Actualmente é presidente do Grupo Torres & Sáez e da Fundación Juana de Vega. Tamén é patrón do Museo do Pobo Galego e membro do consello asesor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Ademáis, escribiu libros como “O mundo e nós” (1999), “La Energía Oscura Del Dinero” (2007) ou “La libertad en el S.XXI” (2019), mantendo un blog en constante crecemento baixo o mesmo título, https://libertadxxi.com/
No marco do seu compromiso panorámico co coñecemento e con Galicia, destaca especialmente a súa relación coa defensa e promoción da lingua galega. Nese eido, ademais dunha longa traxectoria, como ser membro fundador da AGAL, fundou xunto a outros compañeiros, a asociación “Do Galego ao Portugués” coa que actualmente están a promover a expansión dun lema que desde o IGADI compartimos -Galego por diante.
En primeiro lugar, como nace e cal é o obxectivo da asociación Do galego ao portugués? Que actividades desenvolvedes?
A Asociación do Galego ao Portugués nace para potenciarmos o emprego do galego no espazo da lusofonía. A proximidade das linguas permite unha boa comunicación. Os idiomas son para a xente falar, comunicar, entenderse. Xa existen asociacións que promoven a reintegración do galego nese espazo. Como a batalla ortográfica bloquea moitas cousas, nós centrámonos na comunicación oral. Por desgraza, temos pouca capacidade de desenvolver moita actividade. Producimos dous vídeos nos que se escenifica o que lle ocorre a un galego que ten que ir traballar ao Porto e vaise dando conta do útil que é o galego, aínda que tamén atopa “falsos amigos”. Se conseguimos medios, serán o inicio dunha serie. Os vídeos pódense ver en dgap.gal
Que podes contarnos de como ideáchedes a campaña Galego por diante?
Xurdiu falando entre nós nos derradeiros meses do 24, cando se coñeceron novos datos da perda de falantes dunha lingua que xa non é a máis empregada na súa propia terra. A frase , galego por diante, implica asumir un reto: temos que entrar falando galego en calquera lugar ou actividade que se desenvolva na Galiza. Poñela nunha camisola procura converter os peitos de galegas e galegos en plataformas reivindicativas dunha nova actitude. Necesitámola.
Onde poden encarregarse as camisolas?
As camisolas pódense adquirir na tenda on line que temos en dgap.gal. Son calidade premium e vale só 10 euros a unidade, máis 3 de gastos de envío.
Calquera entidade pode participar?
Isto non é un negocio para a nosa asociación. Calquera asociación, institución cultural ou de outro tipo (de festas, deportivas…), pode adquirilas do noso fornecedor, ao mesmo prezo ca nós, para usalas ou vendelas. Os datos da empresa galega que produce as camisetas está na web galegopordiante.gal. Se se poñen en contacto con ela, proporcionaralles prezos e prazos.
Por último e sendo ti economista, querería preguntarche, a nosa lingua fainos máis competitivos no mundo actual? Como podemos enganchar a defensa da lingua aos axentes sociais e económicos do país?
A nosa lingua é unha extraordinaria arma de comunicación internacional. No mundo dos negocios falar o idioma do outro xera empatía, potencia as relacións comerciais e facilita a formación de equipos. Resulta unha desgraza que non se ensine portugués, desde o galego, no ensino medio, potenciaría moito as habilidades dos estudantes para traballaren no mundo aberto de hoxe. Debería ser obvio. Estamos a perder un arma para sermos máis competitivos nun espazo do planeta poboado por trescentos millóns de persoas. Contra os que queren empobrecernos: Galego por diante!

