Extramuros

JEAN-Pierre Maulny, xefe de redacción de "Relations Internationales et Stratégiques", pregúntabase hai algúns anos se tamén chegaría ó Occidente aquel movemento iniciado en Europa central e oriental e na antigua URSS, caracterizado polo cuestionamento dos Estados e o rexurdir dos nacionalismos; se, en definitiva, a volta ó Estado-nación podía concebirse como un fenómeno estrictamente localizado ou se podía expandirse polo mundo occidental… Recentemente, Pascal Boniface, director do IRIS (Instituto de Relacións Internacionais e Estratéxicas) descubría, alarmado, en Le Monde Diplomatique que o devandito fenómeno non soamente transcendera a Occidente senón que se convertiu nunha febre mundial imparable. Na opinión de Boniface ese regueiro de reivindicacións de pobos oprimidos que afloran en todos os continentes (chechenos, kurdos, kosovares, quebequeses, timorenses, etc) representa, polas súas ansias secesionistas, a máis seria ameaza para a paz mundial. Para este autor francés, a proliferación de novos Estados representa hoxe un problema maior que a propia proliferación nuclear.

A voz de alarma sobre os procesos de desmembración, certamente moi actuais en todos os continentes, inclúe a súa descalificación por un doble motivo: responden a motivacións profundamente egoístas e insolidarias (separarse dos outros, non compartir as riquezas con territorios menos favorecidos) e acrecentan a inseguridade. En consecuencia, a comunidade internacional debe ser inflexible neste punto e non tolerar a aparición de máis estados. Con independencia das motivacións que lle sirven de soporte, tamén semellante discurso resulta tremendamente perigoso para a paz pois esa expectativa de non recoñecemento internacional alenta ós partidarios da defensa a ultranza do statu quo, mesmo mediante o recurso á agresión. Polo demais, resulta un tanto patético calificar ós secesionistas do mundo enteiro de insolidarios cando na propia Europa unida, os grandes Estados ricos, néganse a financiar unha modesta parte do desenvolvemento dos menos adiantados.

Resulta absurdo, claro está, considerar un indiscriminado avispeiro estatal mundial como a solución inevitable ou ideal para dar satisfacción á prolífica emerxencia de identidades. Pero é igualmente equívoco rexeitar por principio aspiracións que poden ser plenamente lexítimas e estar democraticamente avaliadas. O exercicio da soberanía pode admitir diferentes niveis de graduación ata acadar un máximo de intensidade institucional.

Con seguridade, a voz de alarma podería darse noutra dirección. En lugar de acentuar os perigos dun hipotético éxito das reivindicacións das comunidades nacionais sen estado ou as incomodidades que poden derivarse de novas fragmentacións estatais, por qué non poñer de manifesto a esixencia de flexibilidade e de autocrítica por parte dos Estados que practican a negación sistemática e a violación dos dereitos humanos colectivos; evidenciar a qué responde esa aceptación sen rechistar do pragmatismo en tantas materias e sen embargo antepón nesta orde de asuntos un voluntarismo irresponsable que pode desembocar en conflictos violentos. ¿Resentirase máis a seguridade e a paz mantendo inamovibles estructuras que non satisfacen demandas políticas lexítimas e producen unha insatisfacción crecente ou desactivando esa negación a ultranza da alteración do statu quo asumindo como principio esa liberalización que tanto se predica noutras esferas da vida económica ou social?

Non se pode xeralizar. Evidentemente, non son exactamente equiparables as situacións de lombardos ou kosovares, de timorenses ou coreanos, de vascos ou galegos. Non hai fórmulas máxicas e cada caso debe ser analizado con prudencia sen pechar ás portas a priori a ningún mecanismo de convivencia. Tan irresponsable pode resultar alentar o fraccionamento como negalo. Sobra o "ata aqui chegamos".
E falla unha cultura política civilizada que asuma con naturalidade o dereito á diferencia e á discrepancia con todas as consecuencias.

ESTADOS Unidos e o seu aliado británico levan camiño de convertir o Iraq de Sadam Hussein nun inmenso campo de tiro. Sucédense os ataques e, ó parecer, como revelou The Washington Post, sen que medie provocación algunha por parte de Bagdad, senón como engranaxe dunha estratexia premeditada de destrucción de toda capacidade de resposta iraquí. De norte a sur, o dano é calculado: estacións de comunicación, sistemas de defensa antiaérea… iso si, con algunha que outra víctima civil non intencionada e que todos lamentamos. Pero cada bombardeo é lexitimado ás poucas horas mediante a oportuna publicación dun sondeo da opinión publica que afirma que todo lle parece ben.
As exportacións de crú permitidas por Nacións Unidas interrumpironse debido á destrucción dun tramo do oleoducto que transporta o petróleo de Iraq a Turquía. Por el circulaban a metade das exportacións autorizadas pola ONU. O limitado programa de "Petróleo por Alimentos" queda en precario.

Non quedan luz nin taquígrafos en Iraq. Non hai enviados especiais. Pero todos os días recibimos noticias dos acontecementos na zona. Neste contexto, parece mais que verosímil pensar que a suposta revolta shií no sur do país, producida como consecuencia da morte do líder relixioso Mohamed Sadeq al Sadr, é outra maquinación fraudulenta dos servicios de intelixencia americanos, semellante á fabricada durante a guerra do golfo de 1991. Vivimos na sociedade da desinformación. Temeroso dunha operación militar de envergadura utilizando unha suposta "rebelión popular" como excusa, en Bagdad reaccionaron con rapidez. Para non caír víctima dos espellismos de Oriente, o goberno levou de excursión a varios xornalistas estranxeiros ós lugares (Najaf, Nassiriya ou a propia Bagdad) donde transcurría esa revolta "invisible" para que comprobasen directamente que se trataba dun producto informativo elaborado no Pentágono. De consumir páxinas enteiras nos principais diarios, de súpeto pasamos a non saber nada máis dela.

Pero se ben é certo que a autoridade moral de Estados Unidos hai tempo que está en entredito, a posición da ONU desacreditase tamén cada día que pasa. A utilización de persoal da súa mision en Iraq por parte da espionaxe americana e israeli foi denunciada reiteradamente polo ex inspector norteamericano Scott Ritter e acredita unha clara perversión do mandato onusino. Denis Halliday, responsable do programa humanitario para Iraq, demitiu en protesta polo mantemento das sancións. O Consello de Seguridade está a lexitimar a tortura de todo un pobo, mentres mira para outro lado cando Israel desatende a legalidade internacional e, con ou sen Wye Plantation, exhibe a súa musculatura militar á mínima ocasión. Ou cando pasa con pes de lá sobre o ataque con míseis estadounidenses a unha planta sudanesa, a pesar de que unha investigación independente de Universidade de Boston revelou o "erro" da CIA e a inexistencia de relación algunha desta industria co millonario saudí Osama bin Laden.

Sadam é responsable de moitas cousas, pero non o único responsable de canto acontece na zona. O fracaso desta agresiva estratexia de acoso fortalecerá a Sadam e aínda no improbable suposto de trunfar con estas artes debilitarán seriamente a lexitimidade desa oposición que agarda impaciente, pero desunida, a liquidación do sultán de Bagdad.

É ano de aniversarios na China e o primeiro son os corenta da represión chinesa no Tíbet, un país actualmente dividido entre varias provincias e rexións. Estimase que dos sete millóns de tibetanos, na actualidade soamente dous millóns viven na rexión autónoma do Tibet. Na veciña provincia de Qinghai hai seis prefecturas autónomas, en Gansu e en Yunnan hai unha prefectura e un distrito, e en Sichuan, dúas prefecturas. As autoridades de Beijing teiman na idea de que o problema tibetano superarase con mellores comunicacións, máis investimentos e máis progreso e benestar, pero negan toda posibilidade de ceder poder político ó pobo tibetano. A Constitución chinesa, reformada estes días por terceira vez dende a súa entrada en vigor en 1982, non recolle o dereito á autodeterminación. Neste asunto, os comunistas chineses non se andan con gaitas e chámanlle a cada cousa polo seu nome: as minorías nacionais organizanse en unidades administrativas autónomas. As contradiccións e lagoas que poideran existir no movemento tibetano non opacan o centralismo represivo de Beijing, moi alonxado do ideario emancipador no que debería asentar toda proclama comunista. Aquí e na China.