Unha versión previa deste artigo publicouse n´a Voz de Galicia
Fonte: Comisión Europea

Galicia na encrucillada dos fondos europeos (de novo)

Este 6 de maio rematou a consulta pública sobre o futuro orzamento europeo post-2027, que se presentará neste mes de xullo. Logo comezará alomenos ano e medio de negociacións, posicionamentos e forcexeos co inevitable compromisos ben pasados tódolos prazos, para logo seren aprobados os plans de gasto nacionais e no seu caso rexionais. Finalmente gastaranse os fondos como mínimo cun ano de retraso.
Liñas de investigación Paradiplomácia União Europeia
Apartados xeográficos Europa Ação estrangeira da Galiza
Palabras chave UE Galicia Fondos Europeos

É unha coreografía, tanto polo que ten de danza que polo que ten de aparencia, que os galegos vivimos xa sete veces. As páxinas da prensa galegadocumentan ao longo destas catro décadas as sucesivas preocupacións polo reparto de fondos, pola súa posible perda coa ampliación ao Leste, pola suba de prosperidade (e por tanto menos fondos) ao pasar a ser rexión de transición, e así ate hoxe. Sucesivos medos atávicos. Galicia é o noveno receptor de fondos da historia da UE (chegou a ser o quinto), equivalente a todo o orzamento da Xunta dun ano.

E sen embargo esta vez si que é diferente. A danza non comezou no ano previo ao lanzamento da proposta, senón en 2020. Co gallo do virus, no Plan de Recuperación produciuse un xiro copernicano en como se asignan e xestionan os fondos. Centralización nos ministerios, pago por reformas (que, como dixo o Tribunal de Contas, a miúdo nada tiñan que ver co destino que se lle deu aos fondos) e sobre todo sen apenas trabas sobre en que gastalos. Bruxelas envía cartos por adiantado, e non reembolsándoos anos despois coma ocorría ata daquela, e sen necesidade de cofinanciar unha parte.

Sorprende só ao incauto que o Plan de Recuperación sexa sobre o papel moito máis popular nas administracións cós tradicionais fondos estruturais. Como era previsible, a Presidenta Von der Leyen propuxo na súa reelección xeneralizar a metodoloxía do Plan de Recuperación aos fondos post-2027. O que supón un Plan Nacional Único para todo Estado, controlado polos ministerios e, no seu caso, coas Comunidades xestionando parte das axudas ou concedéndollas directamente aos concellos. E iso que o Plan de Recuperación español é máis descentralizado có de estados plenamente federais coma Austria ou Alemaña. Non porque o esixira “Europa” senón máis ben pola aritmética parlamentaria dese momento. Tamén xa pasou neste período co desenvolvemento rural dentro PAC. Tamén pola limitada capacidade dos ministerios de xestionalo todo. Pero grazas ao Next Generation, moitos deles probaron por primeira vez as meles do maná europeo e non quererán perdelos cando estes fondos rematen o ano que vén. Moi poucos galegos saben, que o plan español para gastar 6.000 millóns dun novo Fondo Social para o Clima vaise a mandar a Bruxelas en xuño. Ao igual que co Next Generation a Xunta acaba de decidir pedir 2,000 millóns deses 6.000 só para Galicia. Pedir non ten cancelas, sobre todo cando o goberno é inimigo. Ao final caeránllle o mesmo que predicimos para o NGEU, o 5% (300 millóns) que é o peso poboacional de Galicia no Estado. Por suposto malia vencellar á próxima Xunta non se falou nin falará disto no Parlamento.

É inútil pasar os próximos meses a temer porque co maior gasto en defensa e en grandes industrias estratéxicas “lle vaia caer menos a Galicia”. Se se confirma este novo enfoque centralista –ainda que o Comisario de orzamentos Piotr Serafin falou tamén de plans rexionais– pode operarse unha reforma constitucional encuberta do Estado autonómico. E non para que cunha xestión direccionada desde Madrid dos fondos se poña en práctica a noción de Estado Estratéxico, senón máis ben maior discrecionalidade política nas mans de quen goberne en Madrid en 2027. Por iso que toca posicionarse e facer as cousas ben agora. Galicia ten hoxe mesmo un 60% dos seus fondos sen planificar.