Un tanto estrañamente dada a naturaleza do acto impugnado, o Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso do goberno contra o acordo do Parlamento basco de ceder a súa sede á Asemblea curda no exilio. A decisión quedou en suspenso mentres non se resolve sobre o fondo do asunto. Neste mes de xullo deberían reunirse en Vitoria os representantes dese Parlamento. O ministro do Interior, Mayor Oreja, anunciou a adopción de medidas de control severísimas para impedir a entrada en España dos representantes curdos. Toda unha tronada de declaracións de condea promoveuse entón para recriminar a "irresponsablidade" dos deputados nacionalistas vascos. Dando unha de cal e outra de area, eses mesmos detractores agora laiánse profundamente da previsible condea a morte de Abdalá Ocalan, Apo, líder curdo do PKK, se ben cuidaronse de non adoptar iniciativas para garantirlle un xuizo minimamente xusto e mesmo de repudiar enerxicamente a recente sentencia, tamén a morte, do seu lugartenente Semdin Sakik. Durante o xuizo de Apo, varios membros do seu equipo de letrados foron detidos e algún permanece aínda en prisión, o fustigamento contra todos eles foi constante, o seguemento informativo resultou practicamente imposible e varios xornalistas foron expulsados do país mentres a outros non se lle deixou entrar.
Unha ollada a calquer informe de Amnistia Internacional sobre a situación dos dereitos humanos en Turquía e a represión do pobo curdo ofrece datos espeluznantes: a tortura é unha practica xeralizada ó igual que as desaparicións ou as execucións extraxudiciais, o ametrallamento desde helicópteros de pobos e aldeas, a formación de somaténs, etc, toda unha política programada para garantir a maior eficacia represiva. As instancias especializadas de Nacións Unidas ou o Comité Europeo para a Prevención da Tortura dispoñen de información documentada sobre milleiros de casos concretos de violacións dos dereitos humanos por parte das autoridades turcas. A cousa é tan grave que a Unión Europea afirma non admitir no seu seo a Turquía polos seus constantes atentados nesta materia. Pero mentres Aznar pon mil e unha pegas para que os Reis de España viaxen a Cuba, poñamos por caso, non dubida en enviar á súa Maxestade-El Principe a esa mesma Turquía para respaldar institucionalmente a Expotecnia 99 celebrada en Estambul a primeiros de xuño. ¿E esta a clase de "inxerencia humanitaria" que se propón dende o civilizado Occidente?
Algunha prensa cuidouse entón de precisar que un 20,6% das compañías que tomaron parte na Expotecnia eran bascas. O argumento económico foi un dos máis esgrimidos polos habituais valedores dos principios democráticos, como razón de peso para desaconsellar a celebración da reunión curda en Vitoria. Agora que a vida de Apo está pendente da forca ¿dirán tamén que é mellor calar para non danar algúns intereses económicos? A palmaria liquidación do Estado chega ata o nivel de suprimir a defensa de principios e intereses xerais que a cotío se reclaman como informadores do ordenamento xurídico propio e internacional en beneficio do balance resultante de equis empresas. A aplicación da mesma loxica envelenada pode levar moi pronto a Pinochet de volta a Chile.
Outro argumento é o terrorismo. Moitos se rasgan as vestiduras con este tema. A un venlle á cabeza esa foto da súa maxestade-El Principe con Nelson Mandela ó día seguinte de abandonar todos os seus cargos institucionais. Nun clima de aberta represión e imposibilitamento político, tamén o Congreso Nacional Africano debeu tomar as armas para defenderse do réxime de apartheid. Por iso cómpre considerar dúas cuestións. Primeira, que o pobo curdo non dispón hoxe de posibilidades legais de defender as súas aspiracións políticas como tampouco de impedir o simple exterminio. O exemplo do Partido para a Democracia é paradigmático: cando en 1994 obtiveron representación parlamentaria, foi ilegalizado e detidos case todos os seus deputados. A deputada Leila Zana, premio á Liberdade de Expresión outorgado polo Parlamento Europeo, permanece en prisión. ¿Terrorismo ou defensa, mais ou menos acertada, dun pobo perseguido? Os mesmos que pretenden deslexitimar a loita curda polo uso da violencia (sobre todo en Turquia, no Iraq dalle igual), non poñen reparos noutros casos "similares". ¿Non foron recibidos os mandos da UÇK na sede da OTAN en Bruselas? ¿Por qué non cuestionan a mediación de Nacións Unidas en Timor, onde un interlocutor fundamental é a FRETILIN, un movemento armado de resistencia contra a ocupación indonesia? ¿Como explicar o entendemento de Clinton ou Blair con Gerry Adams? …A indiferencia ou complicidade das grandes potencias contribúe á radicalización da loita curda.
Por outra banda, non debemos esquecer que, segundo afirma Yasar Kaya, presidente do Parlamento do Curdistán, soamente 12 dos seus actuais 65 membros pertencen ó PKK. A Asemblea curda constituiuse despois da ilegalización de 1994 e nela participan representantes de diferentes partidos, movementos e sectores sociais. Non é, como afirman algúns, o brazo parlamentario do PKK. Ata agora celebraron sesións na Duma rusa e nos Parlamentos de Italia, de Noruega ou de Dinamarca.
No colmo da perversidade e a descalificación chegouse a insinuar que a decisión do Parlamento de Vitoria tería por obxectivo provocar a Aznar utilizando a cuestión curda como subterfuxio. Certo que aínda que asi fora pouco importa. Pero como moi ben dicía Manuel Martorell no diario El Mundo, a preocupación do PNV polo problema curdo é moi anterior ás súas diferencias co goberno Aznar exhibindo dende sempre un compromiso que vai moi por diante non soamente dos grandes partidos estatais senon tamén doutros partidos nacionalistas do Estado que tamén procuraron atender dignamente esta causa se ben con menos eficacia.
No comezo do xuizo, Apo pediu o abandono da loita armada. Non se trata dunha declaración interesada. Dende outubro do ano pasado viña propiciando un xiro na estratexia do PKK cara á primacía da loita política, convencido de que a solución democrática do problema curdo soamente podía avanzar por esa vía. De non impedir a súa execución, a oportunidade estragarase por varios anos. Ó remate da vista, Apo vaticinou que unha onda de rabia sacudirá Europa se a pena de morte non é conmutada.
—————
Galicia contará con cinco eurodeputados na cámara de Estrasburgo en representación das tres principais forzas políticas do país. Entre todos aportarán unha visión máis plural e máis rica de Galicia e a súa competencia favorecerá unha maior presencia e debate dos nosos problemas neste importante foro político. Sabido é que en Europa decidense moitos asuntos transcendentais para a nosa Terra. Pero o camiño que comunica a Galicia con Europa é unha dirección de dobre sentido. Non se trata soamente de levar os problemas de Galicia a Europa. Esta renovada presencia debe facilitar asi mesmo unha maior aproximación de Europa a Galicia.
Esa viaxe de ida e volta non depara grandes inquietudes para as principais formacións estatais con presencia en Galicia que contan xa cun aparato e un discurso establecido. O caso de Camilo Nogueira é máis complexo, sobre todo na volta. Para o eurodeputado do Benegá será importante avanzar en dúas cuestións. Primeira, a profundización da formulación exterior da formación nacionalista que, a diferencia do discurso interno, permanece ancorado en boa medida en formulacións moi xenéricas e pouco desenvolvidas. Segunda, a vertebración do pragmatismo europeísta existente na súa organización e na base social, equilibrando a crítica estratéxica co tacticismo que obriga a involucrarse nunha engranaxe demonizada durante moitos anos. Por iso, tendo en conta a importancia do tema europeo en particular e do factor exterior en xeral, o papel de Camilo Nogueira pode ser históricamente decisivo para o nacionalismo galego, non soamente polo brillante traballo que de seguro realizará en Estrasburgo, senón igualmente pola influencia e a viraxe que poida provocar aquí na percepción de Europa.