¿Fin de ciclo en China?

 Fábrica textil, clic para aumentar
Comeza a chamar a atención a elevación dos custes de produción, en especial, dos salarios, nas zonas máis desenvolvidas do país. Nas cidades do Sur de China, o crecemento salarial anual é da orde do 20%. As rivalidades entre o delta da ribeira do río Perolas, e o delta do Changjiang, nos arredores de Shangai, dan conta da penuria de man de obra, insuficiente a pesares do importante éxodo rural, e da baixa cualificación.
 

Algunhas tendencias indican que China está iniciando un novo ciclo no seu desenvolvemento. A primeira, puidemos constatala no recente cumio mantido en Washington polos presidentes Bush e Hu Jintao. China deu a entender a súa disposición a cooperar con EEUU, pero sen abdicar dos seus intereses nacionais naqueles asuntos que considera transcendentais. E non son poucos. A doutrina do desenvolvemento pacífico e a aposta polo multilateralismo, conceptos centrais na visión internacional da China actual, veñen arroupados pola afirmación dunha soberanía que no EEUU de Bush lese en clave de rivalidade presente e futura.

A segunda tendencia ten que ver co cambio no modelo de crecemento. China quere depender menos das exportacións (70% do PIB) e dos investimentos produtivos, para favorecer o mercado de consumo interno. Esa nova mirada cara o mercado interior vese favorecida polas tensións cos seus socios comerciais e polas propias tensións locais (14 millóns de desempregados, 200 millóns de excedentes no campo, entre outras). Por outra banda, comeza a chamar a atención a elevación dos custes de produción, en especial, dos salarios, nas zonas máis desenvolvidas do país. Nas cidades do Sur de China, o crecemento salarial anual é da orde do 20%. As rivalidades entre o delta da ribeira do río Perolas, e o delta do Changjiang, nos arredores de Shangai, dan conta da penuria de man de obra, insuficiente a pesares do importante éxodo rural, e da baixa cualificación. Outro tanto acontece co prezo dos terreos ou cos custes dunha proteción ambiental que, por fortuna, resulta cada vez máis difícil de esquivar. A partir de 2007, o imposto sobre beneficios para as empresas de capital estranxeiro iniciará o seu tránsito do 15% actual ata o 25% (fronte ao 33% das empresas chinesas). Os patróns das pequenas e medianas empresas exportadoras consideran que non queda moito tempo para que os seus prezos sigan sendo tan xenerosamente competitivos, sobre todo de producirse a reevaluación do iuán, que chegará dun xeito ou doutro.

A síntese de ambas tendencias concrétase nunha crecente simpatía polo proteccionismo. Comezan a erguerse voces en contra da compra de empresas chinesas por parte de estranxeiros, que alertan sobre a desaparición das marcas nacionais porque son adquiridas co único obxectivo de eliminalas para facerse cos mercados. Nas sesións de marzo do Parlamento houbo varias propostas para restrinxir o acceso externo aos mercados domésticos. O goberno aprobou que nos proxectos importantes financiados con fondos públicos, un 60% das compras de equipamento deben ser de produción nacional. E haberá máis medidas na mesma liña.