A victoria da oposición nas eleccións lexislativas de decembro último en Taiwán, semella ter reconfortado a diplomacia chinesa, máis partidaria agora de afondar na vella estratexia do pao e a cenoria. A lei antisecesión que promove Beijing pensando en como cortar o paso ós soberanistas de Taipei, responde á primeira variable. En marzo, cando se reúne o Parlamento chinés en sesión plenaria, vai declarar anticipadamente que toda proclamación de independencia de Taiwán é ilegal, autoimpoñéndose a obriga de asegurar a reunificación pola forza se os independentistas van demasiado lonxe. Que logo non digan que os chineses non aprenden a conducirse pola senda das leis.
Chen Shuibian, o presidente taiwanés, cualificou este propósito de disparatado e un intento de modificar unilateralmente o statu quo existente. Chen Yulin, director do Departamento de asuntos taiwaneses en Beijing foise correndo a Washington a explicar ó novo Consello de Seguridade Nacional de EEUU que esta iniciativa non pretende tal cousa, senón todo o contrario, reforzar o statu quo. Non se trata, di Chen, dunha lei de reunificación senón dunha norma contra a hipotética declaración de independencia.
En paralelo, todo foron facilidades para negociar un acordo que permitise os voos directos entre Taiwán e China con motivo do Novo Ano Lunar, a comezos de febreiro. Facilidades que foron politicamente capitalizadas polos deputados da oposición, pois a iniciativa fíxose pública despois de que unha delegación de parlamentarios da illa cumprimentase a Chen Yulin. Entre os asistentes atopábase John Chang, o único neto que aínda queda de Chiang Kaishek.Cómpre lembrar que en 2003 houbo un ensaio, pero os voos organizados desde Shangai tiñan que dar unha volta por Hong Kong ou Macau reducindo o interese destes voos tanto en termos de tempo aforrado como de custo de billetes. Ademais, soamente participaban empresas taiwanesas e os voos regresaban baleiros ós seus puntos de recollida no continente. Desta vez, despois de 40 anos, os avións comerciais poderán ir dun punto a outro sen necesidade de facer escalas. Ademais, súmanse os aeroportos de Beijing, Guangzhou, Xiamen e Shenzhen. Segundo a consultora internacional Standard ans Poor”™s, estes servicios presaxian a apertura de vínculos de transporte directo entre Taiwán e China continental. Pero non será para mañá mesmo.
Durante a Festa da Primavera, a mais importante do calendario chinés, que se inicia co Novo Ano Lunar, do Galo nesta ocasión, entre .000 e .000 taiwaneses asentados no continente por razóns comerciais demandan voos para reunirse coas súas familias durante uns días. Beijing, a diferencia do ano pasado por temor a favorecer a Chen nas eleccións, adiantou a súa boa disposición, pero coa condición de que a negociación fose “apolítica”, é dicir, cos parabéns de ambas administracións pero conducida polas organizacións profesionais de ambas partes, cun reparto igual de voos especiais, tráfico de ida e volta, sen parada, con aparatos dos dous lados. Chen tivo que ceder ás presións profesionais e da oposición e os voos levaranse a cabo entre o 29 de xaneiro e o 29 de febreiro. Tratase dun acordo certamente histórico pois a situación de paz fría impera aínda entre as dúas Chinas e, como consecuencia diso, dende hai mais de cinco décadas ningún avión do continente aterrara en Taiwán.