Se o soño americano sempre foi chegar a ser rico, o soño europeo en 2000 parecía apuntar a desbancar ó amigo americano nos estándares do benestar. Esa foi a base do acordo que no ano 2000 se logrou en Lisboa, co propósito de emenda de chegar a ser a economía máis competitiva en 2010. Os días e os anos fóronse sucedendo, e hoxe, xa se poden sacar algunhas conclusións, do que a Comisión Barroso sitúa como o seu reto durante os anos que lle quedan de mandato.
Un obxectivo, que deberíase acadar a través da "sociedade do coñecemento", onde os Estados membros, deberían gastar, máis ou menos, o 3% do PIB. Unha cifra esta que, hoxe por hoxe, parece quimérica. O investimento total en investigación e desenvolvemento aproximase, sen chegar, ao 2%. E aínda que se incrementa de ano en ano, faino a uns niveis que de ningunha maneira permiten pensar que o obxectivo do 2010, poida acadarse.
Por outro lado, a taxa de emprego desexada para o caso, sería o 67% en 2005. O que tampouco parece posible. Incrementouse de 62.5% en 1999 a 64.3% en 2002, pero o nivel de crecemento non é suficiente para que se complete a cota esperada no 2005. A produtividade, que é a clave nunha economía competitiva, caeu dende os 90, e os indicadores dos EEUU dobran ós europeos. A inversión privada caeu tamén do 18,3% ó 17,2, mentres que o investimento público tamén descendeu, tendo consecuencias para as inversións en infraestruturas que potencien a produtividade, que é básica para o éxito da estratexia de Lisboa.
Por se fora pouco, temos que engadir a fuga constante de cerebros, e a menor cantidade de investigadores en comparanza cos EEUU -5,4 por 1000 en Europa fronte a 9,1 por 1000 dos EEUU ou 9,2 do Xapón-. E non acaban aquí os problemas, pois co menor uso das novas tecnoloxías é imposible acadar maior produtividade, o que nos distancia, aínda máis, dos obxectivos da estratexia de Lisboa.
O problema, é en moitos casos, a falla de compromiso dos Estados, e das grandes empresas, que xunto coa complexidade normativa, contribúen ó fracaso dos plans iniciais. As solucións, segundo todos apuntan, pasan pola creación de proxectos nacionais "parece imposible desprenderse dos nacionalismos de Estado e das desconfianzas-, e centros de excelencia europeos. Desta maneira a inversión se faría en grandes proxectos con fondos suficientes, capaces de atraer os mellores investigadores, obrigando do mesmo xeito a que os Estados se comprometan nas súas accións.
Ó mesmo tempo, un plan especial chamado "Erasmus Mundus" buscará o investimento nos recursos humanos de "calidade", outorgando condicións especiais de residencia para aqueles grupos nos que se pon interese como investigadores. Outros factores como a protección da propiedade intelectual, quedan pendentes, xa dende o 2000. Cinco anos despois aínda non se achega unha solución definitiva a un asunto que depende da vontade dos Estados, sempre receosos do cambio de status quo.
Outro campo de traballo é a CSR, "Corporate Social Responsibility", unha iniciativa da Comisión Europea, que pretende envolver ás grandes empresas nos obxectivos de Lisboa. Empresas, que se resisten a ver cómo as administracións interfiren no desenvolvemento dos seus negocios, en materia de lexislación social e de xestión corporativa.
Coa escusa do CSR, os representantes das grandes empresas, reuníronse o 3 e 4 de marzal, para probar que os grandes negocios europeos, poden actuar de maneira responsable, sen incrementar os intervencionismos lexislativos. Para darlle máis avoengo, a reunión coincidiu cos dez anos do nacemento do concepto do CSR, a partir dunha iniciativa de Jacques Delors en 1995, a European Declaration of Business againts Social Exclusion.
Esta reunión chega tamén, poucos días antes de que a Comisión Europea emita un novo comunicado sobre a xestión empresarial, que se encadra dentro da estratexia de Lisboa. En definitiva, o enfoque da Comisión, pretende atacar cinco áreas básicas: a innovación e a cultura emprendedora, os coñecementos e as capacidades, a igualdade de oportunidades e a diversidade, a saúde e a seguridade, e a protección medioambiental.
As compañías, a miúdo parapetadas en escusas relativas á creación de emprego e á competitividade "en moitos casos non exentas do amparo dalgúns Estados membros-, pretenden que estes obxectivos sexan opcionais e que só as compañías que os acepten teñan a obriga de implementar este tipo de prácticas, contando coa complicidade de tódolos actores, e mellorando a transparencia e a comunicación. E incluso, se é necesario, a través de cooperación e alianzas entre negocios.
Espérase que a Comisión, faga balance, cara finais de abril, deste punto en concreto. En calquera caso, constatase que dentro da complexidade da Estratexia de Lisboa, o entramado de intereses, tanto públicos como privados, é grande. E faise indispensable a implicación dos dous grandes actores: multinacionais europeas e os Estados.