deste modo, o actual contexto postelectoral determina cómo a sucesión de Evo dentro do MAS, e principalmente a lexitimación desta sucesión de cara ao mantemento dos apoios por parte dos movementos políticos e sociais afíns ao “evismo”, suporá a principal carta que dominará a axenda política boliviana ata 2019. Bolivia e o MAS afrontan agora un inevitable período post-Evo que moi probablemente modificará un escenario político onde comezan a aflorar síntomas de polarización, evidenciados neste referendo e igualmente polo reparto territorial dos votos.

 

            Neste sentido, a repartición territorial do voto afonda estas expectativas de polarización. O “Si” á reforma constitucional gañou nos distritos electorais da capital A Paz, Cochabamba e Oruro, prazas electorais tradicionalmente votantes do MAS. Toda vez, a oposición gañou con contundencia nas súas principais prazas, sendo estas Tarija, Beni, Potosí, Santa Cruz e Pando, monopolizadas por gobernadores radicalmente opostos á xestión gobernamental que viron ampliadas as súas expectativas coa vitoria opositora en Chuquisaca, outro tradicional bastión “evista” que desta vez decidiu votar en contra da reforma constitucional.

 

            O cambio de péndulo rexional

 

Dentro do contexto rexional, o freo a esta reforma constitucional en Bolivia supón unha nova derrota electoral da esquerda a nivel rexional, a terceira consecutiva desde a vitoria de Mauricio Macri nas presidenciais arxentinas de novembro pasado e da oposición venezolana nas lexislativas de decembro. E todo isto sen desestimar a crise política brasileira e os efectos colaterais que a nivel hemisférico están establecendo a apertura de Washington cara Cuba e o previsible final de prolongado conflito armado colombiano.

 

Cómo gravitará na rexión esta derrota electoral de Evo dependerá igualmente da evolución das crises políticas existentes en Venezuela e Brasil nun contexto 2016 sumamente difícil, particularmente ante as presións políticas contra o goberno de Nicolás Maduro en Caracas e polas presións por aplicar un impeachment presidencial contra Dilma Rousseff en Brasil, parcialmente desactivadas a tenor dos recentes reacomodos políticos no seo do Congreso, pero que moi probablemente seguirán intensificando a súa presión nas rúas ata o remate da actual lexislatura en 2018.

 

Con anterioridade ao referendo boliviano(2), o clima de polarización en torno ás tentativas de reeleccións presidenciais xa exerceron con anterioridade sutís mecanismos de prevención e amortecemento sobre a súa viabilidade, aducindo un contexto de regresión particularmente visible no caso ecuatoriano, onde o mandatario Rafael Correa xa anunciou que non se postulará como candidato para os comicios presidenciais pautados en 2017. Pero existen outros contextos onde, de forma colateral, o tema da reelección vese fortemente erosionado e contrariado, mobilizado por un clima de polarización que implica riscos para a estabilidade política.

 

A gravidade da crise política e socioeconómica que actualmente vive Venezuela, que determinou a contundente vitoria opositora nos comicios lexislativos de decembro pasado e na posterior confrontación de poderes públicos establecido entre unha presidencia “chavista” e unha Asemblea Nacional opositora, exerce unha forte presión contra a autoridade e incluso lexitimidade do presidente Maduro como líder dun “postchavismo” en horas baixas.

 

O contexto 2016 fortalece as perspectivas sobre a eventual celebración dun referendo revogatorio contra Maduro e incluso de presións políticas por aplicar unha saída legal ao seu mandato, abrindo o camiño dunha etapa de transición que complica as aspiracións reeleccionistas do “chavismo” de cara ás próximas eleccións presidenciais  que, como en Bolivia, igualmente se celebrarán en 2019.

 

Se ben a derrota de Evo non significa a perda de poder para o MAS, o contexto postelectoral define un novo momento de incerteza sobre a inevitabilidade dunha sucesión política que polarizará un panorama político onde o “evismo” consolidaba unha hexemonía aparentemente inalterable. Pero outra lectura sobre as leccións do referendo boliviano amplían a clásica perspectiva postelectoral de gañadores e perdedores, dando curso mais ben á consolidación dun proceso de participación política, normalización e estabilidade institucional, que reafirma o sentido de democratización da cultura cívica e política latinoamericana. 

 

 



(1) O que estaba en xogo no referendo constitucional boliviano cifrábase na reforma do artigo 168 da Constitución Política do Estado, referente ás posibilidades de reelección, para un terceiro período, dos actuais mandatarios, incluíndo a presidencia da República, de cara ás eleccións xerais previstas para 2019.

 

(2) En decembro de 2007, o falecido presidente venezolano Hugo Chávez impulsou un amplo referendo de reforma constitucional no que se estipulaba, entre outras disposicións, a reelección presidencial indefinida. O referendo foi rexeitado por un 50,65% dos votos, no que constituíu no seu momento como a primeira derrota electoral do chavismo desde a súa chegada ao poder en 1999. Posteriormente, celebrouse outro referendo de reforma constitucional (febreiro de 2009), no que Chávez obtivo a vitoria (54,86%), que lle permitiu institucionalizar a reforma constitucional relativa á reelección presidencial indefinida. Por tanto, o referendo boliviano do pasado 21 de febreiro constituíu o terceiro establecido na rexión desde 2007 relativo á modalidade de reelección presidencial, sexa esta indefinida ou por determinados períodos consecutivos, cuxos resultados amosan unha forte polarización que permite intuír serias contrariedades para as aspiracións reeleccionistas existentes en América Latina. Fóra da celebración de referendos, outros presidentes latinoamericanos como o nicaraguano Daniel Ortega, impulsaron a reforma vía decisión xudicial ou lexislativa que, no caso de Ortega, lle permite postularse para outra reelección de cara aos comicios presidenciais pautados para finais de 2016.